Opinión

O doce e o loito da existencia

O novo poemario de Luís Rei As sílabas do mundo amosa, dende a afouteza da palabra, un percorrido vital polos dentes de serra que supón toda existencia. Ledicias e sombras danse a man nun proceso que acode ao almacén da vida que é a memoria para tentar entender o que somos.
Escritor Luis Rei. AEP
photo_camera Escritor Luis Rei. AEP

UNHA VIDA que son todas. As de cada un de nós. As que co paso dos anos amorean nas súas contornas toda unha chea de experiencias que non levan á interrogación permanente, á procura de respostas coas que termar desas inquedanzas que nos constrúen. Luís Rei fai da súa vida, convertida en poemario, ese espazo no que as dúbidas se moven nun ronsel de poemas, no ronsel de Simbad, escribe, como xa fixera aquel rapaz de Rianxo que se embarcara para medirse co horizonte. O autor de As sílabas do mundo fai desa liña límite un percorrido polo que pasou, polos anos vividos, polos doces acubillos da felicidade, máis tamén pola dor da perda, o loito da ausencia que cada ano medra dun xeito máis intenso pola acumulación dos loitos.

Editado na colección Tambo do selo Kalandraka, co primor acostumado, este mollo de poemas é unha esculca cara ao territorio do íntimo no que todos nos podemos sentir reflectidos dun ou doutro xeito. Cada unha das nosas vidas é tamén ese peregrinar entre a luz e a sombra, entre a descuberta do amor filial, do amor apaixoado, do valor das amizades, das lecturas e sons, en definitiva, das caricias dunha vida que tamén pon ante nós os momentos difíciles, aqueles nos que, como acontece coa caída das folerpas de fría neve, os que nos deixan compoñen un itinerario das ausencias que non poden converterse en esquecemento.

As palabras son o compás preciso para sinalar cada un deses rumbos. O do inicio, o nacemento que abre as portas a todo, abofé, o feito máis importante de toda vida, a partir del inzan dous grandes conxuntos de poemas baixo os epígrafes de Azucres e Folerpas, como esas dúas estacións de paso que xorden en toda vida. Luís Rei é quen de facer da palabra esa ponte chea da forza necesaria para xerar diversas imaxes no lector, para trasladarnos a un instante vital convertido en espello. Silencios que se abrazan, a soidade do mundo, a música do amor... converxencias que nos levan ao arreguizo, a converter cada unha desas expresións nun vento que as veces é lene, máis noutras ocasións é un bruar fronte ás rompentes que nos poñen ante nós mesmos, quizais o máis complexo ao longo da vida, o feito de medírmonos ao que somos poñéndolle sílabas ao mundo.

Todos eses feitos quedan na memoria, nas nosas memorias, sombras da feliz idade, pardais caídos do niño, tristezas do corazón en armas, a vida e a guerra, afirma o poeta


Especial relevo toma nestes poemas a natureza, sempre tan presente na obra de Luís Rei. Un Monte Louro dende o que observar a existencia, un miradoiro do paso do tempo, do rapaz que medrou firme, aínda que as veces eses ventos coseguiron dobrar a figura, pero o gran éxito é o de recuperar a verticalidade, o de seguir ergueito cando a treboada semella non rematar. Todos eses feitos quedan na memoria, nas nosas memorias, sombras da feliz idade, pardais caídos do niño, tristezas do corazón en armas, a vida e a guerra, afirma o poeta nunha sucesión de expresións, loitos que prolongan a invernía que nos asola sempre de xeito inesperado. 

Non camiña só o poeta, facéndose acompañar de nomes senlleiros da poesía: Joan Margarit, Louise Glück, Luz Pozo, Luís Pimentel, Manuel Álvarez Torneiro... poetas que poñen o primeiro chanzo para que levede o poema, unha porta acesa á que non renuncia Luís Rei sabedor da necesidade de que ese primeiro paso sexa firme para facer pé cara o futuro. O futuro é un remate, un verso final convertido nun gume do hoxe, do onte e do mañá. Tempos que medran en cada un de nós, tempos que nos convocan a un proceso de reflexión co que o poeta asume un proceso de exorcismo dende a palabra como necesidade, dende a emoción como bálsamo co que buscar o alivio fronte as escumas que foron.

Luís Rei propón dende estes poemas un alicerce do que é a vida, desa mestura de momentos que compoñen unha sorte de formigón que nos moldea dende o sorriso e a bágoa, dende a luz e a sombra, dende o azucre e a folerpa. Dualidades que por si soas non terían sentido algún e que dalgunha maneira móvense prendidas entre elas nunha acción imprevisible, que non atende a lóxicas senón ao inesperado camiñar que é cada un dos nosos tránsitos. Deterse neles é unha das finalidades de todo poeta para facer da súa palabra unha lanterna coa que converter o inexplicable, senón en algo lóxico, cando menos nunha emoción, unha emoción que nos contén.