Cincuenta anos fronte ao mar

Antón Sobral. ALBA SOTELO
Antón Sobral. ALBA SOTELO
O pintor Antón Sobral celebra cinco décadas convertendo o mar, o seu mar, nun espazo de inspiración e materialización dunha pintura á procura sempre dunha beleza que sirva ao ser humano para atopar un equilibrio que se adoita rachar co noso aloucado día a día

Actualmente é cunha exposición no Museo Manuel Torres de Marín, a súa vila de nacemento, ou o que é o mesmo, o primeiro miradoiro cara a un mar que nunca lle deixou de acompañar. Pero antes foi a sala de exposicións de Afundación en Vigo ou unha emocionante homenaxe a cargo da Uned en Pontevedra, fitos que veñen converterse nun ronsel celebratorio, o de nin máis nin menos que 50 anos adicados á pintura, á creación cultural, ao compromiso coa beleza mais tamén a sementar Galicia cunha chea de accións e proxectos que máis alá das súas pretensións, debemos entendelas como o compromiso dun home cun país e coa cultura como xeito de rachar calquera distancia entre as persoas.

Flâneur sentimental, Antón Sobral converteu o seu exercicio pictórico nunha travesía, nunha deriva entre as ondas movido polos ventos da vida, aqueles que incialmente axitou a súa nai, a tamén pintora Ángeles Iglesias, e que logo el mesmo se adicou a encher as súas velas de xeito absolutamente vocacional, mais as pinceladas foron medrando, collendo confianza, sendo mestras de si mesmas. A carón delas a vida converteuse na mellor das paletas onde afundir os pinceis. Viaxes, exposicións, amizades, amores... en definitiva unha existencia que se atopou un rumbo definido foi o da beleza e o do compromiso. Gozo e traballo que dende ese momento, co compás axeitado, non fixeron máis que producir centos de cadros que se converteron nunha atalaia fronte ao mar, a conversión daquel mozo que  asomaba ao seu mar de Marín e que agora fixo de todos os mares da imaxinación un mar coma aquel no que agroman a emoción, o sentimento, a poética e unha sorte de panteísmo que converte o Océano Sobral nun universo propio onde a súa pintura establece diferentes representacións que mudan a súa faciana en función do emprego da cor, máis ou menos real, máis ou menos apegado a unha visión da realidade ou dende unha visión que xorde da impresión da natureza no pintor converténdose nun rexistro dos estados de ánimo.

A exposición do Museo Manuel Torres de Marín é un percorrido por esa travesía, amosando diferentes portos desa vida pictórica. Dende as primeiras figuracións á progresiva desaparición das formas humanas e a creación dese ámbito marítimo dende o que Antón Sobral tamén entendeu que a vida era axudar aos demais e comprometerse. De aí a súa participación nunha chea de iniciativas solidarias, de encontros culturais, de proxectos colectivos que converteron a súa figura nun elo entre artistas. A súa obra tamén incorporou a palabra, a carón do poeta Xaime Toxo activou un proxecto común de camiñar e contemplar a contorna para facer da poesía do segundo a perfecta maridaxe para os azuis do segundo. Azuis que non deixar de modularse ao longo da súa obra. Unha enorme gama que como o propio mar atópase a mercede da luz, das raiolas de sol, das aduanas das nubes, dos reflexos nas ondas.

Escribe Antón Castro, outro home que medrou co mar metido nos ollos dende o seu nacer en Muxía entre pedras máxicas e un atlántismo sen o que nada do que viría despois tería sentido para ambos, no catálogo deseñado de maneira primorosa por Rai Calviño, que Antón Sobral «consolidou unha linguaxe inconfundible e renovadora sometida á natureza dun mar infinito e á dimensión poética da alma». Dende estas coordenadas atopamos a obra de Antón Sobral fronte o seu propio mar, ese mar de Marín que unha e mil veces o chama dende o son dunha buguina que sobe polo Lérez ata o seu taller para que se siga medindo con el e que ese namoramento siga en pé. Alí, entre músicas, lecturas e poesías, Antón Sobral segue sucando mares, percorrendo océanos. Cincuenta van xa, un Ulises contemporáneo que agora, durante unhas semanas, chega a súa casa, a súa Ítaca, un Marín ao que non deixa de levar proxectos e actividades para que a cultura siga sendo o mellor faro que axitar ese Concello entre as sombras do noso tempo. Alí podemos achegarnos para sentir e ver cómo foi ese percorrido, como eses cincuenta anos fronte o mar non foron en balde, e se temos sorte e nos atopamos alí co pintor, veremos como ese mar está nos seus ollos e dende aí é dende onde xorden todos estes cadros que nos beliscan a alma.

Comentarios