O cabaleiro de Tor

Miguel Anxo Fernán Vello e Uxío Novoneyra. ELBA REY
Miguel Anxo Fernán Vello e Uxío Novoneyra. ELBA REY
O cabaleiro é tosco. Os perfís do arnés, vagos no granito, dan conta dun taller itinerante, que copia unha tipoloxía vixente nos 60 anos anteriores, a da armadura branca, que fai relevo ás cotas de malla na Guerra dos Cen Anos, transposta na Península ao conflito sucesorio entre Pedro I e Henrique de Trastámara.

TODO isto cóntao o historiador da arte Simón Vicente López, durante anos guía do Pazo de Tor, e por todo isto establece que o xacente non é Pedro Garza, quen se levou erroneamente a fundación da linaxe do pazo, senón o seu pai e verdadeiro fundador, Men Rodríguez de Castrillón. Ben andados xa os 1400, loce un bacinete de ombreira case en desuso nese tempo.

Contaba o mesmo Simón, nas xornadas pacegas celebradas en Tor no pasado mes de xuño, que o 14 de xaneiro de 2023 o cabaleiro volveu por fin ao pazo dende unha casa propiedade da familia no lugar de Socastro, en Ribadulla, cerquiña de Santiago. Coma se o tempo quixese dar puntada polo mesmo sitio, o 14 de xaneiro de 2024 Uxío Novo mandoulle unha fotografía: a figura medieval, erguida coma un guerreiro celta, na mesma finca desa casa que chamaban a da costa. As mans sobre a ombreira de Pis de Tor, canda Miguel Anxo Fernán Vello e Uxío Novoneyra, que mira, como a figura, á cámara que sostén a súa dona, Elba Rey. Aínda que o cabaleiro non mira. Dorme, cos ollos pechados, como dorme o granito.

O cabaleiro é de pedra, e de literatura. Da tradición oral dos romances, da relectura da tradición grecolatina, da materia de Bretaña, "o cabaleiro vagamundo da prenda de amor" que Luís Seoane fai dar morte á morte mesma na Quintana. Está fóra do tempo. Dobrado da historia do poder, pertence ao soño, ao poema: meu amigo é.

Novoneyra pasou no pazo de Tor varios veráns na década dos 50. O museo conserva un arquivo da gran relación de amizade que o poeta mantivo con Fernando e Mari Paz, con ela alongada tras a prematura morte de Fernando. Nel atópase un poema manuscrito, que o autor publicou en outubro do 1958 en Vida Gallega, a revista que moito fixo por manter o galeguismo no país nos tempos escuros do franquismo. O pazo de Tor, onde a "sombra do pasado/ move o brillar das armaduras". Ou: "Pazo de Tor!/ Outono roxo do val!", que lembrará, máis tarde, esa "paisaxe en lucenzas toda roxa", nos versos de Mao Tse-Tung polo poeta verquidos ao galego neste suplemento en setembro do 1976. E Galicia, sempre destino da peregrinación, erguida en cada amizade polos ‘Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas’.

Un dos poemas dese último libro está tamén adicado aos seus grandes amigos da Terras de Lemos: "Fernando de Tor Roberto Andrade/ i aquel aquel aquel aquela/ aquela aquela aquela aquel/ levanto a copa por el/ levanto a copa por ela/ até sacala por riba do tempo". Dicía Novoneyra na presentación do libro do poeta monfortino: "Solo seres cun fondo tan grande de soedade poden resultarnos tan íntimos que semella que sempre que aparecen nos ofrendan unha patria (…). Si, os auténticos amigos son aquiles que sempre nos ofrecen unha patria e nos volven ó aire i á luz da infancia, que é como nos miraba a esperanza e nos prometía todo o futuro feliz, ou polo menos pleno e merecente de ser vivido". A obra póstuma de Andrade, cuxa morte deixa tamén marca nas ‘Elexías’ do courelao, titúlase Esta é unha pequena historia de amor e de noites. Esas noites dunha das mocedades de Novoneyra.

O xacente non é Pedro Garza, que algo mal parado sae en Los hidalgos de Monforte, de Benito Vicetto, parafraseado por Valle Inclán, relacionado por Benjamín de Prado cun posicionamento irmandiño non probado, que mellor quereriamos. Amputado, si, coma se cadaquén mordese na pedra dese Men Rodríguez que foi escudeiro do conde de Lemos. Así volveu a casa, da que saíra, segundo ao que apunta a documentación reunida por Simón, para a Exposición Regional Gallega de 1909 en San Clemente. O can, iso si, foille fiel, e con el marchou e volveu coma o grifón, cun xabariño morto entre as gadoupas, o que queda do soporte da sepultura, dos animais que acompañan para mellor chegar ao paraíso. Tampouco perdeu os amigos, que aquí se xuntan, nas mocedades do val de Lemos e da noite de Monforte.

Agora a noite cae en Parada do Courel. Elba Rey recorda a foto de hai máis de 30 anos, o vexetal da hedra fronte á pedra. As mans de Pis, Uxío e Miguel Anxo nos ombreiros do cabaleiro, coma se fose un máis. O cerengo, así se lle chama nesta terra ao horizonte da montaña. A súa hora é esta. Agora ela pon as súas mans aquí. "Mira, as montañas, co tempo, toman a forma de xacentes", di. O "gran boi deitado", escribiu Novoneyra, pola columna que debuxa o cordal deste animal durmido que tamén nos leva. A muller morta, chámanlle a esa liña entrando en Quiroga. Cre Simón que o noso cabaleiro durmiría baixo un arcosolio. Ese arco do tempo que, sobre toda historia, fai tender o seu silencio. O cabaleiro é tosco. Os cabaleiros, co tempo, toman a forma das montañas.

Comentarios