El tiempo
jueves. 06.10.2022
El tiempo

Querida Dosinda Christensen:

Sempre que escoitei esta canción, este canto popular alentejano na voz do José Afonso, sentín que, dalgún xeito, falaba de Pessoa. "Já fui mar, já fui navio/ Já fui chalupa escaler/ Já fui moço, já sou homem/Só me falta ser mulher". Só lle faltaba ser muller a Pessoa. Por que ningún dos seus 160 heterónimos foi unha muller? Como me gustaría sabelo.
imgData

SUPOÑO que por iso foi o primeiro sobre ti que lle preguntei ao teu autor, a Xerardo Quintiá, que en certa maneira foi aínda máis lonxe ca Pessoa nesa liberdade de soñarse outro, foi ata ti, despois de ser mozo, home, navío ou terra, foi ata ti, unha muller. Que salto, Dosinda, tan libre es ti por seres froito dese salto.

Porén, como di un dos poemas do libro, "a poesía non é escolla" e contándonos como naciches, "pronunciando a palabra identidade/ sen pretender ningún outro beneficio/ que o momentáneo esplendor do hibisco", pronunciando o teu nome "7 veces seguidas para arrincarllo/ ao imperio sagrado do bautismo", Xerardo cóntanos moito do poema, desa voz do poema que talvez sempre é outra, con raíz pero sen orixe, descoñecido que se apalpa escribindo, lugar que non se posúe como ser heternónima sexa talvez, como dicía Maria Gabriela Llansol, "perder definitivamente o possessivo".

Entrar aí, na "verticalidade/ dos toros —a claridade peneirándose/ entre as pólas —as vacalouras/ as landras —os fentos/ os nunús", no "fermoso de pensar", no "amor pronunciado", "por riba dos homes/e por riba dos deuses/ que domean os homes", "coma papoulas silvestres/ que xamais serían/ Fermosura-da-Eternidade". Dicía Borges que a literatura cumpríase aí, nesa rareza do texto que para asombrar a quen entra nel ten que asombrar primeiro a quen escribe. Aí me levaches, Dosinda Christensen, e estouche tan agradecida.

Pregunteille ao autor tamén o porqué do teu nome, para entender talvez mellor como se encontran unhas palabras coas outras, como chocan de lonxe para prender a luz dos versos. Nun extremo, díxome que Dosinda era o nome da súa avoa paterna, das avoas que acariñan os rostros e a lingua. Polo outro, o apelido de Inger Christensen, a poeta da vangarda danesa que fixo crecer palabras na secuencia de Fibonacci, coa transparencia salvaxe e matemática coa que enraíza a neve ou abren os caracois. E Christensen recibiu de Dosinda a lingua dos cómbaros e das cangas, e Dosinda de Christensen a espiral do "abruñeiro en flor".

Por todo isto que me ensinas e me abres, Dosinda, hei quedar contigo, hei quedar contigo coma ti quedaches con todas esas palabras,

Certamente, Dosinda Christensen, gústame moito que sexas heterónima e poder escribirche esta carta. Que Xerardo te crease así —e ti tamén a el, claro—, porque inda pesa esa esixencia de que que o poema coincida co autor, da transparencia, do idéntico. Porén, léndote penso nas palabras que Belén Gopegui pronunciou este verán no Souto da Rubial en Parada do Courel. Dicía unha cousa que che concerne, que a ficción non é mentira como algúns cren, senón todo o contrario, que é un xeito de enfrentar aquelas mentiras que se nos presentan como verdades. Como as que ti vas liberando: a idea do absoluto pola "choiva do múltiple", os maleficios de Yahveh polo "clítoris-pensante tocado con púa de guitarra".  É necesario ese desvío, Dosinda, é necesario o circular coma o teu nome, o que curva os camiños, o que flexiona concreto nas formas do mundo. Pois, Dosinda, non é esa ficción un xeito máis profundo de fidelidade? Non é máis verdadeira a creación que verosimilitude? En que podemos concordar mellor connosco que seguindo ese pulo de creación que nos define e nos desvía? Que coincide máis connosco que o inacabado?

Por todo isto que me ensinas e me abres, Dosinda, hei quedar contigo, hei quedar contigo coma ti quedaches con todas esas palabras, non só as de Inger Christensen, senón as de Emily Dickinson, de María Zambrano, de San Agostiño de Hipona, de Alda Merini, de Henri Michaux, de Baldo Ramos, de tantos outros e outras que asoman nos versos e abren camiño. Vou quedar contigo por me abrires camiño e, coma ti dis, por arborizar e "dende o humus/ experimentar as glaciacións do pleistoceno/ gabeando polo toro cara as pólas sen medida", e "permita eu que os soños/ me alcancen no cerne", porque ben sei que "todo o nado de amor/ profana calquera xeito de verdade". Queda conmigo Dosinda Christensen para non saber onde está a voz, se no mar, se no navío, se no mozo, se no home, se na chalupa escaler, por todo o que nos falta por ser.

Querida Dosinda Christensen:
Comentarios