Opinión

1.000 mulleres

1.000 mulleres asasinadas, en casos de violencia machista, dende o 2003, ano no que se estableceu unha estatística oficial ao respecto cinguindo a violencia de xénero só á que exerce un home contra a súa parella ou ex parella. Mais xorden varias preguntas inmediatas. ¿E Diana Quer? ¿E Laura Luelmo? Non, elas non figuran na estatística das 1.000 mulleres asasinadas en España pola violencia machista nos últimos 15 anos. 

Segundo o Observatorio da Violencia de Xénero, creado no 2005, ás fatídicas cifras oficiais dende 2013 habería que sumar, por exemplo, un total de 243 menores de idade que ficaron orfos debido á violencia de xénero machista. E, no mesmo arco de tempo, a cifra de menores asasinados polos seus proxenitores machistas ascende a 28. Mais tamén xorde aquí, sumado a todo o anterior, outra pregunta. ¿E as nais, as irmás, as amigas, as veciñas, as inmigrantes, as prostitutas e calquera outra muller que polo feito de ser muller é asasinada? ¿Cantas se poderían contabilizar dende 2013?

No conxunto da civilizada Europa, segundo datos oficiais e seguramente incompletos, son vítimas mortais de violencia machista cada semana 50 mulleres

Recoñecer a violencia machista fóra do ámbito da parella ou da ex parella é absolutamente necesario. O asasinato de mulleres existe como tal, con toda a súa evidencia, e habería que falar, dadas as circunstancias, de “feminicidio” ou “femicidio”. O Instituto Europeo para a Igualdade de Xénero define o feminicidio como o asasinato dunha muller a mans dun home por machismo, independentemente de ter existido ou non unha relación previa entre vítima e agresor. Mais en Europa apenas se fala de feminicidio. En Alemaña, por exemplo, houbo 147 asasinatos de mulleres no ano 2017: case 3 por semana. E, ao mesmo tempo, houbo moito silencio sobre ese terror constante e incesante. Só a portavoz de políticas feministas dos Verdes se atreveu a dicir no Bundestag que a situación en Alemaña era absolutamente “insostíbel”. ¿Que pensaría realmente sobre o tema Angela Merkel?

No conxunto da civilizada Europa, segundo datos oficiais e seguramente incompletos, son vítimas mortais de violencia machista cada semana 50 mulleres. A Unión Europea fala moito de “seguridade” mais non recoñece o feminicidio. Existe, sen dúbida, un poder político, patriarcal, que acaba sendo cómplice silencioso e pasivo do feminicidio. Como ben di a filósofa e profesora Carme Adán, aquí, hai 30 anos, entre nós, a violencia de xénero era invisíbel. Mais hoxe segue a ser un auténtico crime. 

Comentarios