Opinión

Baixar impostos? (II)

DICIAMOS A semana pasada que hai dous camiños políticos de facer xestión pública no tema fiscal: un, o de promover a baixada de impostos e manter un nível realmente baixo, e outro, unha política recadatoria elevada. Nada citamos dunha condición indispensábel en cada caso para cumprir coa adecuación entre os ingresos e os gastos necesarios. É dicer, os ingresos deben ser suficientes para os gastos necesarios. Non se considera prudente o labor dun xestor de facenda pública que recade impostos non suficientes para cobrir os gastos que socialmente se consideran necesarios, xa que desa forma se obriga á administración pública a se endebedar de maneira que o que semella unha política fiscal mol cos cidadáns acábase convertendo nunha trampa mortal para o futuro inmediato e para o medio prazo. Anunciouse a rebaixa de varios impostos no proxecto de orzamentos 2020 da Xunta de Galiza. Mesmo a pequena cantidade de millóns de euros que se anuncia como cálculo do que non vai ser ingresado, basta para xustificar que estea ben feita. Aínda que este é o argumento circular máis perverso que atoparse poida, é así como se xustifica: rebaixamos o imposto de sucesións en Galiza até un 0 de pagamento por herdanzas de menos de un millón de euros por herdeiro. O calculado no proxecto de orzamentos como non ingresado por esta vía significará 5,4 millóns de euros. Outra rebaixa contemplada é a rebaixa do tipo impositivo sobre transmisións patrimoniais de vivendas: primeira e segunda en zonas pouco poboadas (están incluídos concellos que ocupan o 80% do territorio galego).

O rechamante do asunto é que hai distinta rebaixa segundo se trate da primeira ou da segunda vivenda. Para velo cun caso: unha familia de xente nova quer comprar unha vivenda en Rábade, nunha zona das declaradas. Para eles é a primeira e única vivenda e ten un prezo de 50.000 euros. A rebaixa do tipo do 7 ao 5% significa un aforro no imposto de transmisións patrimoniais de 1000 euros, quer dicer, deben pagar 2.500 euros, que, ben mirado, nese prezo total é moito diñeiro. En cambio, a rebaixa para comprar unha segunda vivenda nas áreas consideradas pouco poboadas, mesmo un lugar do Concello de Oleiros (a concentración de rendas persoais máis alta de Galiza) supón unha rebaixa de tipo impositivo do 10 ao 6%. Unha vivenda (chalet de veraneo, por exemplo) na Illa de Arousa que teña un prezo de 600.000 euros pagaría 36.000 euros en lugar dos 60.000 que lle corresponderían antes desta baixada. Non obedece ao mesmo criterio de xustiza equitativa na recadación fiscal o valor relativo para uns primeiros demandantes da primeira vivenda, 2.500 euros, que o aforro para alguén que dispón de patrimonio suficiente para se permitir comprar unha segunda vivenda, mesmo de luxo, e deixa de pagar 24.000. A segunda parte deste proxecto de orzamentos é que se elabora sobre un optimismo delirante: anúnciase que estas rebaixas serán responsábeis dun aumento da recadación.

Xa estamos vendo o mercado inmobiliario sofrendo convulsións e movéndose en compras e vendas de forma destemida.

Comentarios