miércoles. 25.05.2022 |
El tiempo
miércoles. 25.05.2022
El tiempo

Cando a tea se volve lenzo

Unha exposición na sede da Coruña da Fundación Barrié amosa unha boa selección de obras textís nas que varios dos principais creadores do século XX deixaron a súa pegada para convertelos en deseños nos que moda e arte compartían unha mesma inquedanza.
Salvador Dalí. EP
Salvador Dalí. EP

UNHA extraordinaria montaxe arredor de texidos deseñados por diferentes artistas de movementos como o cubismo, o surrealismo, o fauvismo, o pop art ou a abstracción amosa como todos eles quixeron deixar a súa pegada nun soporte moi diferente, ou quizais non tanto, ao que adoitaban empregar nas súas mostras nos mellores museos do mundo.

A Fundación Barrié acolle, en primicia para España, a exposición Téxtiles de artistas organizada polo Fashion and Textile Museo de Londres e que nos amosa ata 113 exemplos de teas e vestidos, así como material documental, que explica de maneira exemplar esa parte da arte, pouco coñecida, e que en Gran Bretaña, Estados Unidos e a Europa do século XX, permitiu que nomes como os de Picasso, Dufy, Dalí, Matisse, Sonia Delauny, Henry Moore ou Warhol, entre outros. atopasen un novo xeito de expresión.

Salvador Dalí
Salvador Dalí

Este traballo podémolo gozar ata o 19 de xuño na súa sede do Cantón Grande da Coruña e na que, en primeiro lugar, atopamos como varios creadores tentaron borrar esa liña que separaba as Belas Artes das artes aplicadas, e é aí cando a comezos do século XX diferentes creadores, como o fauvista Dufy, aplicaron a súa arte a tecidos para que as mulleres os levasen polas rúas. Pouco a pouco incorporáronse outros artistas como Picasso, Dalí ou Miró, os cales souberon ver como os seus trazos podían espallarse polo mundo en vestidos, prestando algunhas das súas formas máis recoñecidas no seu traballo pictórico para a confección dunha serie de produtos que aquí vemos e que nos sorprenden polo resultado final. A prensa ou as revistas da época souberon tamén suliñar esa coexistencia de territorios e así podemos asomarnos na exposición a moitas publicacións que gababan a uns pintores convertidos en auténticas estrelas mediáticas.

Elegancia, sofisticación e marcas destacadas tras eles fixeron da moda parte dese ‘way of life'

Despois da Segunda Guerra Mundial, unha nova sociedade demandaba novos artigos para unha forma de vida diferente. A arte se prolongaba a toda unha serie de espazos impensables pouco tempo antes. A publicidade, a televisión ou o cine provocaban novas miradas a unha realidade que quería fuxir das consecuencias da guerra querendo facer da vida un espazo de ledicia ou, polo menos, de ilusións. Todo iso se agocha nunha serie de tecidos ou vestidos dos anos 50 e 60 do pasado século. 

Elegancia, sofisticación e marcas destacadas tras eles fixeron da moda parte dese way of life ao que non poucas mulleres do mundo quixeron pertencer. Desta maneira a arte máis culta conquistaba novos espazos e convertía a xente en parte do seu proceso de produción. A partir de aí ese proceso non deixou de evolucionar chegando ata os nosos días, xa non como algo sorprendente senón como unha coexistencia natural da que na mostra temos exemplos como os de Damien Hirst ou Zandra Rhodes.

Se cando contemplamos os vestidos con eses deseños nos chama a atención o ben que funcionan eses trazos sobre un elemento cotiá, outra consecuencia desta mostra ben atraínte é como funcionan eses deseños sobre os tecidos postos na parede como se fosen cadros pintados para unha exposición. Poñerse diante destas pezas lévanos a pensar en cómo, realmente, non hai tanta distancia entre un soporte de tea transformada pola pintura dun artista ou unha tea na que se aplicou un deseño e agora se dispón na parede de xeito frontal como un cadro normal.

Poucos destes tecidos exhibíronse deste xeito tan pictórico, por así decilo, vencellándose máis á participación en mostras de moda, de aí que este xeito de contemplalas permítenos achegarnos dun xeito diferente ao mundo textil, pero tamén a un traballo de nomes referentes da pintura do século XX, pero do que non tiñamos contemplado este traballo que acolleron con intelixencia, permitindo a impresión das súas pinturas nestes novos soportes, bueno, en case todos, xa que, por exemplo, Picasso poñía como excepción as tapicerías: "Un pode apoiarse nun Picasso, pero non sentarse nel".

Cando a tea se volve lenzo
Comentarios