Opinión

Retrato social da realidade

PARA OS sociólogos Peter Berger e Thomas Luckmann, autores dunha obra fundamental titulada ‘A construción social da realidade’, esta última establécese como consecuencia dun proceso dialéctico entre as relacións sociais, os hábitos tipificados e as estruturas sociais, e todo isto contemplado dende un punto de vista social, nunca dende ámbitos individuais que moitas veces caen en interpretacións de carácter simbólico. Ou dito doutro xeito: a realidade é a que é, e explícase e enténdese por medio do coñecemento.

E todo isto vén a conto, así é, lembrándome eu da obra conxunta do sociólogo austríaco e do sociólogo alemán, en relación ao último Informe da Fundación Foessa, que non é outra cousa que unha radiografía, un ‘retrato’, da situación social que se vive hoxe no Reino de España. O VIII Informe da Fundación Foessa (Fomento de Estudos Sociais e Socioloxía Aplicada), unha entidade creada baixo o impulso de Cáritas Española, conclúe, a todas luces, que existen hoxe no Estado español 8,5 millóns de persoas en situación de exclusión social, sendo así que hai 1,2 millóns máis de cidadáns en tal situación que hai xustamente unha década.

¿E no noso país galego? O Informe de Cáritas sinala que un 41,58% da nosa poboación —o índice máis alto do Estado— subsiste nunha situación que a propia entidade denomina "sociedade insegura": "Vivimos nunha sociedade desordenada e de aí devén a nosa inseguridade. Vivimos inmersos nun permanente avance tecnolóxico e, á vez, nunha crecente rebaixa social". Textual. É dicir, existe unha seria ameaza de aumento da exclusión social e da pobreza se a dirección do vento cambia e aparecen no horizonte nubes negras. Porque, ademais, no que atinxe á "exclusión residencial" (infravivendas, ruína, insalubridade, humidades...), Galicia mostra a perseverante e penosa marca do 35 por cento.

Mais para completar o retrato social da realidade galega hai que engadir outro dato que resulta estarrecedor. O índice de poboación infantil galega en risco de sufrir pobreza (con datos da consultora española AIS Group) é do 25,9%, e se manexamos a taxa Arope, que recoñece Unicef, sobe este ao 26,4%. ¿E non resulta isto verdadeiramente alarmante? ¿Cumpre a Xunta de Galicia a Convención sobre os Dereitos do Neno? ¿Pódese permitir a estas alturas que 1 de cada 4 nenos e nenas galegos vivan en risco de pobreza ou exclusión social? Xulguen vostedes.

Comentarios