Opinión

Poder e ignorancia

Son moitos os casos nos que o poder e a ignorancia, a falta de coñecemento, camiñan politicamente da man

SOSTIÑA ARISTÓTELES que todos os homes desexan por natureza saber, mais nunha sociedade como a que hoxe nos toca vivir, concentrada basicamente no feito de "ver", imponse un modelo crecente de conduta baseado en persoas —a idea é de Giovanni Sartori— que "miran pero que non pensan e que ven pero que non entenden". Ou como di o enxeñeiro de telecomunicacións e físico teórico Antoni Brey, sempre próximo á reflexión sobre o inmediato: existe unha forma de ignorancia que está en vías de converterse nalgo normalizado e admitido sen reparo ningún nos modelos de éxito social, sendo que o acceso ás máximas responsabilidades públicas por parte de persoas de ignorancia evidente chega a considerarse unha mostra positiva das virtudes do sistema democrático.

Berlusconi confesou no seu día que levaba 20 anos sen ler un só libro e eu lembro a un biógrafo de Adolfo Suárez que afirmaba que o político "nunca leyó un libro en su vida", algo que —contan as crónicas— sorprendeu moito nunha viaxe a España á propia Margaret Thatcher, quen non era precisamente moi dada ao cultivo do mundo intelectual. Recentemente, o escritor estadounidense Paul Auster retratou a Donald Trump como alguén "incapaz de ler libros" e lembrou que o propio presidente tiña dito que a el non lle gustaba "nin tocalos nin cheiralos", dada a aversión que o mandatario "semianalfabeto" —así o define biógrafo presidencial Michael Wolff— experimenta por todo o que ten que ver coa cultura.

En definitiva, son moitos os casos nos que o poder e a ignorancia, a falta de coñecemento (ignorancia supina), camiñan politicamente da man, e aí, nese espazo recoñecido, atopamos figuras presidenciais, ministeriais, secretarios e secretarias de alta institución, grandes empresarios e toda caste de dirixentes, aquí e acolá, que teñen tribuna para mostrárense e ditar discurso á súa conveniencia. Por iso don Emilio Lledó, filósofo e humanista onde os houber, dixo aquilo de que "lo terrible es que un ignorante con poder determine nuestras vidas". Porque acaba sendo catastrófico para a sociedade. Mais así acontece, por desgraza, en moitas ocasións. Xulguen vostedes. A ignorancia, aliada co poder, posúe unha alta capacidade de destrución da xustiza, e de destrución da cultura (tamén da cultura política) como forma de coñecemento e como forma intelixente de vida individual e social. E isto non deixa de ser un crime.

Comentarios