Opinión

Dignificación democrática

44 anos despois da morte do ditador Franco, o Estado español dá un paso adiante, necesario, inapelábel, obrigatorio, e debe entenderse este como unha forma de catarse inicial no camiño de fixar un espazo democrático colectivo que abra horizontes de dignidade e adecentamento para o conxunto da sociedade. De xeito decidido e inmediato, o Goberno saído do 10-N deberá cumprir os seus deberes en materia de dereitos humanos e de compostura democrática e proceder, de acordo coas familias afectadas, á identificación e posterior enterro das máis de 110.000 mulleres e homes que aínda, para vergoña mundial, permanecen en foxas comúns. ¿Como pode permitir o Reino de España, en pleno século XXI, ser o segundo país do mundo, despois de Camboxa, en número de desaparicións humanas?

O golpista, criminal e ditador Franco xa non está no mausoleo de Cuelgamuros (antigamente Pinar de Cuelga-Moros) e isto constitúe unha boa nova. O paso adiante prodúcese. ¿Mais que vai facer o Estado e a democracia coa tumba do fundador da Falange Española, organización claramente fascista, José Antonio Primo de Rivera, tamén situada no denominado Valle de los Caídos? ¿E pódense manter nun Estado democrático Fundacións que levan o nome de Francisco Franco e de José Antonio, que fan clara apoloxía do fascismo, odio e golpismo/terrorismo incluídos?

A saída de Franco do oprobioso Valle de los Caídos é un paso adiante no plano democrático colectivo, mais aínda hai moitas máis cousas por facer

O golpista Antonio Tejero, que entrou armado no Congreso dos Deputados e efectuou un disparo no Hemiciclo, quixo estar presente no segundo enterro de Franco, e o seu fillo, Ramón Tejero, sacerdote católico, oficiou unha eucaristía e pronunciou unha homilía, chea de louvanzas ao ditador, na que, entre outras, se referiu a Franco como Soldado de Cristo. Xulguen vostedes. ¿E como se referirán os sacerdotes católicos da basílica sevillana de La Macarena a Queipo de Llano que alí descansa baixo brillante lápida, o que asasinou a 14.000 cidadáns sevillanos e facía apoloxía das violacións múltiples de mulleres?

A saída de Franco do oprobioso Valle de los Caídos é un paso adiante no plano democrático colectivo, mais aínda hai moitas máis cousas por facer para que a democracia española sexa digna en razón de si mesma. Entre outras, prohibir e perseguir toda manifestación franquista e de apoloxía da ditadura, da mesma maneira que en Alemaña está prohibida a produción, distribución, exhibición e glorificación do nacionalsocialismo hitleriano.

Comentarios