Opinión

O valor da poesía

A selección de poetas que realizou Teatro do Atlántico para o seu espectáculo, demostra o gran valor, a gran calidade existente na poesía dos nosos días
 

CHÉGAME A TRISTE noticia, disposto eu a escribir este artigo, da morte do poeta guatemalteco Humberto Ak'abal, autor en idioma quiché (lingua maia) que eu coñecín en Venezuela case vinte anos atrás e con quen posteriormente viaxei por México compartillándomos tarefas poéticas. Con Ak'abal tiven ocasión de falar longamente de poesía latinoamericana e da súa propia lingua literaria, o maia quiché, idioma este que non coñece, por exemplo, a palabra/concepto "poesía" (provén do grego), sendo o máis próximo a esta a forma quiché 'aqajtzij', que el mesmo traducía como 'palabramel'.

O escritor arxentino Jorge Santiago Perednik sostén que a poesía -e as artes, e a filosofía- é unha pequena vitoria contra a estupidez. Contra a construción social da estupidez, que diría o filósofo Daniel Innerarity. E eu diría, aínda, contra a estupidez que aniña en moitos programas de éxito das televisións e que se propaga de forma moi diversa a través das denominadas "redes sociais", que provocan adormecemento intelectual e actúan en moitos casos como un auténtico preparado de novo opio para o pobo.

Contra todo isto, contra a decadencia da sociedade actual, velaí a poesía, entendendo con Guimarães Rosa que a linguaxe poética é unha das armas coas que se defende a dignidade humana. E esta defensa emocional, intelixente e artística da grandeza e da excelencia do humano é o que fai a compañía Teatro do Atlántico co seu espectáculo 'De abrentes e ocasos', un recital poético-musical de Poesía Galega Contemporánea actualmente en repertorio. María Barcala e Xulio Lago, dous nomes de alta resonancia no mundo escénico galego, aos que se lles une o poeta e declamador Aleixandre Lago e o gran músico e compositor Nani García, poñen corpo, voz e música á palabra viva de 21 poetas galegos contemporáneos. E o resultado é extraordinario.

A selección de poetas que realizou Teatro do Atlántico para o seu espectáculo, toda unha unha viaxe en vivo pola lírica galega, demostra o gran valor, a gran calidade existente na poesía dos nosos días. Dende Álvaro Cunqueiro, Uxío Novoneyra, Méndez Ferrín e Antón Avilés de Taramancos a Pilar Pallarés, Xosé María Álvarez Cáccamo, Xulio L. Varcárcel, Eva Veiga e Emma Pedreira, entre outros e outras. Se como dicía Wordsworth toda boa poesía consiste no espontáneo das emocións intensas, Teatro do Atlántico materialízao coa máxima excelencia.

Comentarios