Opinión

Contrapunto artístico

After the whale é a brillante proposta artística do fotógrafo Manuel Vilariño que, coas súas pezas, coloniza diferentes espazos do Museo de Belas Artes da Coruña establecendo un intelixente e poderoso diálogo coas obras dese centro.
Ramón Rozas - Contrapunto artístico

POR ALÍ resopra! Manuel Vilariño colócanos fronte ao cantil que xorde da eternidade da arte, da emoción crepuscular das manifestacións creativas do ser humano que dende vieiros como os da pintura, a fotografía, a música, a poesía ou a escultura, son quen de achegarse a ese misterio insondable que xorde da creación artística. Converte así o Premio Nacional de Fotografía o espléndido museo coruñés nunha sorte de balea na que el, como unha especie de Jonás contemporáneo, fará dos tres días que pasou o personaxe bíblico no interior do cetáceo, un tempo de diálogo entre a súa arte e a de tantos séculos como nos precederon no tempo. Unha brillante idea que aínda incrementa o seu valor coa meditada resolución da distribución das súas pezas en axeitados diálogos coas obras do museo nas súas diferentes plantas e mergullándose en diferentes momentos históricos.

Pero antes dese enfrontamento Manuel Vilariño xera o ambiente necesario para somerxernos nun contexto determinado, o do medio natural, o dos sons da natureza, as sensacións que xorden de paisaxes, efectos naturais e mesmo a música, que tan importante é na súa vida, sen deixar de lado toda unha poética que enche a súa obra de significados e emocións. Baixo unha coidada iluminación esa territorialidade da obra de arte sinala diferentes vieiros, diferentes espazos a explorar na súa conquista e, sobre todo, na evaluación da súa capacidade para impactar ao ser humano. Fotografías, materiais, instalacións, mesmo recendos, como o da súa impoñente montaña de cúrcuma son todo un estímulo para os sentidos do visitante que se deixa levar por ese misterio que todo artista procura na súa obra e que poucos como Manuel Vilariño son quen de acadar de xeito tan permanente como intenso nos últimos tempos e dunha forza tal que, desta vez, somerxe todo o museo no seu itinerario á procura desa gran balea branca para todo artista que é a captura dese elemento segredo que lle dá sentido á obra de arte.

Ramón Rozas - Contrapunto artístico

Un contrapunto artístico que acada o seu éxito pola escolla das obras, desas parellas de pezas de antes e de agora que funcionan como un reloxo coas agullas do tempo detidas pero que coa súa contundencia plástica lévante a esa dimensión mítica que acontece cando emerxe a balea branca das profundidades. Os nosos ollos converteranse daquela en arpóns cos que capturar todas esas novas sensacións. Cantas veces visitaría Manuel Vilariño antes de facer a súa escolla? Cantas miradas levedaron ao longo do tempo dende o Manuel Vilariño cativo que abofé percorrería xa este espazo? Cantas veces se asomou Manuel Vilariño ao horizonte do Atlántico soñando con baleas e coas fotografías que lle podía regalar a natureza? Desas preguntas as respostan chegan ao longo de todo un itinerario engaiolante, capaz de repensar os museos de hoxe establecendo novas posibilidades nas súas lecturas internas e de diálogos con outros creadores que tensen horizontes e propoñan a realimentación da arte ao longo dos tempos.

Unha trascendencia que outorga unha forza necesaria, case telúrica, para que a nosa contemplación entenda desa atemporalidade da arte

Bodegóns, paisaxes ou retratos, sintetizan ese encontro de formas, tempos e realidades nas que os xéneros máis tradicionais sométense á mirada que Manuel Vilariño atellou dende o seu singular discurso artístico. Unha obra capaz dunha lectura moderna sen renunciar ao pouso da tradición que é o que lle dá o seu carácter atemporal. Unha trascendencia que outorga unha forza necesaria, case telúrica, para que a nosa contemplación entenda desa atemporalidade da arte.

E todo iso comeza a interpretarse nun cantil, fronte a un risco entre néboas co mar como un axóuxere que vai e vén, que define o devir do tempo sempre fugaz. Unha sensación que é diferente a anterior e á que vai vir. Un tránsito de imaxes que, como os Cantos de terra e ceo de Olivier Meesiaen, converten o finito en eterno, o son da natureza nunha emoción que define a experiencia do encontro coa natureza ao tempo que mide a nosa insignificancia.

Baixo o comisariado de Fernando Castro Flórez After the whale é un poético canto ao medio natural, ao tempo que se significa como unha relectura da historia da arte dende os códigos da modernidade, dende os códigos que, como un contrapunto musical plantexa Manuel Vilariño.

Comentarios