domingo. 17.10.2021 |
El tiempo
domingo. 17.10.2021
El tiempo

Con Forges sempre

Forges tivera que se enfrontar a un 'consello de guerra' por unhas viñetas críticas co Exército español, e finalmente todo acabou arquivándose por falta de probas

A última vez que tiven a ocasión, e o pracer, de falar con Antonio Fraguas Forges, do mesmo xeito que tiña acontecido en encontros e conversas anteriores, fun testemuña de como saían dos seus beizos alusións á Fonsagrada e a Lugo, e nunha oportunidade concreta chegou a referirse ao seu pai galego, Antonio Fraguas Saavedra, lugués da Fonsagrada -lembrou el mesmo-, xornalista, narrador e dramaturgo que pertencera no seu día a Falange Española e fora presidente da Comisión Nacional de Censura Cinematográfica entre os anos 1942 e 1946. "Soy de padre gallego y madre catalana"-díxome, e percibín nel unha certa melancolía-, "pero yo nací en Madrid".

Eu coñecín a un Forges, extremadamente amábel e sempre a debuxar un leve sorriso no seu rostro, moi activo na loita pola modificación do artigo 165 da actual Lei de Réxime da Seguridade Social, para que os autores xubilados, que son os afectados -el tamén o era-, puidesen resolver a incompatibilidade existente entre a percepción do cobro da súa pensión e as retribucións xeradas pola produción artística e intelectual que estes autores ou autoras seguen a realizar. E neste tema Forges era moi directo, pois acusaba expresamente ao Goberno do Partido Popular de mala fe e de ir mesmo contra os Dereitos Humanos, confiando en que o Tribunal de Estrasburgo -chegou a dicilo en varias ocasións- acabase dándolle a razón aos creadores xubilados, claramente castigados en España por unha política que non ten parangón en ningún outro país da UE. Cousas veremos.

Como humorista gráfico -un dos mellores do noso tempo, sen ningunha dúbida-, Forges soubo facer verdade aquela idea de André Breton que aludía a un sentido do humor capaz de efectuar unha contorsión coa que superar a habitual gravidade dos acontecementos, por transcendentais que estes foran. No ano 1977 -lembreillo eu noutra ocasión- Forges tivera que se enfrontar a un consello de guerra por unhas viñetas críticas co Exército español, e finalmente todo acabou arquivándose por falta de probas. Sorte que houbo. Anécdotas hai moitas. Mais, con toda certeza, o noso humorista, dono sempre en imaxes e textos dun discurso humorístico propio, será recordado polo seu compromiso de carácter humanista e progresista, crítico sempre co poder e, particularmente nos últimos anos, moi activo na denuncia dos recortes laborais e sociais que padecemos. Descanse en paz.

Con Forges sempre
Comentarios