Opinión

Váisenos o galego?

EU, VAIA isto por diante, non son alarmista, nin mesmo pesimista. Gosto, iso si, de dubidar, de inquirir, de interpelar. E acredito, por outra banda, na reacción social e política, na activación dunha conciencia crítica, tamén colectiva, fronte á realidade. Que acontece co idioma galego? O Consello de Europa, do cal o Reino de España forma parte dende o ano 1977, acaba de pronunciarse sobre o proceso de desgaleguización idiomática que sufrimos, porque "a transmisión da lingua de pais a fillos xa non está garantida" e porque "a proporción de alumnos con dominio do galego como idioma ten diminuído significativamente".

Hai pouco máis de catro anos, convén lembralo, os departamentos de Galego, Filoloxía e Lingüística das universidades de Santiago, Vigo e A Coruña fixeron pública unha declaración conxunta na que expresaban a súa profunda preocupación pola situación da lingua galega. E manifestaban con rotunda claridade que, dado o baixo uso do idioma galego entre as novas xeracións, a nosa lingua propia estaba en perigo de se converter nunha "lingua estranxeira na súa propia patria". ¿Querían as tres universidades galegas, centros superiores de intelixencia e de coñecemento, colocarlle á cidadanía galega o corazón nun puño? ¿Será que fracasou con grande estrépito o denominado Decreto de 'plurilingüismo', que enterraba o Plan Xeral de Normalización Lingüística da Lingua Galega aprobado por unanimidade no Parlamento galego en 2004?

Eu, como lles dicía ao comezo deste artigo, non son alarmista, porque confío nos designios intelixentes e razoábeis do pobo galego e das súas institucións democráticas. ¿Acaso o noso idioma non é o pai e a nai do portugués, que é falado hoxe en catro continentes, sendo lingua oficial de oito países que suman máis de 250 millóns de falantes en todo o planeta? ¿Sabemos aproveitar os galegos e as galegas a inmensa riqueza da nosa lingua? ¿Por que, segundo datos do Barómetro de Hábitos de Lectura, elaborado pola Federación de Gremios de Editores, só un 4% da poboación galega escolle a lectura en galego?

¿Terá algunha responsabilidade a actual Xunta de Galicia na brutal castelanización que se produce no medio escolar galego? ¿Somos conscientes realmente do valor cultural, universal, da nosa vella e moderna lingua galega? Aínda estamos a tempo para, coa democracia na man, evitar a morte do idioma que nos fai ser o que somos.

Comentarios