Expedición naturalista

Exposición de Alberto Baraya. EP
Exposición de Alberto Baraya. EP
A Fundación RAC de Pontevedra acolle o proxecto artístico do colombiano Alberto Baraya, especialmente ideado para a súa exhibición nas Rías Baixas a partir da reflexión sobre a camelia e o concepto de expedición naturalista como descuberta dunha identidade e dun territorio

NON DEIXA de sorprendernos o artista colombiano Alberto Baraya coas súas propostas artísticas, se hai uns poucos meses materializou no Museo de Pontevedra unha experiencia vencellada á idea da viaxe e o desprazamento co feito de pintar nas velas dunha embarcación as paisaxes da ría de Pontevedra para enlazar coa tradición pictórica vencellada ás pinturas mariñas e de navegacións dese museo, agora é unha flor, e todo o que se pode xerar ao seu arredor, o que nos cita na mostra que na Fundación RAC propón unha observación ao xeito das expedicións científicas dos tempos da Ilustración, cando todo eran fascinantes descubertas; pero que, hoxe en día, neste mundo de tantos enganos e confusións, permite tamén realizar unha intelixente lectura dende a falsificación ou a ficticia representación dende a nosa mentalidade capitalista.

Expedición camelias, herbario de plantas artificiais, recolle, daquela, as diferentes experiencias deste artista en distintos espazos da provincia, centros de estudios medioambientais ou pazos, en definitiva, lugares onde atopar e poder estudar as condicións da camelia, a gran protagonista do seu traballo como símbolo floral máximo da natureza nestas latitudes, pero tamén dos contextos urbanos galegos nos que está variedade, polas súas características é unha das preferidas para alixerar o cemento das nosas vilas. Un gran panel de fotografías permite balizar todos eses percorridos, coa visualización do traballo de campo, imprescindible ante este tipo de experiencias, pero nas que o artista tamén xa nos vai presentando as súas copias, esas flores de plástico que se mimetizan baixo a propia tactilidade do material fotográfico, desafiando ao espectador para que sexa quen de distinguir a real da copia.

Copias que proceden de Oriente, como a propia flor orixinal na súa historia, ese Made in China que recupera a idea do desprazamento e a creatividade arredor desa situación de tinte homérica, na que o relevante acontece no traxecto, e non tanto na posibilidade de chegada ao final da viaxe. Esta dualidade real e copia, activa en Alberto Baraya toda unha creatividade que nos leva á comparación entre a presenza no seu contexto real da flor e cómo as copias empréganse en ámbitos ben afastados da que sería a súa autenticidade. Flores que adornan dende restaurantes ou comercios ata igrexas ou cemiterios e que, como substitutivos dunha presenza, manteñen a súa finalidade de acompañamento do ser humano que admite ese engano, converténdose mesmo en cómplice desa situación. Con ese engano xoga tamén o artista que, nun primeiro momento, converte esas flores en reais, coa creación para cada unha delas dunha serie de fichas técnicas propias de calquera biólogo nas que se separan as súas diferentes partes, debúxanse algunhas delas, se sinalan algunhas características e se inclúen fotografías do seu lugar de procedencia.

Unha obra entre a sorpresa e o divertimento

Todo iso enmárcase e cólgase das paredes da Fundación RAC converténdose, dende esa nova observación, nunha obra de arte que amosa ante un público que se move entre a sorpresa e o divertimento. Posteriormente, no caso de sentirse atraído pola proposta, entramos nesa reflexión que dende un elemento con tanta historia permite tamén facer diferentes lecturas sobre a nosa contemporaneidade e coa condición artística como alento, con ese impagable valor da arte como tradutora e mesmo como creadora de contidos para que dende unha visibilidade atractiva permitir que ese espectador teña unha experiencia non só puramente visual, senón tamén vencellada ao pensamento.

Retoma así Alberto Baraya, dende a o programa anual de Residencias da Fundación RAC, o carácter itinerante de moitas das súas propostas artísticas, sumando esta territorialidade experimental nas Rías Baixas a outras anteriores ben semellantes, como a que tivo lugar no sur de Italia, en Palermo e na illa de Sicilia, onde se celebrou outra exhibición no Botánico desa cidade. Desta vez a camelia será a gran protagonista, a planta que chegou de China e Xapón agora é tamén material artístico, o que se vén a engadir as súas numerosas posibilidades e que tan ben coñecemos por estas terras. Alberto Baraya atopa nela, como atoparon tantos antes, un motivo de inspiración para a súa arte, pero tamén para que debatamos entre o real e o irreal, a esencia e a apariencia.

Comentarios