Fran Alonso nas tensións da poesía

Fran Alonso. EP
Fran Alonso. EP
'Poemas inmóbiles de movemento estático' sae do prelo de Chan da Pólvora na esculca dunha poesía activa, que converte a súa faciana en parte do proxecto creativo, e converte cada páxina nunha manifesta tensión entre palabra e forma para goce e descuberta do lector.

REPENICAN as palabras, os seus sons e significados, en cada unha destas páxinas que converten a poesía nun territorio sempre a conquistar. Fran Alonso, domador do verso, sempre anda á procura desa físgoa pola que verter ese verso para forxar con el unha nova realidade creativa. A súa poesía nos últimos tempos móvese nun proceso de experimentación que non deixa de abraiar pola súa sorpresa e capacidade de amosar de xeito novidoso o permanente degoiro de todo poeta, como é o de reflectir a relación do eu coa súa contorna.

O autor vigués fai de Poemas inmóbiles de movemento estático un novo itinerario por esa esculca da tensión que xorde entre o que se escribe e o que se quere dicir, mais aínda, entre o escrito e o visible, xa que cada unha destas achegas poéticas desenvólvese pola súa correspondente páxina cunha forma determinada, nun desafío ao límite do soporte branco ou á tradicional maneira de amosar a poesía ou mesmo de ler cada poema. Non son poucas as ocasións nas que debemos mover o libro, xiralo lixeiramente, voltealo por completo ou o que o texto nos demande para poder seguir a súa lectura. Alí, no seu permanente movemento, a palabra é a que xestiona cada acontecemento, con maior ou menor intensidade, a que reclama o seu protagonismo dende a súa repetición ao longo do libro, pero sobre todo é o compás que manexa ese individuo ao longo da súa peregrinación. Corpo, dúbida, nada, luz, vida, silencio, ruído ou palabra, resoan ao longo de todo o libro nunha convivencia con termos máis esporádicos, pero que escintilan nesa viaxe cara á comprensión do individuo no universo.

Desta volta atopamos esa sorte de existencialismo que converte cada poema nunha pregunta, nunha cuestión do que somos e de onde nos atopamos nesta especie de deriva na que estamos enchoupados baixo o dioivo do desacougo. Cada poema esixe de nós un tempo, unha parada ante cada remate para elaborar a nosa propia experiencia fronte ao real, establecendo, deste xeito, un paradoxo entre a aparente brevidade de cada unha das propostas e a interminable paisaxe que se abre ante nós cando chegamos ao seu fin.

Nesta permanente eclipse de nós mesmos á que estamos sometidos reclamamos de cada unha destas palabras a súa capacidade de nomear, de poñer luz onde se acolle a escuridade, facendo así máis sinxela a nosa observación e a maneira de desenvolvernos nesa paisaxe que xorde despois do verso, e despois dese bombardeo da conciencia, ao que se refire Fran Alonso, para provocar en nós esa complicidade do desacougo, mais, sobre todo, a posibilidade dunha resposta, de facer fronte a esa inacción cómplice co establecido. Unha rendición de nós mesmos ante a que o poeta rebélase dende esa "incerteza da esperanza" coa que dende a contracapa se deixa suspendido un texto de presentación daquilo que non precisa presentación, unha maneira de propoñer a poesía como un permanente desafío para o poeta e, nun segundo chanzo, para o lector, que xa se deixou caer por ese engaiolante pozo como a nena do conto, atopándose nunha nova dimensión. Esa é unha das grandes virtudes do feito por Fran Alonso, converter este conxunto de poemas nunha paréntese, unha sorte de espazo límite ao que trasladarnos durante uns minutos para debullar o que somos. Un espazo de respiracións e alentos, de nubes brancas e instantes perplexos, pero sobre todo un espazo no que facer da poesía un xeito de tensar a nosa existencia, tan cómplice do que acontece, daquilo fronte ao que se rebelan estes poemas que confabulan contra a nosa civilización dun xeito intelixente e acedo, tal e como corresponde a quen aínda confía no verso para reverter, ao xeito da catarse dos clásicos, o noso papel nesta sociedade que nós mesmos fomos quen de crear e mesmo de esnaquizar.

Comentarios