Novas percepcións artísticas
AS CONVOCATORIAS artísticas adicadas á xente máis nova, a eses creadores e creadoras que buscan o apoio preciso para darse a coñecer e amosar así ante o mundo as súas inquedanzas e a súa maneira de interpretar diferentes cuestións do noso mundo, destacan os Premios Generaciones que chegan ao seu vixésimo quinto aniversario da man de La Casa Encendida e a Fundación Montemadrid que ao longo de todo este tempo nutriron ao sistema artístico de non poucos nomes que hoxe son referencia e que con aqueles primeiros proxectos sentiron esa confianza precisa para camiñar con máis seguridade nese complexo territorio.
Nunha intelixente e interesante alianza entre institucións a mostra deste ano tan especial chega ao museo Marco de Vigo para aumentar a visibilidade desta convocatoria á que ademais se lle engade dende a nosa perspectiva galega e mesmo orgullo a presenza de tres artistas galegos entre os oito seleccionados, o que fala, dende esa porcentaxe, do bo facer dos nosos creadores e creadores. Álvaro Chior (A Coruña), Noela Covelo (Pontevedra) e Marina González (A Guarda), son a cuota galega á que se lle engaden os nomes de Tana Garrido, Isabel Merchante, Mar Reykjavik, Elián Stolarsky e Javier Velázquez, cunha abondosa presenza feminina, son os artistas que nos amosan as súas obras en varias das salas do museo vigués que dende a profesionalidade e complicidade cos artistas ofrece novas posibilidades na exhibición e contemplación dunhas obras que necesitan, polas novas intencións da arte actual, de soportes, medios técnolóxicos e proxeccións no espazo, unha atención individualizada.
Na presentación da exposición os parabéns da entidade convocante, La Casa Encendida, ao Marco polo tratamento das obras e a atención aos artistas permite entender e valorar da nosa capacidade para ser parte deste tipo de iniciativas nas que as posibilidades espaciais permiten unha maior flexibilidade da obra, aumentando as súas posibilidades coas que os artistas continúan medrando nas súas intencións atopando novas canles para que a súa obra reflicta ese latexo interior aquí materializado.
Atopamos, percorrendo as obras, diferentes maneiras de concretar o artístico. Imaxes, esculturas, sons, vídeos, pinturas, teas, instalacións... son varios dos elementos co que nos enfrontamos para entender o diverso que é a arte e cómo cada un deses sistemas permite atopar sensibilidades, preguntas e respostas, para resolver ese dilema interior do que xorde sempre unha obra artística. A uruguaia Elián Stolarsky fala da aphantasia, unha condición que impide ás persoas visualizar imaxes mentalmente, e coa súa instalación que mestura pintura con pezas téxtiles penduradas do teito, reflexiona sobre as sombras que rodean a súa parte como familia de fuxidos do nazismo, creando a súa propia realidade a través de diferentes imaxes. A catalana Tania Garrido nos sitúa entre dúas pantallas para que activemos un proceso de reflexión sobre o domesticado e o natural, unha tensión propia do noso tempo. Isabel Merchante, madrileña, rodéanos dun solpor a través dun complexo sistema tecnolóxico resolto dende a robótica viguesa de maneira fascinante, integrándonos nesa luz que modifica de xeito melancólico o espazo. A valenciana Mar Reykjavik propón un achegamento á censura mediante unha proxección protagonizada pola canción de Raimon Al vent de 1964. O tamén madrileño Javier Velázquez nunha videoinstalación nos leva ata a natureza brasileña para afondar na relación paisaxe-corpo e a fraxilidade de ambos.
Noela Covelo traballa coa voz, cos sons, coa súa relación e percepción no espazo atendendo a novas estruturas temporais enchoupando ese lugar de sensacións que varían en función da nosa posición. Marina González propón un conxunto escultórico na reflexión sobre o tempo, convertido en material, nunha presenza física que se modela dende o seu carácter impreciso. Álvaro Chior co seu Canto rodado atopa novos significados dende a súa voz, co canto como fluxo circular xuto ao ensaio, o repetido. Tres creadores galegos que fixan xa o seu nome no noso imaxinario como parte dunha 'Generación' audaz e valente e na que paga a pena confiar.