El tiempo
viernes. 03.02.2023
El tiempo

Diarios de area e paz

Falar de aeroportos logo de todo o humor malo feito sobre eles e as estampas bohemias do cinema estadounidense antóllase complicado, porque toda poesía que se procure nesas arquitecturas da utilidade será quincalla. Pero, que facer senón nese anaco inevitable de tempo agardando salvo poetizar a existencia? As horas dedicadas a viaxar non existen para as persoas implicadas e os lugares escollidos para a espera convértense en prisións momentáneas.

En Santiago de Compostela chovía esa tarde para sorpresa de ninguén presente e cando entrei no avión díxenlle adeus á auga coa esperanza de que quedara aí, de que non me seguira. Nos días previos, un certo número de personas interesouse polo feito de viaxar só. Compartía a súa preocupación, aínda que a miña curiosidade era superior. A señora Dalloway de Virginia Woolf saiu unha mañá mercar flores ela mesma. Eu saín da casa un día con dirección ás Illas Canarias.

Domingo

Vin marchar o Sol a miles de pés de altura. Aterrei en Fuerteventura segundo o indicado por un piloto de acento indescifrable e inimizade pola letra R. A illa estaba tan escura que parecía que a noite nacía do chan. Aluguei un coche para alemáns, como ben me fixeron saber de xeito indirecto os empregados xermanos do negocio tamén de nome xermano, e iniciei a miña ruta cara o Sur da illa. Ía pasar uns días nun lugar chamado Costa Calma. Escollín Fuerteventura pola pouca oferta cultural ou de actividades que atopei. Nada, ou practicamente nada. Polo menos, nada interesante. Era demasiado atractivo.

Nos 50 minutos de traxecto tiven tempo de recordar a pouca información que levaba desa enorme rocha no Atlántico.

Destacou, para min, o desterro que sufriu Miguel de Unamuno na illa durante catro meses. Aquel feito foi terrible para o escritor, que se atopou dobremente exiliado nun lugar mortalmente apacible. Ao chegar alí, os seus textos eran violentos artigos políticos e co paso das semanas, foron poesías do mar, da terra, das xentes, das ovellas.

Entreguei os meus datos na recepción do hotel, tan branco que naquela noite parecía gris claro, descalceime na miña habitación e con velocidade ducheime para chegar ao restaurante antes do seu peche. No salón aínda había algunha persoa, parellas sobre todo, parellas de lozanos e vermellos rostros de pasado protestante. Non recordo a cea, tampouco a bebida.
Antes de durmir consultei algún texto escrito por Unamuno en Fuerteventura por saciar a miña curiosidade. “A illa é dunha pobreza triste; algo así como unhas Hurdes marítimas. É unha desolación”, escribiu. Se non estivera tan canso, a inquedanza tería gañado aquela noite.

Luns

Un ceo osixenado e azul ferinte contraeu as miñas pupilas no momento de retirar a cortina tupida. Saín á terraza, vin nadar na piscina a unha muller cuberta de cabeza a pés cun deses neoprenos para donas do Islam, presupoño. As vacacións aquí cheiran e saben a panceta, como a do almorzo británico do hotel. As extravagancias gustativas nos días de repouso comezan na mañá. A muller da piscina almorzaba un mojito. 

Provoquei ser confundido cun italiano pola indumentaria que escollín para pasar a mañá tumbado ao Sol, refrescándome de cando en vez con vistas a palmeiras, cactus e pouco verde máis. É tan árido todo o que alcanza a miña vista que para os ollos galegos, acostumados ás interrupcións da choiva, semella inaguantable un ambiente tan despexado, como unha agradable sobredose para ese sentido.
Á beira da piscina, comecei a ler. Unamuno levara na maleta a Fuerteventura o Novo Testamento en grego, A Comedia de Dante e os Cantos de Leopardi. Eu optei por A Fronteira de Can Xue e O ano do búfalo de Pérez Andújar. Ambas novelas rompen as barreiras da realidade ao seu xeito e aceptei con gusto que nos vindeiros días todo podería ser ficción.

