Opinión

A verdade entre as mans

A posta en valor da fotografía de Baldomero Pestana converte a súa obra nunha referencia visual do século XX, sobre todo no retrato de certos ambientes culturais e sociais de Bos Aires, Lima ou París. Unha mostra na Cidade da Cultura pon ante nós todo o seu talento

Baldomero Pestana

POUCAS SITUACIÓNS na vida máis fermosas ca da descuberta. O achádego dunha actividade, obra ou realización que un non coñecía pero que de súpeto aparece para quedar xa para sempre no noso imaxinario e formar parte de nós. Isto é o que acontece, polo menos para quen isto escribe, con Baldomero Pestana (Castroverde, Lugo; 1917-Bascuas, Lugo; 2015) ao acadar as imaxes de Baldomero Pestana o converterse unha das máis interesantes propostas da fotografía. Ademáis, serviron para deixar constancia de aspectos como a cultura ou a sociedade dos espazos físicos polos que se moveu.

Este proxecto, levado adiante pola Cidade da Cultura e o Instituto Cervantes, e do que podemos gozar aínda en Compostela ata o 2 de setembro, permite un amplo enfrontamento co seu traballo, e o recoñecemento do bo quefacer dos comisarios Chus Villar e Juan Bonilla. Dende a mostra e o fermoso catálogo que a acompaña revelan a lúcida mirada deste fotógrafo que se moveu nun triángulo urbano bulideiro e cosmpolito como o foron en tempos Bos Aires, Lima e París.

Neses espazos rexistrou a moitos dos protagonistas da gran literatura sudamerican, que chegaron a ser amigos seus. Todas esas fotografías destilan un forte magnetismo e o seu creador foi quen de pechar nelas a vitalidade creativa de xente como Borges, Vargas Llosa, García Marquez, Carlos Fuentes ou Bryce Echenique por salientar algúns dos retratados, quizais os máis coñecidos. Eses fíos de amizade levaron a Baldomero Pestana a un troco con cada un dos escritores dunha fotografía, elexida por eles, mentres que ao artista lle correspondían cunha desas imaxes da serie adicada cun autógrafo. Unha espectacular colección que pode ter moi poucas comparacións no mundo da fotografía e que sería a envexa de calquera mitómano das letras.

Pero xunto a isto, que pode funcionar como o máis vistoso e engaiolante do seu traballo, atopámonos tamén toda unha serie de imaxes que falan do que ten que facer un fotógrafo alí onde pouse a súa mirada, como é a captación da vida, facer dun anaco de realidade unha obra de arte. E non hai máis que mirar as imaxes que Baldomero Pestana captou en Bos Aires ou en Lima para darse de conta da súa consistencia como fotógrafo. A realidade, a verdade das súas fotografías son un documento marabilloso para achegarnos a esar grandes urbes sudamericanas, pero é que esa verdade é a que soubo tamén capturar, nunha paisaxe humana e xestual, dende os seus famosos retratados.

Miradas emocionantes como as que logra acadar achegando o obxectivo da súa cámara aos máis desfavorecidos nas rúas do Perú

Nenos xogando nun parque de Bos Aires, a xente camiñando, os ambientes musicais todo iso xera un ambiente de luces e sombras enfrontadas dunha prodixiosa escenografía. Miradas emocionantes como as que logra acadar achegando o obxectivo da súa cámara aos máis desfavorecidos nas rúas do Perú, así como das poboacións indíxenas propiciando ademais un rexistro etnográfico de gran forza ao engadirlle ao aspecto artístico un fondo respecto por eles.

A finais da década do sesenta Baldomero Pestana instálase en París. Traballa na fotografía de obras de arte para catálogos e tamén comeza a desenvolver outra das súas paixóns, o debuxo. Na capital francesa, plétorica de forzas e emocións, encóntrase con moitos dos seus amigos escritores, agora si cunha crecente sona no mundo das letras, aquela que comezaron a forxar cando posaban ante o fotografo lucense sendo apenas uns descoñecidos. París é un marabilloso escenario que sumar os dos países latinoamericanos e así o fai o noso protagonista. As rúas parisinas, os cafés ou a música de jazz, que tanto lle fascinaba, pasarán a ocupar outra boa serie de fotografías, pero tamén o serán protagonistas cidades como Madrid ou Lugo en diferentes momentos ata o seu pasamento. Unha noticia que foi referida por unha das revistas nas que colaborou definíndoo como o fotógrafo que non se daba importancia. Así foi, pero el sempre foi consciente da calidade artística da súa mirada e de que con cada un dos seus disparos a fotografía de Baldomero Pestana convertíase nun documento artístico e documental de primeiro orde. Agora podemos gozalo e descubrilo, asegúrolles que xa nunca esquecerán un fotógrafo importante.

Comentarios