Opinión

A captura do invisible

A relación entre Alberto Giacometti e Peter Lindbergh, presentada a través das fotografías feitas por este do legado do escultor no seu Instituto de París é o obxectivo da mostra que se pode percorrer no Museo da Misericordia na cidade de Porto

É A PRIMEIRA vez que esta exposición sae do Instituto Giacometti de París, sendo en Porto, no Museo da Misericordia na rúa das Flores, onde podemos visitala ata o 24 de setembro. Configúrase así a intersección de dous creadores, Alberto Giacometti e Peter Lindbergh, dous grandes talentos do século XX en campos artísticos como os da escultura e a fotografía, respectivamente.

Falecido en 1966 a escultura de Alberto Giacometti, coas súas figuras dramáticas, de fomas alongadas, contidas na súa expresividade, conformou unha das aventuras máis radicais e emocionantes propostas dende a escultura ao longo do século pasado. O fotógrafo alemán, Peter Lindbergh, coñecido polas súas fotografías das grandes modelos pertencentes ao universo da moda, enfrontouse en París, no propio Instituto Giacometti, a moitas desas creacións, nas que foron unhas xornadas inesquecibles para el. Realizou un traballo fotográfico que redimensionaba esas pezas xerando unha nova percepción da súa obra. Nesta mostra reúnense as fotografías dun e as esculturas do outro, pero tamén esas outras pezas nas que as esculturas se converten en fotografía, xerando unha interrelación de xéneros e sensibilidades que sorprende con cada mirada que lles diriximos.

O propio Lindbergh propuxo esta exposición na cidade lusa, pero a súa morte en 2019, así como a pandemia, retrasaron a súa execución ata os nosos días. A fotografía de Lindbergh fíxose famosa no mundo da moda por como reflectía as iconas da pasarela, adoitando facelo en branco e negro. As súas imaxes de modelos cos seus esveltos corpos -algunhas destas fotografías tamén se expoñen ao longo da exposición- non deixan de amosar unha certa relación coas propias formas de Giacometti. Esa verticalidade, a esencialidade do físico, a ausencia da cor, son todos eles ingredientes que indagan nese ascetismo que o escultor foi quen de conferirlle as súas pezas. De aí que a maneira de Lindbergh de ollar esas obras perfiladas por Giacometti, non é moi diferente de cando co obxectivo enfocaba a Naomi Campbell ou Kate Moss, sendo ambos capaces de captar algo invisible, unha sorte de compoñente espiritual que emerxe das formas e que só as miradas dos artistas son quen de evidenciar.

Se estamos máis acostumados a enfrontarnos coa obra do escultor suízo protagonista habitual de exposicións, non é tran frecuente que un fotógrafo do ámbito da moda tome tamén relevancia neste eido

Esa deconstrución do ser humano que propuxo Alberto Giacometti permitiu amosar a súa fraxilidade tras os complexos periodos das Guerras Mundiais e a aparición do existencialismo ofrecendo respostas ou, polo menos camiños, para descifrar o desacougo e a angustia. As súas figuras, polo tanto, encarnan ese dramatismo que aquí se reflicte en debuxos e nos seus recoñecidos bronces, ata un total de 110 pezas, entre as que se inclúen as do fotógrafo alemán, baixo o comisariado de Charlotte Crapts, quen soubo presentar ese diálogo de maneira acaída para, mentres circulamos entre as figuras e as fotografías, ser capaces de percibir ese fío común, o que move esa melancolía que emerxe do traballo de ambos no rexistro da alma humana.

Se estamos máis acostumados a enfrontarnos coa obra do escultor suízo protagonista habitual de exposicións, non é tran frecuente que un fotógrafo do ámbito da moda tome tamén relevancia neste eido, pero é evidente que o maxisterio dos dous creadores sae reforzado con esta simbiose que enguedella os puntos de vista de quenes estiveron tan afeitos a mirar, a poñer ao ser humano no seu obxectivo para tentar, xa non só representalo, senón tamén descifralo.

Porto sempre é unha referencia en canto á oportunidade de gozar da arte, e neste momento ofrécenos un verán con moi pouca comparación co resto da península, así, mentres en Serralves nomes como os de Louise Bourgeois, Olafur Eliasson ou Jorge Molder protagonizan a súa programación, a presenza no Museo da Misericordia, en pleno centro de Porto, de Alberto Giacometti e Peter Lindbergh, xunto coa mostra adicada a outro xigante do século XX, Francis Bacon, noutro espazo recuperado para a arte como é a Galería Wow, xa na ribeira de Gaia, converten á cidade do norte de Portugal nun perfecto destino para nós na descuberta de propostas tan interesantes e inesperadas como este diálogo entre escultura e fotografía á procura do invisible.

Comentarios