sábado. 23.10.2021 |
El tiempo
sábado. 23.10.2021
El tiempo

Narciso sen bigote

O ‘BULLYNG’ iniciado por un rapaz ou unha rapaza adoita practicarse despois por outros do grupo que, ora por amizade, ora por medo a seren eles tamén branco do acoso, se suman á inxustiza.

Isto me evocou a resposta de Aznar á xornalista que, hai uns días, lle recordou que era o único do trío dos Azores que non recoñecera o erro cometido. No seu ‘sostenella y non enmendalla’, asegurou que non podiamos deixar só ao amigo americano: «No voy a pedir disculpas por defender el interés general de España que pasaba por no dejar a EE.UU . solo y fortalecer la política atlántica».

Se as guerras sempre son malas, e máis se temos en conta que a diplomacia aínda non rematara o seu labor e os observadores internacionais insistían en que non había as tales armas de destrución masiva, non se comprende o comportamento de quen se considera a si mesmo o súmmum da ponderación e o siso, como deixa entender cada vez que fala. O seu servilismo e o seu cálculo custaron sangue. E non se arrepinte de nada!

Diráseme que isto aconteceu hai case quince anos e é certo, pero, a guerra segue alí en forma de terrorismo, a roer na carne dos que non a elixiron. E si, quince anos despois, o máis devoto do principal promotor da intervención, declara que non lle pesa. Máis papista que o Papa, porque Bush, cando quedou ao descuberto a falsidade da coartada, fixo polo menos unha certa palinodia.

Como é ben sabido, detrás de todas estas guerras sempre están os intereses estratéxicos e económicos. As trinta moedas polas que son vendidos os Cristos de todos os tempos. A queixada de asno que brande o Caín de sempre contra Abel.

Tampouco se moveu un palmo o Sr. Aznar das súas declaracións verbo dos atentados do 11M de 2004, o dos 193 mortos e case 2000 feridos. Intentou dicir sen dicir e, desde logo, non se desdixo.

Como non lle preguntaron pola xestión do ‘Prestige’, perdemos a ocasión de oílo admitir non teren feito, ao principio, ben as cousas. Mais non tardaría en engadir que á fin se xestionou ben.

Durma tranquilo, señor expresidente. Os remorsos son para as persoas que teñen no tórax un corazón e non unha calculadora, para os que levan na mente a luz da verdade e non o alcatrán do engano.

Non o xulgo. Non son quen. É humano errar, pero moito máis ter dúbidas. Semella que vostede non as ten e por iso anda tan oufano polo mundo. Non o xulgo; porén, asegúrolle que os intereses de quen apostamos pola paz, non os defendeu.

Despois da miña filípica non debería pedirlle nada. Aínda así, vouno facer: Deixe bigote. Así, poderemos pensar que se arrepinte de telo rasurado e rectifica en algo.

Narciso sen bigote
Comentarios