Xantei dúas peras e dúas laranxas, achegueime a unha praia chamada Esmeralda para ver marchar o Sol e comecei a entender o que dicía o escritor exiliado. Non atopei nada parecido a un pobo esa tarde, todo era unha gran estación de servizos. Útil, pero inhumana. A cea foi mexicana, pero decidín acompañala cun Aperol-Spritz en lugar de cun tequila por non saír da personaxe autoasignada por un bañador e unhas lentes para o Sol. A absoluta nada é un exercicio de paciencia e unha experiencia sorprendentemente plena.

Martes

As nubes que cubrían o ceo desde primeira hora foron o tema de conversa en diferentes idiomas europeos durante todo o almorzo. Non tiña con quen falalo, pero todo o mundo xa dicía o evidente. A panceta seguía alí, eu aos 35 minutos xa non. Tracei de xeito romántico unha ruta nun mapa de papel da illa que atopei na habitación, un exercicio absurdo que afirmaba máis da vontade de aventura que do plan a seguir. A ruta real foi dictada por unha voz robótica.

O orgullo de autoxestión e capacidade que sentín, case como un sinónimo de liberdade, non era tan grande como para a obviar a paisaxe e o que atopei nos camiños. Unha raia negra de asfalto rompe a parálise dun lugar abrasado, a estrada é o único signo de que por alí pasou alguén. Os cumios alopécicos, alleos a unha forma de vida vexetal, álzanse sobre baixos montes que empatan cun terreo desértico, pero non de area, senón de rocha. Marrón, terracota, chocolate. As tres cores fan minguar ao humano por estar, con toda seguridade, en ningures.

Atopei de cando en vez unha casa, como se o urbanismo fose feito por un neno de 5 anos que acorda que quizais xa vai moito verde e hai que pintar unha árbore. Unha casa, alí. Xogando coa imaxinación bromeo sobre a posibilidade de se unha persoa se perdera e, por non atopar a volta, rematase por facer casa alí onde espertou un día. A ruta levoume por Antigua, Betancuria (primeira capital da illa), Ajuy e outras localidades. Dos altos montes ás negras praias, hai un pouso de todo o que podería ser e nunca será, de conformismo desértico e a sede por algo máis ca auga. Pero tamén hai paz e queixo majorero, das cabras da illa, que marida á perfección con marmelada de laranxa. Unamuno diso non sabía nada.

Á hora da cea varias parellas xogaban en silencio ás cartas, outras ceaban tamén en silencio, outras buscaban desesperadamente outra parella coa que falar, outras viaxaban xa en conxunto para non aburrirse. Ao tempo, eu só nunha sala sorriente fronte a un filete á pementa con papas arrugás e un viño branco volcánico e, pese a todo, o menos só do restaurante.

Mércores

O Sol reapareceu, a muller na piscina tamén. O galope do día anterior polos montes e pobos do interior fíxome traizoar o espírito desta viaxe, do repouso absoluto. Forceime a permanecer inmóbil, torrándome como un reptil, como a panceta desa misma mañá e todas as anteriores e seguintes. Can Xue rachou o tempo e o espazo, Pérez Andújar deulle un novo sentido á palabra narrador; pero a miña atención recaeu durante todo o día de xeito inevitable en Shakira.

Sentín aquela tarde algo que imaxino é endémico para a xente da illa, algo que fixo de Fuerteventura e tantas illas os lugares preferentes para os castigos. A orografía e o significado destas rochas no mar son sinónimos de límite, de fronteira, de cárcere e de impotencia. A fuga non está clara nun lugar onde a saída é unha curva infinita, cara onde se vai nun espazo finito? Esa presión sube do peito á gorxa, aférrase no ceo da boca e afoga un pouco.

