sábado. 15.05.2021 |
El tiempo
sábado. 15.05.2021
El tiempo

O insecto segue vivo

Texto clave da literatura do século XX A transformación de Franz Kafka convértese ao galego da man de Laureano Araujo, no selo Kalandraka, para poñer de novo en valor este relato fantástico e inquedante, pero cheo de reflexións sobre a relación do individuo coa súa contorna.

UN DOS TEXTOS esenciais para achegarse á literatura europea do século XX. A transformación de Franz Kafka, en castelán coñecida como A metamorfose, aínda que o título orixinal do autor checo responda ao título elexido con bo tino polo seu traductor ao galego, Laureano Araujo, permítenos asistir a uns feitos fantásticos que acontecen arredor do ser humano, cun individuo acosado fronte ao que acontecía na súa contorna no comezo do século XX. Un individuo que se sente cada vez máis anulado e disolto nunha sociedade que non deixa de subir chanzos cara a súa deshumanización. A vida nas cidades, cada vez máis cheas de xente, os procesos industrializadores ou os conflictos bélicos, que xa se albiscaban no horizonte, xeraban un ambiente abafante no que Franz Kafka sitúa ao inesquecíbel Gregor Samsa.

A historia é ben coñecida, a dun viaxante que esperta un día cunha estraña sensación comprobando como o seu corpo deixou de ser humano para converterse nun insecto. A súa ausencia do traballo motiva a chegada do seu xefe a unha vivenda que comparte coa familia, pais e irmá; así como cunha serie de inquilinos que axudaban a completar a economía familiar dependente do traballo de Gregor Samsa. Ese cuarto de habitación vólvese un espacio fantástico no que o protagonista tensiona a súa identidade e a relación cos seus seres máis próximos.

A súa publicación en 1915 converteu este pequeno relato nunha extraordinaria diagnose dese ser humano fronte a un mundo que rexistraba un cambio frenético. Esa sensación de ser un insecto é unha desas xenialidades que a escrita nos ofrece como xeito de reflectir un momento determinado da nosa existencia. Unha transformación como a que estaba a acontecer no home do inicio dun século XX que estaría cheo de incertidumes e sobresaltos no futuro.

Desolado polo que estaba a provocar o seu cambio Gregor Samsa deixa de comer ata a morte.

Gregor Samsa é o soporte económico desa familia, unha tensión que non entende de sentimentos cando se asiste ao abismo da precariedade económica á que estaba condeada pola transformación en insecto do protagonista. Tanto o xefe, como o pai, figura coa que se establece un paralelismo co ríxido carácter do pai de Kafka, retíranlle rapidamente toda a confianza mentres que as mulleres, unha nai enferma e a súa irmá, a figura que máis o coida ata o abandono final, perden de xeito progresivo a fiúza nel. Desolado polo que estaba a provocar o seu cambio Gregor Samsa deixa de comer ata a morte.

Tanto esa alegoría do home sometido pola sociedade como o conducirse por un xénero fantástico converten A transformación nun texto que logo sería aproveitado por moitos para crear as súas propias obras máis ou menos dependentes desta. Un relato que configura unha nova narrativa dende unha situación entre o absurdo e o surreal, pero que dende esa óptica dota ao real dunha forza non prevista, capaz de impactar ao lector cada vez que se enfronta con esta historia que non deixa de abraiar. É por iso que nunca está de máis volver a ese núcleo familiar cheo de conductas insoportábeis, de cambios nos seus comportamentos no que asuntos como os da identidade ou a soidade están continuamente presentes como elos entre os protagonistas.

Benvida, polo tanto, esta nova tradución que nos sitúa, en primeiro lugar, ante a recuperación do título orixinario do libro Die verwandlung, que realmente significa A transformación e que foi o elexido por Kafka, e que logo, en sucesivas edicións, iríase perdendo por esa metamorfose moito máis ligada a elementos mitolóxicos ou científicos, pero que, ao enfrontarnos coa lectura do texto, non é tan acaída como a elexida por Laureano Araujo que fai un traballo extraordinario ao longo de todo o relato manténdose sempre nesa angustia permanente, liña a liña, capítulo a capítulo, e cun agudo sentido do humor que se pode rastrexar en diferentes instantes.

Cando volvemos a vivir momentos inquedantes na nosa sociedade, pouco máis de cen anos despois da súa escrita, achegarse de novo aos feitos fantásticos arredor de Gregor Samsa é un xeito inmellorábel para reflexionar sobre nós mesmos e cara onde imos sen ese necesario control dos nosos actos que semella ser o que se agocha tras este berro literario asinado por un xenio: Franz Kafka.

O insecto segue vivo
Comentarios