Opinión

Asoerey e a virxe da Soedade

A presenza na exposición Laxeiro e a arte da súa época da peza de Asorey A virxe da Soidade é unha oportunidade para achegarse a unha das pezas máis impresionantes do escultor cambadés e que forma parte dos fondos do Museo de Arte Sacro de Bilbao.
Asorey

Non son poucas as virtudes e motivacións para achegarse ata o Marco de Vigo á exposición Laxeiro e a arte da súa época, na que, baixo a dirección do seu comisario, Miguel Fernández Cid, se propoñen toda unha serie de intensas relacións entre diferentes creadores do seu tempo e o pintor de Lalín. Nela atopamos non só as magníficas obras do propio Laxeiro, senón que, para visibilizar, explicar e entender eses fíos comúns se amosan tamén unha serie de pezas de diferentes autores ás que se lle pode atribuir o calificativo de maxistrais e polas que xa paga a pena realizar a visita, máis aínda cando algunhas delas proceden de diferentes museos do Estado, lonxe de nós, e que agora temos a oportunidade de velas á porta das nosas casas.

Miró, Maruja Mallo, Solana, Saura, Torres García... poden ser algúns destes nomes, pero desta vez poñeremos o foco nunha escultura, nunha das dúas do mestre cambadés Francisco Asorey  que xunto á súa peza O tesouro, completan unha sala incríble pola reunión de pezas que nela se atopan. Alí, con dúas obras de Laxeiro ás súas costas, emerxe, un case diría que das profundidades da terra, a Virxe da Soidade que, procedente do Museo de Arte Sacro de Bilbao, amosa a contundencia plástica do escultor, a súa capacidade para o traballo en madeira e a integración da policromía na súa superficie e, sobre todo, para configurar unha imaxinería de tipo relixiosa que pouco ou nada tiña que ver co convencionalismo que no momento da súa realización, a peza está datada en 1931, imperaba neste tipo de traballos moi apegados á tradición.

A tamén coñecida como Nai de Dor, tal e como o propio artista a presentou á Exposición Nacional de 1932 é un dos traballos máis sobresaíntes de Asorey e que todavía hoxe impacta ao visitante e a quen a descobre, xa que non é unha das súas pezas máis coñecidas, en boa parte polo tempo que estivo desaparecida esta obra que o escultor regalara ao bispo de Bilbao, e que estivo agochada nuns almacéns do antigo Seminario de Bilbao ata 1995 cando se repara nela e tras un profundo proceso de recuperación e restauración, mesmo da súa exuberante policromía, exhíbese no museo relixioso da capital de Bizkaia.

Nesa capital pasou Asorey varios anos da súa formación e como profesor de Debuxo, con tan só 17 anos, no Colexio Laboral de Salesianos de Barakaldo, sendo alí onde comezou a forxarse un estilo de seu, máis baseado na contundencia das formas, na pegada do escultor a través das súas ferramentas ben sobre a madeira ou sobre a pedra e achegando un senso primitivista das formas. En Barakaldo tivo o seu primeiro estudio e a súa relación con estas terras foi permanente, realizando entre 1927 e 1931 varias figuras para a igrexa de Santa María de Gernika nas que atopamos esa esencialidade da súa imaxinería relixiosa na que era quen de amalgamar unha forte enerxía co recollemento máis piadoso.

Iso mesmo é o que atopamos nesta Virxe da Soidade, nunha peza dun gran tamaño e que estaba pensada para ser vista dende abaixo, un punto inferior que aínda incidiría máis no carácter abrumador da peza no que a Virxe, con xesto contido, a cabeza baixa e asumindo a dor provocada pola paixón do fillo, á que se remite na parte inferior da peza, conforman un conxunto realmente abrumador e no que esa maneira de tallar a madeira, na que queda o rastro do punzón case como unha ferida na súa alma, engádenlle o dramatismo que abofé procuraba o seu autor.

A frontalidade da peza ou o barroquismo que dela emerxe seguen a sumar contido a unha desas pezas que xustifican por ela mesma, sen necesidade de agregarlle outras do seu extenso repertorio, a calidade de xenio da escultura galega de Francisco Asorey, posiblemente o mellor dende o mesmísimo Mestre Mateo. Algo que para comprobalo non hai máis que achegarse ao museo vigués é rodear a esta figura, deixarse levar polo traballo feito sobre a súa superficie e contemplar un conxunto co que o espectador semella fundirse baixo o manto da Virxe, baixo o seu recollemento e baixo esas mans que, cruzadas sobre o seu peito cheo de dor, asumen a nosa condición humana como parte do seu sacrificio.

Comentarios