Xoves

“Non é tan malo como o pintaron”, escribira Unamuno logo dunhas semanas na illa. Podo entender o motivo. Recibín o día cun baño previo ao almorzo para intentar usurpar o lugar da muller de cada mañá. Repetín o proceso do día anterior, o descanso é realmente unha disciplina que precisa de tesón para extirpar do cerebro e o corpo as ansias de contribución e produción.

O azul é a cuarta cor de Fuerteventura, abrangue do ceo ao mar e tingue todo o que atopa no medio, afastando as gamas marróns. Quizais nutre e rega todo o que a auga non pode en ausencia. Claramente non estabamos en verán, aquilo era algo máis próximo a unha primavera asentada e fixada enriba da illa. Respirar converteuse en todo o traballo que o meu corpo podía exercer xunto cos paseos ata auga e o movemento dos ollos no papel.

Na miña última tarde sobre a rocha, achegueime á praia da Barca. O vento sopraba co interese de botar a todo humano da area, de limpiarse de invasores. Coa marea baixa, o espazo contábase por kilómetros e as persoas por non máis de decenas. Atopei unha cova, un forte no que asentarme. Alí o Sol caía sen clemencia sobre o meu corpo e ao tempo que se evaporaban auga e toxinas de min, enraizaba máis nese recoveco. E durmín durante horas escoitando os golpes do vento no baleiro.
Ao espertar xa coa marea alta, un exército de parapentes de windsurf tomara o areal. Estimo 150 medias lúas sobre una lingua entrante de auga. Parecía a migración tardía dunha ave extinta de dimensións xurásicas. Hipnotizado, aturdido polo exceso de Sol, desaparecín da praia por camiños sen asfaltar procurando unha ducha fría e a soidade reparadora do meu restaurante.

Venres

Co sabor da última panceta aínda no alento, deixei a miña habitación e carguei o coche para comezar a seguinte etapa da viaxe, esta vez en dirección a Valencia para atoparme co meu pasado e darlle forma de presente. Atravesar ese terreo de novo en dirección contraria outorga a perspectiva de ser un John Wayne sobre un cabalo de ferro e caucho. Para facer tempo, achegueime a unhas salinas.

Fronte ás docenas de piscinas para producir sal atopei o esquelete dunha balea femia que morreu nas illas como consecuencia de non poder comer. Os plásticos cubríanlle a boca. Varou nun areal canario por inanición. Ao meu arredor outro animal de dimensións ínfimas en comparación e moita vitalidade achegábase a verme, e mesmo subir polo meu pantalón.

En Fuerteventura padecen unha praga de esquío marroquí, que chegaría a través dos barcos, e que domina todo o terreo insular. Rematan co pouco sustento de especies autóctonas e grazas ao seu aspecto e pouca vergoña teñen o favor do turista. Unamuno, o resto de turistas, moitos dos habitantes da illa e eu mesmo estamos nese deserto na procura dalgunha cousa; o esquío do Atlas atopou sen buscar o seu lugar. Quizais para eles deban ser as casas no medio da nada. Pero ao final do día, animais e humanos invadimos o deserto.

De novo na cola dun aeroporto, puiden poñer palabras á sensación que me resoaba no latexar antes de retornar a un lugar que foi fogar e marchando dun espazo indefinido, sanador e acotado por fronteiras de toda natureza.

No filme Belle Epoque de Fernando Trueba, no tramo final, Fernán Gómez despídese de Jorge Sanz, que lle di que quen parte morre un pouco en cada adeus. Fernán Gómez, que queda, responde que para el morre completamente o que sempre queda. Agardando o meu turno non puiden evitar pensar no que acontece cando non sabes se eres o que marcha, o que volve, o que queda, o que botan ou o que nunca rematou de marchar? Canto morre un entón en cada despedida? Semella que todo é máis sinxelo cando apesta a panceta.

Diarios de area e paz
Comentarios