Gris entre as cores
Hai dez anos que o Agrocuír da Ulloa, o evento que aúna a realidade rural co universo queer, toma Monterroso para airear as diversidades e colorear a comarca. Tiven a oportunidade de contalo tempo atrás sendo un xornalista en prácticas. Noutras edicións, asistín e gocei alí, militando no barullo. Agora, a organización vén de publicar o programa para os vindeiros 21, 22 e 23 de agosto. Dubido en ir. Quérolles ben, por iso vou falar.
Posúo importantes recordos se me transporto ao Agrocuír. Amigas descubrindo unha parte delas, deixándose levar no ritmo e na xente; caras coñecidas que se coñecen máis de súpeto, apoios entre xeracións, paseos cantando baixo esas bandeiras que son as batas de aldea que colgan nas rúas da vila. Revivo a emoción de poder ser nun lugar tan concreto, dígoo por min e por todos os compañeiros, como cando se xoga ás agochadas.
A última vez que formei parte do festival tamén producín lembranzas, lonxe das positivas. Lembro unha rara forma de expulsión, como se deixase de ser parte en contra da miña vontade. Alleo pola forza. Lembro ondas de xente, caravanas a esgalla, masas vestidas con roupa de montañismo e unha morea de participantes desvirtuando o espírito. Lembro marchar en grupo e ninguén dicir que volvería. Florecera a semente na Ulloa e chegaba a primeira praga.
Este festival, desde a súa orixe, sempre tenta un obxectivo monetario para poder funcionar e acontecer e para acadalo opta polo crowdfunding. Invítase ao público a que o faga posible. Certas institucións xa son parte tamén hoxe. Respecto desde o máis fondo a resistencia anárquica no noso tempo, o contexto máis fero contra todo intento de funcionar na marxe. Co recadado e xestionado, fórmase a programación.
En liñas xerais, hai uns anos que é os carteis do Agrocuír aseméllanse entre eles, algo que non resulta alleo á práctica frecuente deste tipo de eventos. Se se fai un seguemento comparado doutros e máis grandes, os parecidos son case escandalosos. O que non permanece igual, contrariamente, é o contexto social no que se realiza este festival de identidade marcada. Pasamos de vivir nunha sociedade que superaba e integraba a diferenza a estar sumidos no renacimiento do odio. Por iso, cando o programa apareceu, espallouse con velocidade nos meus círculos cun denominador común: isto xa non é o que era.
Por suposto, aí están o teatro e os xantares, os cantos de taberna, o baile tradicional e as pinchadas de djs nas prazas de Monterroso. Aí está, entre suspiros duns e outros, o de sempre. O motivo principal deste reiterado pensamento de abandono é o apartado específico de obradoiros. Relátoos de xeito literal: Obradoiro de linguaxe asubiada nas Illas Canarias. Obradoiro de non monogamias. Fungoquír, obradoiro sobre fungos, interdependencias e disidencias. Afiando as linguas: autodefensa verbal frente aos comentarios corporais. Obradoiro de billarda.
Dando un voto de confianza por adiantado e á espera de que se realicen, semella pouco acertado que na era do triunfo rampante do odio (en moitos casos xuvenil) cara a todo o que representa o Agrocuír, estas sexan as opcións formativas. Admito que autodefensa verbal, entendida como nomear con mala baba toda a estirpe de quen comente sobre o teu físico, pode ser efectivo, aínda que bastante inherente ao carácter humano ou, polo menos, galego.
De novo, só podo catalizar outras voces que me alteraron con razón. En que momento un festival de proximidade e vontade ecolóxica pasou a ser a meta de persoas tan afastadas? Non é a pegada de carbono un elemento básico que contraria o espírito do Agrocuír? Reflexionando só e en comunidade, a resposta manifestouse. É a diáspora galega quen atrapou como unha rede, quen transportou ano a ano máis turistas ata facer a bóla. Despois de cada edición, os festivaleiros retornan aos seus respectivos contextos comentando as virtudes do evento e a sorte que é que nun lugar pequeno exista algo así, coa pátina de superioridade urbana que iso conleva. O resto do ano resúmese en agardar polas datas sen dedicar un minuto xa non só á comarca, tampouco á provincia.
Por outra banda, os problemas aos que atinxen eses obradoiros semellan pouco propios, é dicir, trasladados. Segundo a organización, un evento "pola diversidade sexual, afectiva e de xénero no rural". Asubío gomeiro cando a lingua propia languidece ata a morte, cuestións relacionais cando a vivenda e o básico impide calquera vínculo formal e, en xeral, parches de problemas urbanitas para un territorio rural esmolicado de estrutura, servizos, comunicacións e igualdade respecto a outros cidadáns. Ou será que o programa xa non é para Galicia?
Chegar á casa familiar hai anos para instalarse e revitalizar a zona, ata aí ben, e quizais fuxindo dun clima xa adverso e de peor futuro e tamén dunha picadora humana agochada na cidade e no capital. De pasar a quincena sufocante de calor en Madrid ou Barcelona a habitar o refuxio. Trasladar batallas e preocupacións doutros lares ao marco que toca e maquillarse coa tradición, a que sexa. Así semella que foi o proceso ata chegar aquí.
Na instalación deste novo ciclo fascistoide e á beira dunha futura violencia administrativa moi previsible, un espazo propio e necesario como o Agrocuír aséntase nunha deriva impropia. Case infiel. Formémonos en leis, ferramentas, contraataque, resistencia e dereitos, sen perder o baile nin o paso. Porque querémosvos ben.