El tiempo
domingo. 25.09.2022
El tiempo

Fotografías feitas realidade

Unha mostra no Museo de Pontevedra converte en realidade as fotografías de Ruth Matilda Anderson feitas na súas viaxes por Galicia entre 1924 e 1926 a través da colección de traxes e elementos etnográficos da Asociación Sete Espadelas.
Exposición de Ruth Matilda Anderson no Museo de Pontevedra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Exposición de Ruth Matilda Anderson no Museo de Pontevedra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

PERCORRER a exposición que ata o 16 de outubro se amosa no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra supón darse conta da importancia do labor fotográfico que Ruth Matilda Anderson levou a cabo na década dos anos 20 do pasado século nas súas diferentes viaxes a Galicia para documentar a nosa terra mediante unha ampla colección de fotografías feitas por encargo da Hispanic Society de New York.

Unha relevancia que se manifesta ao comprobar como todas esas fotografías que aquí se amosan, moitas delas ampliadas, podendo achegarse así a unha gran cantidade de detalles, configúranse como notarias dun tempo que, de non ser por traballos como o que nos ocupa, quedaría esquecido en moitos aspectos que neste eido da nosa cultura etnográfica carecería de referentes visuais.

Do mesmo xeito, poder ter estes materiais gráficos permite propoñer unha exposición como esta que, baixo o título de Unha viaxe pola indumentaria tradicional de Galicia, converte en realidade, tridimensionaliza, todas esas imaxes que a fotógrafa américa foi quen de capturar nas súas viaxes por Galicia, dúas visitas entre os anos 1924 e 1926, ao longo das cales percorreu un bo número de localidades e nas que se centrou en retratar ás persoas, asomándonos, non só a recunchos nos que a arquitectura amosa a súa realidade e moito do seu sentido anterior á progresiva contaminación que fomos quen de engadirlle a tantos espazos xa irrecuperables, senón que tamén ante nós reflíctense moitos momentos da vida cotiá, dos diferentes traballos que se desenvolvían tanto en ámbitos urbanos como rurais.

Feiras, romerías, os traballos do mar, o que tamén tiña lugar na contorna rural, ou mesmo os interiores, conforman todo este imaxinario


Recíbenos a exposición cunha fermosísima fotografía da propia Ruth Matilda Anderson sentada no interior das pontevedresas ruínas de San Domingos, manexando unha cámara e vestida á moda dos anos 20 nos Estados Unidos, con sombreiro e garavata, e que un pensa como a verían a ela todas esas persoas que pasaron ante esa mesma cámara. A fascinación que esa imaxe da propia fotógrafa xeraría nas mulleres que levaban sobre a súa cabeza as leiteiras ou cestas cheas de galiñas, por citar unha das imaxes referenciais dunha mostra que está chea de visións fascinantes, que xa por si mesmas son engaiolantes ao devolvernos a tempos que explican moito do que somos, pero que, grazas ao labor da Asociación Sete Espadelas, recobra unha inesperada vida grazas a súa recreación tanto dos traxes, como de xoias, ou mesmo materiais de traballo que vemos nas fotografías e que semellan saír do seu límite bidimensional para xerar ante nós unha fonda impresión, que se incrementa grazas á unha boa montaxe e iluminación que incrementan todas esas sensacións.

A mostra divídese en diferentes espazos que recuperan os diversos ámbitos nos que se desenvolvía a vida e que Ruth Matilda Anderson entendeu como representativos da nosa terra para trasladalos á Hispanic Society como reflexo da realidade galega. Feiras, romerías, os traballos do mar, o que tamén tiña lugar na contorna rural, ou mesmo os interiores, conforman todo este imaxinario que se traslada ao espazo do Museo con toda unha serie de materiais que de xeito preciso e, moitas veces sorprendente, revive o contido das fotografías. Nesa especialización das vestimentas tradicionais da Asociación Sete Espadelas atopamos non só traxes vencellados a oficios ou actividades artesanais, senón que tamén podemos observar traxes máis luxosos, vencellados ás festas, ou aos loitos.

Fotografías tomadas en Compostela, en Pontevedra, en Muros... nunha chea de lugares e vilas daquela Galicia dos anos 20 que espertou a curiosidade dunha Hispanic Society que fixo un extraordinario traballo do que ao mellor non somos moi conscientes, pero ao que iniciativas como esta, da man da propia Hispanic Society, xunto ao Museo de Pontevedra e a Asociación Sete Espadelas, contribúen na súa divulgación, máis aínda cando se propón unha iniciativa tan intelixente e ben proposta como a que podemos gozar na cidade do Lérez.

Fotografías feitas realidade
Comentarios