Opinión

Masacre en Florida

O masacre na escola secundaria de Florida deixa ben patente que existe nos EE.UU. unha enraizada cultura das armas de fogo
 

DI A PRENSA estadounidense que o ‘incidente’ que tivo lugar nun centro escolar de Parkland, unha cidade de Florida que non chega a trinta mil habitantes, foi o decimoitavo tiroteo rexistrado nunha escola dos EE.UU. no que vai de ano. E estamos en febreiro. Mais, segundo datos contrastados, só no mes e medio que leva 2018 o número de falecidos por violencia armada nos EE.UU. supera os 1.840, o que equivale a unha media de 41 mortos ao día por disparo de armas de fogo. ¿E que acontece na patria de Lincoln, asasinado no seu día el tamén, diante desta epidemia ou andazo incesante de asasinatos? Algún debate se produce sobre as armas de fogo e a súa relación directa coa violencia criminal, é certo, mais o día a día segue o seu curso, imperturbábel, nun país que recoñece a existencia de máis de 320 millóns de armas legais en mans dos seus cidadáns.

E, velaí, como demostran as pesquisas realizadas por diferentes organismos oficiais, a sociedade estadounidense acepta no seu conxunto, con probada resignación en moitos casos, o ambiente de violencia armada que impera no espazo comunitario. E tamén, a realidade así o constata, nas escolas. Porque practicamente 9 de cada 10 escolas públicas dos EE.UU. reportan incidentes violentos anualmente, e un informe federal titulado ‘School Crime and Safety’ dá conta de que, tamén no prazo anual, case 2 millóns de nenos e nenas chegan a estar nalgún momento baixo ameaza ou risco de morte.

O masacre na escola secundaria de Florida, con 17 mortos causados por un alumno armado de 19 anos, deixa ben patente que existe nos EE.UU. unha enraizada cultura das armas de fogo. O país máis poderoso do mundo defende, cousas veremos, que a tenencia de armas promove a seguridade. E as pistolas, en máis de un caso, calquera o pode comprobar, brillan entre a roupa dos alumnos das escolas e institutos estadounidenses. O cineasta Michael Moore, altamente crítico coa cultura armamentista do seu país, non dubida en afirmar que as matanzas producidas nas escolas débense a unha patoloxía da violencia prevalecente nun país que conta co maior índice de asasinatos por armas de fogo do mundo. E tamén conta cun presidente xenófobo, misóxino e amigo, moi amigo do armamento, porque a propiedade de armas, afirma Donald Trump, salva vidas. Por iso a Asociación Nacional do Rifle ten máis de 5 millóns de socios. Para salvar vidas. Como en Florida.
 

Comentarios