Opinión

A mística atea de Gonzalo Hermo

O poeta de Rianxo atravesa un bosque para cuestionar o saber absoluto no seu terceiro libro, 'A vida salvaxe', co que gañou a última edición do premio Afundación de poesía

Gonzalo Hermo. EP
photo_camera Gonzalo Hermo. EP

EMOCIONAR É un verbo que implica movemento. Varios dos poemas de A vida salvaxe, libro co que Gonzalo Hermo (Taragoña, Rianxo; 1987) vén de gañar o Premio de Poesía Afundación, comenzan cun verbo: atravesar. O poeta atravesa o bosque. A cada paso sentimos a emoción do encontro —título dun dos poemas— con esa vida salvaxe. Ou é o encontro —como postura vital (ética, estética)— o salvaxe?

Dentro e fóra, sangue e seiva. "Dentro, o meu sangue circulaba/ en todos os sentidos". Fóra: "As cores do bosque gabeaban polo aire/ como tramadas a un abalo de vento calmo". Todo o libro desprega este movemento, respiratorio, e chega a afirmar: "Síntome pleno porque existo por fóra". Xa nolo anuncia da man das citas de Rosalía de Castro ou de Giorgio Caproni que o introducen: "Diría que todo no teu raciocinio é perfecto, se non tivese fronte a min este campo de trevos", se houbese algún 'dentro' onde pechar a palabra.

Por iso, penso que A vida salvaxe non é unha escrita sobre a natureza, senón con ela: co tempo da seitura, do érbedo en flor, da xeada ou das tardes de vento, e de todo o que iso é na memoria, na súa Taragoña natal á que por fin retorna no que é outro xeito de atravesar o bosque, o tempo, a lingua —"o tempo é unha ponte de cantos"—, cara o outro descoñecido que é a infancia. Catro son os poemas titulados autobiografía que, nun poeta remiso ao confesional, propoñen as relacións entre vida —xa no título do libro— e escrita nunhas coordenadas próximas ao que Chus Pato, no seu discurso de entrada na Real Academia Galega, chamou de terceira vía: non aquela que confunde o poema co vivido, nin a que o propón como mero artefacto estético, senón a que sostén que "se ben é certo que poesía e vida diverxen infinitamente sobre o plano da biografía e da psicoloxía, retornan no punto da súa recíproca desobxectivación, e alí reencóntranse por mediación da lingua que é propia da poesía".

A compañía fundamental que atravesa o libro é a de Francisco Cortegoso 

Como un correlato a ese escribir co bosque, o poema tamén se acompaña doutras escritas que o encabezan ou cruzan: Nikos Kazantzakis, Georges de la Tour, Anne Carson, Virginia Woolf, Paul Celan, Jaques Derrida, Gabriel Ferrater ou Éric Satou. Deste último, en concreto, do poema que Francisco Cortegoso traducira para o galego, e Hermo publicou no seu blog Escola do Resentimento. De feito, atreveríame a dicir que a compañía fundamental que atravesa o libro é a de Francisco Cortegoso, a quen llo dedica, na memoria, e de quen semella coller o legado dese "corpo solidario" que "dá lugar", que enfrenta o esvaecemento dos lindes —"Amo a confusión de peles e camiños/ porque por dentro de min arderon as fronteiras" sen caer no abismo da vida —os Suicidas— e da linguaxe —a totalización—.

A 'mística atea' que propón Gonzalo Hermo e que dá título a un dos poemas pisa o carreiro doutras poéticas que viron, e ven, irresolta a cuestión da éxtase, ou pertinente a relectura da mística como superación do saber absoluto. A noite —e o sol que brilla na noite—, o "exceso que trascende, que non se pode dicir" ou a enunciación que atravesa —emocionada— son algunhas das imaxes desa mística sensible, máis extensa ca intensa. E o desexo, desexo como cuestión que acompaña ao poeta dende o seu primeiro libro, Crac (2011), por moi afastado que este estea de A vida salvaxe, que si continúa vieiros abertos en Celebración, libro co que gañou o Premio Nacional de Poesía Miguel Hernández en 2015. Desexo que se ispe das razóns que o xustifican para ser el mesmo lingua "que acumula saber e que o descentra", como figura nun dos 7 achados sobre o poema que pechan o libro.

Comentarios