Un tecido de ondas e mulleres no tempo

Nerea Pallares. AEP
Nerea Pallares. AEP
Nerea Pallares converte 'Punto de araña', novela gañadora do premio García Barros, nunha fascinante achega a un universo feminino no que se enguedella a mitoloxía, o imaxinario popular e unha contemporaneidade de redes tecidas dende a sororidade

É un dos nomes do momento, protagonista dun deses instantes aos que se chega tras esforzos e traballos, de experiencias, viaxes, estancias e participacións en diferentes talleres e proxectos narrativos que veñen a fornecer a capacidade desta xornalista de formación, Nerea Pallares, e que vén de ganar o Premio García Barros de Novela 2025, coa obra que nos ocupa, Punto de araña, e, pouco tempo despois o Premio Manuel Lueiro Rey de xornalismo co texto Botar un conto.

Como se trata de fiar as cousas, o que ten moito que ver co contido de Punto de araña, editada por Galaxia, podemos tamén relacionar ambas obras gañadoras deses premios pola vontade da súa creadora de sentir unha presenza do pasado, de manter un firme fío coas que antes de nós xeraron unha identidade e un compromiso común co que o tempo e o noso desleixo xeracional non é todo o agradecido que tería que ser. Nerea Pallares reforza ese elo dende a condición feminina, as voces, condutas e comportamentos das que nos precederon nunha sorte de resistencia permanente baixo a secular e densa lousa dunha masculinidade asfixiante para as mulleres.

A autora lévanos a unha contorna física moi determinada, a de Camariñas, co que iso supón para o relato, para calquera narración na que o contexto Atlántico, a salgadura dos séculos, as relacións de veciñanza e o pouso dun pasado cheo de mitoloxías e relatos forman o acubillo dun presente que cada vez máis esquece eses tempos pretéritos. Ata ese lugar, como se fose froito dunha chamada procedente das escumas do océano, chega Ari para fiar dende a súa persoa unha especie de encaixe ao longo dos tempos, coa muller como eixe reitor dunha maneira de entender a vida que reclama de xeito firme as súas posibilidades de desenvolvemento e protagonizar unha historia de seu, sen as limitacións impostas polos homes, sen os desprezos e o seu afastamento da vida pública, das posibilidades de amosar as súas habelencias en diferentes aspectos da nosa sociedade.

Para pairar entre todas estas ondas Nerea Pallares propón unha novela coral, de voces dun presente que reclama as outras voces, as do pasado, nun dos grandes acertos deste relato, ao fundir de xeito fascinante esa coreografía telúrica que vén a palillar dende outro tempo, dende outra dimensión, para mudar as cousas, para amosar un vieiro de afouteza que cimente a rebelión. A outra gran achega do texto é a de enxerir a idea do labor, da costura, por así decilo, coa posibilidade da linguaxe como maneira de perpetuar unha estirpe, manter acesa unha identidade común de solidaridade e afectos que dende a complicidade e a amizade feminina aumenta as posibilidades desa resistencia da muller ante as ameazas que aínda hoxe asexan a moitas delas. "As cousas do mundo hai que palillalas pra que no mundo existan", podemos ler no texto, e así se nos revela a importancia, a necesidade da transmisión, de manter o valor da comunicación dende a palabra ou dende o simbólico como maneira de sermos parte dun vieiro común que nos identifica como membros dun espazo e dun tempo determinado.

A presenza de Ari, unha Ariadna contemporánea, como traballadora do museo de encaixe ademais de guía turística, convértese nunha sacudida no pobo, na que o seu devir persoal amosará outra dimensión máis ampla, a de ser parte dunha xenealoxía de mulleres vencelladas ao mar, a diferentes labores que podiamos definir como exclusivamente femininos, redeiras, mariscadoras, traballadoras de fábricas de conserva… traballos que non rematan aí senón que son unha continuación do que acontece nos fogares no que as mulleres establecen o seu consentido reinado pero sen lustre algún.

A esa estirpe pertenece Ari, mais tamén Nerea Pallares, ao non afastar a súa escrita, tanto xornalística coma literaria, do compromiso coa sociedade e as posibilidades de mellorar o que acontece nela, nomeadamente o papel das mulleres que emerxen neste relato dende os cantís da memoria para asexar a este hoxe tan perverso con elas e no que atopar unhas redes de confianza e seguridade entre elas é unha das claves para esa resistencia que será rebelión grazas a linguaxe, a esas palabras e a eses tecidos que sinalan a forza dun colectivo e balizan un futuro que ten que ser presente.

Comentarios