El tiempo
martes. 05.07.2022
El tiempo

Pintura rupestre en Brooklyn

Quero recordar o artista gráfico Keith Haring (1958-1990) na semana do aniversario do seu pasamento. Falecido 32 anos atrás, xa leva máis tempo finado do que estivo vivo. Nesta semana tamén tivo lugar a terceira curación dun paciente con VIH. Aínda que hoxe é común que os murais da arte urbana, estea considerado unha expresión, na súa orixe nos anos 80 era un motivo para pasar unha noite no calabozo por atentado contra o patrimonio. Así pasou Keith Haring días entre barrotes cando nas carreiras fuxindo da Policía non lograba zafarse.
Keith-Haring
Keith-Haring. EP

UN MOMENTO de afundimento social e económico en Nova York, os movementos culturais da cidade rachaban as fronteiras do municipio para influír en todo o planeta. A cidadanía padecía paro e unha vaga criminal como nunca, pero ao tempo gozaba da eclosión do hip hop, do punk, do graffiti e a cultura Do it yourself (Faino ti mesmo). No medio de todo quedou a obra de Haring.
Keith era un mozo dunha vila de Pensilvania, dunha familia de clase media no xeito máis yankee posible, que medrou nos anos 60 baixo a influencia de dous homes: Walt Disney e o seu pai, un caricaturista frustrado que se vendía como aficionado. Era un alguén calquera dunha casa calquera baixo as influencias do mainstream e que sentía as mesmas presións que todos os demais. Keith era, no termo máis amplo, un do montón.

E seguindo coa cadea de ascenso social, Haring ingresou na Ivy School of Art de Pittsburgh, desde onde puido acceder á Escola de Artes Visuais de Nova York. No coñecemento que a Academia garda, Haring atopou o xermolo da súa obra, o que o fixo medrar ata que a súa árbore secou por enfermidade. Keith tivo acceso á semiótica, afoundou na ciencia dos signos e símbolos e formulou o que el definía como o seu propio vocabulario.

A intervención artística de Haring comezou cun rotulador e debuxos case cavernícolas, moi previos ao seu estilo, estampados sobre anuncios publicitarios en espazos públicos, principalmente no metro de Nova York. Nestes primeiros intentos xa apareceron as clásicas e universais imaxes do estilo de Keith: televisións, corazóns, persoas, teléfonos ou pirámides. Todo desprovisto de detalles, case infantil, pero sen obstáculos para comunicarse.

Na voráxine cultural na que se atopaban nomes como Basquiat e vellos coñecidos como Andy Warhol, Haring comezou a ser un nombre habitual nas conversas, pero só pola presenza que tiñan os seus pequenos debuxos, que practicamente chegaban a cada estación de metro da cidade.

Os bonecos en movemento de Haring ou os televisores co átomo de uranio en pantalla convertíronse en estandartes

Posteriormente, perfeccionou a súa mensaxe pictórica cargándoa con significado político, xeralmente de tipo sexual e tecnolóxico, e de unha dimensión de pensamento arredor da morte, o amor e a felicidade. Comezou a empregar os ocos negros onde non había carteis e a experimentar con materiais, decantándose polo xiz como ferramenta principal. Pintar en branco era unha ruptura en si mesma.

Entre moitas desas pintadas, fuxía da Policía e soportaba os insultos dalgúns cidadáns. "Estoume facendo moito máis conciente do poder do movemento. A importancia do movemento está intensificada cando a pintura convértese en performance", explicaba o propio Harinng.

Os bonecos en movemento de Haring ou os televisores co átomo de uranio en pantalla convertíronse en estandartes. En 1982, Keith foi un dos doce primeiros artistas en ver a súa obra animada na nova pantalla multicolor que se inauguraba en Times Square e, un meses despois, tivo a súa primeira exposición nunha galería. Deixaba as rúas, no sentido delictivo, para apropiarse dos salóns.

Haring imitou a Warhol e rachou as súas propias fronteiras. Comezou a facer roupa, esculturas, produtos de uso cotidiano, portadas de revistas, e ao mesmo tempo era solicitado por museos de todo o planeta para facer pequenas intervencións nos seus muros. Un artista dos límites agora era observado desde o centro, pero a súa mensaxe pretendía ser licuada de contido.
Haring colaborou nesa década con Madonna, David Bowie ou Grace Jones nunha expansión pictórica como poucas veces antes puido verse, pero tamén lamentarse. O submundo queer ao que realmente Keith pertencía comezaba a morrer agónicamente polas pandemias silenciadas: sida e drogas.

Na voráxine de éxito e viaxes, de amizades estelares e fama mundial, Haring cae enfermo da sida e convértese nunha das súas obras, nun dos seus amigos que morría nas esquinas de hospitais da caridade

Neste tempo, abriu unha tenda no Soho chamada Pop Shop. "Vendendo a miña arte dun xeito accesible tumbo as barreiras entre alta e baixa arte, cando moita da súa diferencia é poder mercala", alegaba fronte ás críticas de comercialización do seu traballo. Coa chegada do seu negocio, endurece a súa mensaxe anti apartheid, a concienciación coa sida e contra a epidemia de cocaína e crack que asasinaba barrios do país.

A súa traxectoria  medraba imparable, do Pompidou de París cunha exposición propia viaxaba a Barcelona para gravar un documental sobre a sida e logo aterraba en Antwerp para outra mostra, na que interviña unha parede para facer un mural único. A isto sumábanselle folios e folios pintados con rotulador que hoxe en día seguen subastando por millóns de dólares. Pero na voráxine de éxito e viaxes, de amizades estelares e fama mundial, Haring cae enfermo da sida e convértese nunha das súas obras, nun dos seus amigos que morría nas esquinas de hospitais da caridade. Consciente do seu fin intensificou o traballo e nunha última etapa intentou plasmar a morte, o amor, o humanismo e a alegría con materias intanxibles como a música ou a paz. E logrouno.

En 1989, Haring pinta Cadro inacabado e decide que sexa tal e como é. O artista capta perfectamente o que é unha enfermidade e un aviso previo da túa morte, a interrupción da celebración da vida. Deixa o seu testigo para que nós non o esquezamos nin a el nin á causa da súa morte. Esa esquina azul, ateigada de movemento. Son 31 anos de vida e éxito que puido desfrutar. A inmensidade branca, o que lle foi roubado.

Cando comecei neste oficio de xornalista, merquei unha libreta por dous euros. Tiña unha goma azul que a pechaba, tapa dura, follas amarelas e un debuxo na parte traseira. Obra orixinal de Keith Haring, versaba a imaxe de dúas persoas abrazadas.

Pintura rupestre en Brooklyn
Comentarios