Opinión

O poder dos bancos

É BEN coñecido o relevante papel da banca así como dos outros intermediarios financeiros, que hoxe son moitos máis que os que ostentan tal título oficial: os bancos, as caixas, as compañías de seguros, os fondos de investimento, os fondos de pensións, as mutuas e as cooperativas de crédito, son parte dese conxunto. As empresas que venden a crédito —con ou sen tarxetas proprias— crean diñeiro e aínda sen seren titulados oficialmente como intermediarios, cumpren funcións desa natureza e a súa vida económica inflúe tamén no devir financeiro dunha economía: os supermercados con tarxeta, os grandes armacéns, os concesionarios de automóbeis, os de electrodomésticos, tendas de móbeis… e todos aqueles que á parte da venda de mercadorías oferezan vendas aprazadas, a crédito ou con calquer outra modalidade posíbel distinta do contado, con financiamento proprio. Por razón da presenza e penetración en todo o tecido económico dos intermediarios financeiros, debemos considerar a importancia económica xeral dos seus problemas. Sucede, porén, que a vida privada dos negocios financeiros adoita ser moi privada, ou privativa, de modo e maneira que os cidadáns estamos sabedores até a náusea da vida e obras dos responsábeis políticos das distintas institucións, como se de artistas da farándula se tratar, e non temos nen idea dos avatares dos negocios bancarios, mesmo nen daquelas partes que son, ou poden chegar a ser, para o goberno particular dos cidadáns, decisivas. Así sucedeu estes días co problema de Abanca: os titulares de 1,5 millóns de tarxetas souberon que "estamos arranxando o problema", referíndose á falta de resposta dos caixeiros e da banca on line. Que se pasou? Non se soubo nada. A prensa diaria ten novas, moreas, caracterizadas por referir unha cantidade enorme de feitos irrelevantes, rechamantes, escandalosos, arrepiantes, escaparate de desgrazas próximas e lonxincuas etc., e pílulas de feitos relevantes, só para supostos entendidos, de asuntos realmente importantes con incidencia no presente e no futuro da vida dos cidadáns.

Deberíamos ter acceso á información do desenvolvemento da vida das empresas que poden influír —e de feito inflúen moito— nas nosas condicións de vida diarias. Hai determinados gastos periódicos que son inescusábeis, non hai opción, a curto prazo, dunha alternativa; non podemos prescindir nunha vivenda de electricidade así polas boas, non podemos optar por non abonarmos a factura de auga e recollida de lixo (mesmo demostrando que non producimos lixo), non podemos negociar o custo dos servizos bancarios, polo menos a curto prazo tamén, non hai opción para non pagar o aluguer ou a hipoteca ou os gastos de comunidade da vivenda. Xa non citamos os do catastro ou os gastos fiscais. É tamén unha evidencia que eses gastos teñen un peso proporcionalmente inverso aos ingresos, nos asalariados da escala inferior; por iso, unha boa información acerca do devir das grandes compañías, bancos incluídos, podería ser un instrumento de democracia co reparto de información interesante. Pero sucede o contrario: ou non hai máis que segredos ou as novas morren nada máis nacer. Terá algo que ver con esta conduta ocultadora o poder dos bancos?

Comentarios