Opinión

A todas as Evas

Oito días sen Eva Cortes, a primeira novela da xornalista Sara Vila, acadou o Premio Illa Nova de Narrativa 2021, poñendo en valor a esta nova voz das nosas letras dende un relato escrito cun fondo compromiso coa actual situación da muller na sociedade.
Adán e Eva

A adicatoria de Sara Vila a partir da cal comeza Oito días sen Eva Cortes, publicada pola editorial Galaxia, xa é toda unha declaración de intencións do que nos imos a atopar no seu interior. "A todas as Evas" é o xeito explícito de sinalar a todos aqueles que converten as mulleres nas portadoras dese pecado orixinal que tivo boa culpa de situar sempre á parte feminina da sociedade ao longo da Historia nun lugar secundario fronte ao home, así como de culpabilidade ante moitas das accións ou actividades femininas.

A escrita desta debutante na narrativa, xunto as súas bondades literarias, agocha no seu discurso un fondo compromiso coa situación  arredor dos perigos sociais que sofren as mulleres. Unha violencia que nos sacode case a diario sobresaltándonos por diferentes tipos de violencias dirixidas tanto á propia muller como aos seus fillos ou fillas. Unha violencia de xénero, perfectamente identificada, e que dende diferentes mensaxes se tenta diluír nunha violencia máis xenérica. Dende esa atmosfera debemos entender a historia que nos conta esta experiodista do Diario de Pontevedra nacida nas Neves na que a desaparición dunha rapaza nunha vila de nome Pontevella esperta toda unha tensión social que é a que ten que narrar dende o seu traballo e coa súa implicación a xornalista Antía Ubeira.

Temos, daquela, dous carreiros que conflúen ao longo do texto. Por un lado o caso desa muller que desaparece e con certos paralelismos coa propia autora que contribúen á afinidade e ao compromiso por poñer luz alí onde só semella haber escuridade; e, por outro, o desenvolvemento da profesión xornalística, e que Sara Vila coñece ben, facendo asomar na novela moito do vivido en primeira persoa no que é exercer nunha vila pequena: a relación cos compañeiros e mesmo cos xefes, a diversidade de temas a tratar e cómo ese irrenunciable compromiso do xornalismo coa honestidade do seu traballo moitas veces se atopa con persoas que tentan achegar ao lector titulares ou novas que poñen en dúbida esas verdades, estando máis atentas aos números.

Ese marco xeográfico e humano que envolve a narración e que converte a Pontevella nun trasunto de Pontevedra

Outro elemento de moita importancia na escrita de Sara Vila é a contextualización da novela, ese marco xeográfico e humano que envolve a narración e que converte a Pontevella nun trasunto de Pontevedra, a cidade na que ela mesma traballou nos últimos anos. Son moitos os espazos físicos da cidade que asoman ao longo da novela, cunha importancia capital na trama e nos diferentes vieiros que toma o libro.

O cotiá, ese moverse de Antía Ubeira dentro e fóra da redacción, na cafetería na que fala coa camareira que adoita atendela, no percurso da súa investigación ou na relación co seu mozo, é o que mellor acada e transmite Sara Vila, e o que lle dá a novela ese pulo vital, esa frescura que agroma na súa lectura e que nos convida a acompañala sen desmaio para desvelar o que finalmente acontece con esa desaparecida, e da que todo o mundo semella ter algo que dicir ou, aínda peor, algo que calificar en relación as súas decisións ou actos e que a algúns lles posibilita xustificar o que lle poida acontecer despois da súa desaparición.

Nese devir dos acontecementos é unha intelixente decisión a de concentrar nun tempo concreto toda a acción, percorrendo o libro unha semana xusta na vida dos seus protagonistas e cómo a partir da noticia que cada día publica o xornal se constrúe os acontecementos desa xornada. Unha sucesión de horas nas que hai moito tempo para pensar, nas que Antía Ubeira posiciónase ante o que lle acontece a esa muller desaparecida, pero tamén fronte a ela mesma e cómo esta sendo a súa vida e as súas arelas, entre elas o desexo de ser nai, dentro dunha relación absolutamente perxudicial e nociva para ela pero da que, como adoita acontecer na realidade, non sempre é sinxelo saír.

Ese pulso coa actualidade e o tratamento da información nos medios de comunicación tecen unha historia que, ao fin e ao cabo, serve para artellar outras historias e reflectir como os vieiros da vida nun momento determinado semellan deterse fronte a un feito catárquico. A desaparición de Eva Cortes xera nesa vila unha treboada de medos que constrastan cos desexos dunhas protagonistas que camiñan xuntas polos titulares da vida e que, cando coñecemos a súa historia, ofrécennos moitas claves do que acontece nunha sociedade chea desas nubes treboentas.

Comentarios