domingo. 17.10.2021 |
El tiempo
domingo. 17.10.2021
El tiempo

Lembranza de Pimentel

O ANO QUE VÉN cumpriranse 60 anos da morte de Luís Pimentel. O pasamento do poeta tivo lugar na súa casa —a casa que el mesmo vira construír de pequeno— poucos minutos despois de abandonar a tertulia á que asistía no Café Méndez Núñez. Era o 13 de febreiro de 1958. E non resulta difícil imaxinar o poeta de regreso ao número 16 da luguesa Praza Maior, acompañado pola unha sensación de anguria, tantas veces disimulada, que lle era propia, e levando nesta ocasión, tal vez, unha tristura aceda a lle premer no peito, que provocaba unha certa alarma nos seus ollos naquela luz inverniza da tarde. Non tardaría, xa nas sombras procuradas da casa, en fallarlle o corazón.

Arcadio López-Casanova acerta ao presentarnos a imaxe de Pimentel como a dun home alto, esguío e de andar longo pero pausado, dono dunha voz de sonora gravidade, unida a uns "xestos contidos de mans finas no ar: requintada sobriedade e don de humana elegancia". E engade o autor de Mesteres que o doutor e poeta lugués era un home cordial, xeneroso de corazón para con todos, cheo día a día de íntimos e secretos silencios, e dorido sempre de misteriosos desacougos, soidades infindas e "non se sabe que calados asombros do corazón". Perfecto retrato. E Carvalho Calero, amigo persoal de Pimentel, tamén nos deixou dito que vía no poeta un espírito de artista que gustaba de gozar da beleza da vida e que era posuidor dunha sensibilidade moi aguda e dun trato extremadamente agradábel, cortés e delicado.

Así era o autor de Barco sin luces, aquel libro finalmente publicado dous anos despois da súa morte, sobre o que Dámaso Alonso, autor do limiar —e serven as súas palabras para contribuír ao gran retrato de Pimentel—, nos advertiu: "No toquéis a este libro. Podría deshacerse, porque es todo de rosas ceniza, de cristal, de hundidas sombras, de aire. Quizá mejor que no entréis en este misterio (...) Es un reino sin banderas, enlutado de blanco".

Pasados os anos, eu, que tiven a sorte de ler a Pimentel na miña adolescencia, sigo a ver o noso poeta lugués enlutado de blanco. No poema titulado Cunetas —referido ao terror do 36— hai un verso que di "arrodéame unha eterna noite". Noite e misterio (negra sombra) "máis alá da néboa, máis alá do mar, máis alá da chuvia, máis alá do bosque". Pimentel, poeta do silencio (branco) absoluto, agarda con nós unha futura "luz do aire na herba".

Lembranza de Pimentel
Comentarios