viernes. 24.09.2021 |
El tiempo
viernes. 24.09.2021
El tiempo

Unha sociedade de vellos

Unha das cousas que non se aprendeu na primeira parte da pandemia foi a tratar aos vellos: nin nas residencias nin aos que viven sós nin tampouco en intentar coñecer as causas de afectación do virus en persoas idosas. O só feito de que notemos que existe discriminación por razón de idade é un síntoma máis dunha sociedade que ten chegado moito antes a ser maioritariamente vella que a saber viver entre vellos. É tamén sinal da carga dunha estimación social perversa baseada na valoración hiperbólica dos atributos identificados coa xuventude. E dicimos perversa porque, ben analisado, o poder, o poder económico real, está igual que sempre nas mans de persoas ben idosas que detentan até que morren a capacidade de decidiren sobre vidas e futuro de todos os cidadáns. Desde o director de Siemens ao accionista maioritario de Microsoft (o extravagante ‘mozo’ de 64 anos Steven Ballmer), os executivos e os proprietarios das grandes empresas do mundo son, na denominación común, vellos.

Mesmo os gobernantes dos países poderosos, desde Biden (78 anos) a Xi Jinping (67 anos), ao presidente de Xapón (66), pasando pola señora Merkel (66) son idosos, na idea común da moda imposta e na consideración social vulgar. Observamos que no campo das esixencias populares é case gracioso que se levanten voces reclamando máis pediatras nos centros de saúde, e non haxa nin unha só petición de dotación de xeriatras. Por certo, existe esa especialidade en Medicina?

A composición por idades no vello continente europeo está en consonancia con esa denominación, mesmo quedaría mellor como o continente dos vellos. Esta realidade foi considerada nalgúns países para se dotaren institucional e socialmente da asistencia precisa á cobertura dos dereitos dos vellos, non así no Estado español e na Galiza tampouco. O espectáculo de almacéns de vellos sen case ningún dos dereitos que teñen mesmo os encarcerados, transparenta unha sociedade embrutecida guiada só polas aparencias.

Aquí houbo en pouco tempo un crecemento económico que levou por diante modos e culturas dun pasado próximo e foron substituídos pola nada máis absoluta: sen familia de apoio e sen estrutrura social ao xeito para a vida da última etapa da vida. As cifras, desta sociedade de vellos, amosan doadamente esa realidade. En Lugo, dunha poboación total (a principios deste ano) de 327.874 habitantes, o 30% ten máis de 65 anos. Na Galiza, o 25% da poboación é maior de 65 anos, e en Europa case o 20% da poboación supera esa idade. En cambio, en China so o 12% son vellos, e pola contra hai 1.011 millóns menores de 14 anos, que é un volume 1,34 veces toda a poboación de Europa.

O futuro do mundo non está no vello continente pero o que é ben magoento é que neste lado do mundo, en concreto nesta pequeniña parte que é a Galiza, non teñamos como problema formulado unha alternativa de vida en calidade e cos dereitos humanos a coberto para os vellos, igual que os de calquer outra idade e condición.

Unha sociedade de vellos
Comentarios