lunes. 24.01.2022 |
El tiempo
lunes. 24.01.2022
El tiempo

O necesario desacato de bailar

O Premio Filomena Dato de poesía sae do prelo de Apiario convertido nun afouto libro de poemas no que Lorena Conde discute o plantexamento dos contos clásicos en relación á cosificación das mulleres, ao tempo que establece un debate coa necesidade de liberar o corpo.

POEMAS que son a danza insurrecta dunha muller desexosa de expresarse a través do seu corpo. Un corpo rebelde fronte ao canon dunha sociedade que adoita establecer unhas regras afastadas, en moitos casos, do caracter humano que debería prevalecer en toda sociedade. Lorena Conde converte a súa poesía nunha discusión da norma que vén establecida, non só polas regras de comportamento sociais, senón tamén por todos eses contos infantís que entendemos como clásicos que xa turraban das mentes dos nenos e das nenas integrándoos como parte desa educación dogmática e dirixida que acatamos sen chistar ata fai ben pouco.


Ave do paraíso é a materialización dunha rebeldía, a concreción literaria dese ruxe ruxe interior que leveda nunha nena que colleu nas súas mans o conto de Andersen Os zapatos vermellos e que volveu a ler xa de adulta. Foi o momento do arreguizo, da alarma, de entender como naquel relato dirixido aos cativos a crueldade, o paternalismo ou mesmo a misoxinia formaban partel del con toda a naturalidade e como parte dunha educación colectiva normalizada. A partir de aí Lorena Conde coa "precisión do machado" establece un percorrido poético pola súa necesidade de discutir esta realidade, de poñer baixo o foco da nosa mirada hoxe, aquela outra mirada ás acrobacias do mundo do ballet, ao aplauso aos corpos gráciles, a unha feminidade estilizada para o aplauso do colectivo. Esa revisión levou á autora a plantexar toda unha serie de cuestións íntimas, como a relación do seu propio corpo co espazo público, con desexo de bailar afastada das miradas dos demais como escrutadores do correcto, do corpo normativo, ao falar dun corpo feminino, sempre dun corpo feminino; máis tamén desa moralidade que a sociedade imbuiu nas mulleres sobre a súa educación, a liberdade ou a sexualidade. Dende cada un destes poemas Lorena Conde establece unha pulsión co corpo feminino, sempre baixo a ameaza desa tarántula escura, a "Tarántula de Andersen", a das pernas de boneca, que se enfronta a esa Ave do Paraíso que medra en cada unha das mulleres que se afastan desas sombras: «Saúde do corpo e resistencia da alma./ Amor e baile».


Lorena Conde co seu poemario honra tamén a Filomena Dato, a unha muller que nun espazo de actuación moi masculinizado, presentou unha mirada diferente


Con este texto estreouse, tanto o Premio de Poesía Filomena Dato do Concello de Bergondo, como a propia colección que a Editora Apiario integra dentro do seu selo para publicar os textos gañadores deste certame. Lorena Conde foi, polo tanto, a primeira vencedora, sendo a segunda Lucía Durán con Cartografía dos nomes, nunha decisión que se coñeceu fai uns poucos meses e que desembocará na edición do seu libro de poemas que vén deste xeito tamén a reivindicar á figura de Filomena Dato, outra das nosas descoñecidas, escritora comprometida e feminista que viviu entre 1856 e 1926 e cuxas reivindicacións se propuxeron na súa obra Follatos (1891). Todo iso vén a poñer en valor a importancia deste tipo de galardóns, premios que ademais de descubrir e poñer en circulación novos textos serven para poñer o ollo en quen antes fixo un labor case sempre esquecido e que baixo este tipo de convocatorias fainos entender que non todo foi en balde.


Lorena Conde co seu poemario honra tamén a Filomena Dato, a unha muller que nun espazo de actuación moi masculinizado, xa o é hoxe pouco podemos entender como sería daquela, presentou unha mirada diferente, unha mirada de seu, dende o feminino. Unha ave do paraíso que se quixo mover entre os demais nunha situación de igualdade, de liberdade. Esa liberdade é a bandeira que axita ao longo deste texto Lorena Conde, afastándose desa norma precisa da sociedade que lle impón á muller unha serie de comportamentos, de regras polas que transitar, e na que o seu corpo é unha parte a observar e mesmo a regrar de xeito permanente. A danza poética desta Ave do paraíso, é a danza de quen afronta o feito de superar o rexeitamento das miradas, a fricción do corpo ante a sociedade que lexitima a esvelteza, a vergonza de mover un corpo na pista de baile do público, e todo iso para acadar "o necesario desacato de bailar".

O necesario desacato de bailar
Comentarios