Opinión

O desapego de Andrea Costas

Dez anos de traballo arredor da idea da maternidade, asumida como un enfrontamento consigo mesma, afastada de idealizacións e obrigas sociais. Andrea Costas propón unha valente reflexión, íntima e aberta, comprometida con ela mesma e a súa contorna familiar.
Andrea Costas
photo_camera Andrea Costas

A nosa sociedade está afeita a unha serie de idealizacións de determinados aspectos cos que semella debemos ter un amplo sentimento de aceptación. Cuestións que adoitan ser indiscutibles e que son dun xeito determinado sen posibilidade de poñelas en dúbida. Abofé que a maternidade é unha delas, e fronte á que o feminismo leva propoñendo, en función da liberdade plena da muller, unha tensión que permita analizar esa decisión que, máis alá da propia concepción ou interrupción da mesma, cando se produce o nacemento semella abrir unha porta a un paraíso de ledicia e beleza tan excepcional coma indiscutible nas súas bondades para a muller.

Afortunadamente esa discusión, esa toma de conciencia, leva cada vez máis a mulleres a pensar e a afastarse dun sentimento de culpabilidade por non asumir ao cen por cen esa situación outorgada pola natureza e por unha sociedade que depositou nas súas costas toda responsabilidade e mesmo un presunto goce da cuestión. Fixérono non hai moito Berta Dávila coa súa novela Os seres queridos, tamén a poeta Yolanda Castaño con Materia e agora é Andrea Costas a que no primeiro andar do Museo Marco de Vigo a que coa súa exposición Desapego, xera no visitante toda unha serie de cuestións vencelladas a esa inquedanza, a esa dúbida, a esa "experiencia complexa, contraditoria, oculta en tópicos, manipulada", como ela mesmo escribe nas paredes dunha mostra incapaz de deixar a ninguén indiferente e que se percorre entre fotografías, instalacións, vídeos e, sobre todo, a forza que emerxe dun pulo íntimo, dun desveo que Andrea Costas non dubida en amosar como o reflexo destes dez últimos anos dende que tomou a decisión de ser nai e que provocou a chegada de dous xemelgos cos que interactúa ao longo de toda a mostra, así como co seu círculo de confianza, aquelas persoas que dun ou doutor xeito participaron na crianza.

Andrea Costas
Andrea Costas

"Un periodo de revolución existencial", que leva a Andrea Costas a unha toma de conciencia dese feito e da súa relación coa sociedade, sempre envolta por unha chea de clixés ou tópicos que ela, dende a sua poderosa faciana artística, é quen de poñer do revés, lonxe de idealizacións e imaxes dulcificadas, pero nas que sempre un atopa un sentimento de beleza, unha procura que xorde, posiblemente, da pureza primitiva dun corpo que lle permite a vida a outro e cómo eses corpos actúan entre eles nos anos seguintes. Esa dimensión corporal está moi presente ao longo de toda a mostra, chea de referencias a pel, e ao cabelo, como, posiblemente, dous dos elementos do noso corpo que  mellor rexistran esa dimensión temporal nun percorrido no que vemos como os xemelgos medran, como a artista e a muller sintetizan as súas impresións nunha enérxica linguaxe dunha tremenda forza visual.

Ese corpo xa é un corpo cheo de pegadas, de rastros e vestixios doutras vidas que entenderán ese corpo como unha sorte de deidade, unha figura que venerar ao tempo que tamén estragar, nesa dualidade que xorde sempre das descendencias. Andrea Costas ten moito mérito na súa proposta, non só pola valentía de amosar o seu eu más íntimo, senón por atopar a maneira de visibilizar iso dende a súa linguaxe artística e como a súa proposta artística que coñecíamos ben no seu apartado fotográfico agora tamén se expande a novos territorios como os do vídeo cuns sons e palabras que arrastramos mesmo fóra da exposición; as instalacións, nas que a natureza xa nos recibe coas súas pegadas sobre a terra de follas, pedras e cristais; ou un mural que, como un dietario da maternidade, permite entender boa parte do vivido nun tempo no que xa nada foi igual, nin para Andrea Costas, nin para a súa contorna familiar, involucrada tamén nunha maternidade que deixa de ser un acto heroico para ensalzar á muller, converténdose, en moitos casos, nunha cuestión de supervivencia e de superación dunha serie de etapas non sempre tan edulcoradas como o discurso oficial da nosa sociedade ofrece sobre esa maternidade que agora Andrea Costas converte nun desapego cheo de valores.

Comentarios