Música ascendente
Moitas das persoas nos sectores creativos agonizan entre clichés e recursos xa vistos, porque fuxir dos lugares comúns resulta difícil nun contexto que os reclama. O público e os consumidores gardan parte da culpa, pois atopan calma en remakes e homenaxes constantes a vellos títulos ou franquicias infinitas. Non só iso, senón que optan por non arriscar e quedar voluntariamente entre catro ou cinco problemáticas. Así chegamos ata este escenario homoxéneo no que case todo é semellante a outra cousa.
Aínda que na música sucede o mesmo, nese mundo contan con mecanismos propios. Unha das tendencias máis comúns hoxe en día pasa por servirse de samples, é dicir, de fragmentos doutras cancións que se introducen ou reinterpretan en novos temas como un recurso ou instrumento máis. Un dos mellores exemplos pódese oír en Hung up de Madonna, que toma prestado partes da icónica de Gimme! Gimme! Gimme! de ABBA.
É posible entón soar como algo novo e rompedor? Quizaveis. En pleno 2025, tres son os artistas que o intentan e anotan un tanto na conta atrás a mellor disco do ano: Amaarae, Blood Orange e Aminé. Todos eles traballan atravesados por unha constante: pertencen a un país, pero non así seu pais. Son fillos do proceso migrante e da diáspora africana. En presente, a súa ascendencia facilítalles saírse da norma e entregarnos orixinalidade.
A crítica ficou marabillada en 2023 co disco Fountain Baby de Amaarae. Daquelas, o seu nome apenas se movía por Europa e só en circuítos moi ao día, con vontade de estar presente e alleo á radiofórmula. O mellor xeito de coñecela e tomar por orde inversa: do presente ao debut.
A mistura de xéneros é marca da casa, pero no seu novo disco, Black Star, sublímase. As raíces ghanesas da cantante toman un rol central e expándense como un fluído que tingue cada pista, cada fraseo, cada referencia. Cancións como B2B, Fineshyt ou Dream Scenario funcionan grazas ao risco que agochan baixo o ritmo. Ademais, a rudeza na actitude de Amaarae contrasta co timbre infantil da súa voz, o cal complementa o ímpeto sexual na súa música, xa de por si moi significada polo sáfico.
Posto a nombrar un ingrediente especial na súa receita, o elemento orixinal en Black Star é o Highlife, un xénero propio de Ghana dos anos 60 e que gozou de moita popularidade tamén en Serra Leoa, Nixeria ou Liberia. Caracterízase polo uso de múltiples tipos de guitarra e un amplo rexistro de instrumentos de vento.
Criarse como artista entre Nova York, Atlanta e Accra xerou en Amaarae un caldo de cultivo tan distintivo como prezado. Así, aínda que non estoure no mainstream absoluto, figuras como Childish Gambino, Janelle Monáe, Kendrick Lamar, Naomi Campbell, Charlie Wilson ou Kaytranada xa captaron o seu talento tanto para colaborar como para opinar.
Outro caso é o de Blood Orange, un dos alumnos máis avantaxado desta corrente. Dev Hynes, a persoa real detrás do pseudónimo, forma parte do ecosistema musical non só como cantante ou produtor doutros artistas, exitosamente neste 2025 tamén con Virgin de Lorde. É un recoñecido compositor de bandas sonoras e obras instrumentais clásicas, que o levaron a colaborar con Philip Glass e outras formacións de primeiro nivel. A ficha de artistas que confiaron en Hynes é ampla e nela destacan: Blondie, Mariah Carey, Asap Rocky, Britney Spears, Nathy Peluso, Turnstile, Solange, Nelly Furtado, Caroline Polacheck, Haim, FKA twigs, Carly Rae Jepsen, Charli XCX, Paul McCartney, Tame Impala, entre un longo etcétera.
Blood Orange afrontou unha crítica inxusta ao comezo da súa carreira por non poñer a súa identidade negra, queer e afrodescendente no centro do seu traballo. A resposta que deu foi musical, o seu disco Freetown Music, en referencia ás orixes crioulas de seu pai, nado en Serra Leoa. A súa nai proviña de Güiana. El, pola contra, naceu en East London e crea a súa arte desde esa complexidade identitaria.
O froito máis representativo e condensado da súa historia é o seu novo disco, Essex Honey, cun son que avanza oscilante entre o R’n’B experimental con trazos electrónicos e o sinfónico. O resultado semella unha viaxe sonora dunha Mery Shelley contemporánea polos arrabaldes de Essex, pasando o loito de todos os amores, da propia infancia, e contemplando a paisaxe de xeito bucólico e metafísico.
O terceiro caso do 2025, o menos mediático e recollido pola crítica, é o de Aminé. Este rapeiro estadounidense de ascendencia eritrea e etiope vén de amosar non só a raíz ou a língua, senón o modo de estar no mundo dos seus ancestros e dos migrantes semellantes. Así, o achegamento a temas como a familia, as drogas, a saúde mental ou a espiritualidade cambian de óptica no seu último traballo, 13 Months of Sunshine, o máis persoal e vencellado á súa identidade. Débese atender ás referencias e letras porque xogan un papel primordial.
É normal que no vasto océano de novidades pasase desapercibido un álbum deste tipo, pero merece ser reivindicado só por cortes como Vacay, New Flower ou Arc de Triomphe. A sonoridade dun rap así, a medio camiño do soul e certos ritmos africanos da área do Mar Vermello, é tan refrescante como inusual. Aminé fai unha aposta íntima, camuflada entre humor e parodia, que medra en directo polo aderezo enerxético que desborda a súa personalidade.