Cando arder rima con rezar

Espigas. EP
Espigas. EP
A morte da súa avoa provoca no poeta a configuración dun estado de ánimo que se traduce na palabra tinguida de sensibilidade na procura dun vieiro de expresión entre a forza da natureza e a relación do ser amado coa súa contorna. Carlos Negro emociona e estremece

Treme a alma ao coller nas mans o novo poemario de Carlos Negro, editado como adoita acontecer con Apiario cunha delicadeza e fermosura que, desta vez, se integra no propio discurso do poeta. Isto é nesa fala dende a ausencia, dende a perda dun ser tan relevante na súa vida como o da avoa materna falecida un 9 de novembro de 2020, como un 9 de novembro a poeta Anne Sexton escribía "todo en min é un paxaro" e se mo permiten, por seguir co xogo cabalístico das datas, un 9 de novembro naceu quen isto escribe. As datas nos configuran, os días quedan prendidos en nós como parte do que somos, e Carlos Negro converte este poemario nun fermoso canto da persoa perdida a través dun achegamento de palabras medidas, moitas delas prolongadas nunha configuración poética entendida como un horizonte de palabras que se extenden ao ancho da páxina como unha mirada cara o que se despraza máis alá.

A caligrafía das espigas afástase do laio e amósase como o orgullo dunha herdanza, o sangue que reclama o seu valor como transmisor de ensinanzas, aloumiños e miradas que se recuperan ao longo destas páxinas nas que a través de varios bloques de poemas imos achegando ou afastando a nosa proximidade a ela. Nun primeiro lugar é a natureza a que nos fala, na que Carlos Negro nos introduce para achegarnos a unha realidade vivida e tamén á intimidade do poeta que esculca no seu interior para atopar a voz precisa para ese primeiro achegamento. Nun segundo bloque a súa presenza faise máis evidente, descripcións, movementos, accións... non fan máis que converter o poema nun abrigadoiro onde atopar o conforto preciso para atopar o consolo. Palabras que se converten en recendos, en estímulos que acougan a ausencia ao tempo que fan da lembranza unha emoción inzada dunha tactilidade que nos leva a darlle un senso físico a esa muller protagonista que o seu neto converte en homenaxe, rematando o poemario con outras páxinas que procuran a sinxeleza o baleiro como protagonista a unha serie de apelacións convertidas en descripcións tan singulares como efectivas na súa proposición.

O libro, como o propio poeta nos di, "maniféstase como ofrenda", na confirmación do misterio que supón compartir a vida, partillar toda unha serie de experiencias que nos configuran ao longo do tempo e que cando xorde a necesidade da evocación convértense nunha das maiores posibilidades do poeta por facer das súas palabras unha sucesión de emocións como ese "voar de avelaíña" que fai da morte unha resurección permanente para os que souberon dela, da súa afouteza, da súa maneira de relacionarse cos seus e coa comunidade, entendida como ese hábitat onde o baleiro só pode encherse dende  a lembranza, dende ese poñer en pé unha figura imprescindible no seu contexto.

De novo Carlos Negro fai do escintilar da súa transparencia poética outra alfaia da nosa poesía e, axudado por Apiario, converte ‘A caligrafía das espigas’, nun itinerario íntimo que se abre a nós para compartir esa aperta que xorde da ausencia, na procura dun paraíso que emerxe da ledicia do recordo como un acto de expiación personal na procura dun mesmo, da raiceira que nos constitúe. Cada ringleira de palabras abanea dende o vento da memoria para, como as espigas, vencerse cara un lado, amoldándose a unha determinada situación, pero nunca sen rachar. Sempre firme, recuperando a súa posición inicial aínda que a situación sexa complexa.

Espigas que alustran sobre un escuro azul que nos leva á cuberta dun libro que nos somerxe na lembranza oceánica dende o aboiar das palabras, dende esa seguridade de quen escribe para facer eterna unha presenza, para situar unha figura no seu punto de imbatibilidade á que acudir cando semella que xa todo pasou, mais non é así. A escrita ten ese poder cauterizador para que cando nos asomemos a ela vexamos nas palabras non só un feito comunicativo, senón o arreguizo de quen nos traslada unha vida que foi común a outros, tan necesaria no seu momento como agora na súa expresión artística e, polo tanto, trascendente a todos nós.

Comentarios