Opinión

Os bos desexos

Non convén esquecer que esa caste de ilusión polos ‘bos desexos’ para o futuro é unha esperanza sen fundamento lóxico, apenas unha imaxe produto da imaxinación

ESTAMOS NO tempo dos bos desexos e semella ter lugar, aquí e agora, entre a propaganda consumista e as celebracións natalicias relixiosas, cada vez máis desdebuxadas e con menos intensidade litúrxica para a maioría, unha explosión de ledicia e de felicidade que forma parte, con moi poucas excepcións, da paisaxe humana que vivimos. Charles Dickens entendía que o Nadal é un tempo de benevolencia, perdón, xenerosidade e alegría: "A única época en que homes e mulleres parecen, de común acordo, abriren libremente os seus corazóns". E neste espírito, neste estado máxico da realidade, indo como imos cara a Fin de Ano, xorde toda a familia dos humanos desexos en forma de determinacións, intencións, aspiracións, arelas, obxectivos e afáns.

Leo por un casual que a Universidade de Copenhague acaba de demostrar, mediante un estudo de carácter científico —quen dá a nova é a prestixiosa revista ‘British Medical Journal’—, que o sentimento do Nadal está localizado en cinco áreas do noso cerebro, a última delas a denominada "cortiza somatosensorial primaria", entendendo deste xeito que existen determinadas zonas cerebrais relacionadas cos sentidos somáticos e, por outra banda, coa espiritualidade. Xulguen vostedes. Cousas veremos. Porque todo isto, noutra orde de coordenadas, debe estar relacionado co bombardeo publicitario que se produce nesta época en cuestión e que chega a atinxir características dunha verdadeira ditadura da propaganda comercial.

O certo é que, como dicíamos antes, existe, fixada neste tempo, unha conxunción con certa solemnidade, individual e colectiva —dígase aquí tamén culto ou cerimonia—, dos bos desexos. Recapitulamos sobre como foi o tempo transcorrido no ano que deixamos, enchémonos de bos propósitos e encaramos o futuro con entusiasmo e esperanza, á procura de extraordinarias e marabillosas oportunidades nun ‘ano novo’ que nos espera. E nese contexto dos ‘bos desexos’ xorde moitas veces a vía iluminada da ilusión. A ilusión inocente. A ilusión enganosa. Mais non convén esquecer que esa caste de ilusión é unha esperanza sen fundamento lóxico, apenas unha imaxe produto da imaxinación. Por iso é moito máis útil, coido eu, cando estamos a piques de entrarmos nun novo ano, que pensemos moi seriamente, como ben dixo no seu día Castelao, que foi tamén un gran pensador, en "transformar os desexos en realidades e as ideas en feitos".

Comentarios