Peninsulares: textil artístico
Galicia a través de Pontevedra establece unha nova liña de acción colaborativa con Portugal, desta vez, e como tantas veces, e con aínda moito camiño por facer, dende o eido artístico. Unha parcería ou colaboración entre territorios que responde a unha identidade moi próxima e que nesta ocasión converte un elemento tradicional como parte do fundamento artístico dun conxunto de creadores, maioritariamente mulleres, que atopan no téxtil materia de inspiración e de formalización de ideas con insospeitadas e sorprendentes consecuencias.
Con dúas sedes, o Pazo da Cultura e a Sala Manuel Moldes da Facultade de Belas Artes onde se sitúa a mostra de artistas máis novos, Peninsular (es) Joven, o V Encontro Ibérico de Arte Téxtil Contemporánea cruza a raia por vez primeira na súa historia facendo desta unha edición especial. Así, as beiras do Lérez, reactualízase o valor do téxtil máis alá de históricas materializacións máis vencelladas ao social, económico, patrimonial, ou mesmo ao artístico, pero que dende esta actividade mergúllase nunha contemporaneidade plástica que manexa moitos dos códigos doutras técnicas e que a materia téxtil permite sumar novas e interesantes achegas.
Baixo a curadoria de Claudia Melo e Lala de Dios artistas como Alexandra Knie, António Jorge, Inês Neto dos Santos, Inês Norton, Maria Appleton, Paula Bruna, Pilar Sala, Raquel Buj, Rita Gaspar Vieira e Sara Coleman, fan do Pazo da Cultura un excelente muestrario do que son quen de acadar esas diferentes calidades do téxtil, e que dende o seu particular xeito de ver e entender a realidade que lles afecta, mantén sempre unha tensión entre a natureza e o creado pola man humana. Un proceso de interferencias inevitable cando se traballa cun material cunha orixe tan determinada e cun sustrato histórico que tamén o define dunha maneira moi clara, como parte de diferentes procesos industriais e de uso pola humanidade ao longo dos séculos.
No que certamente se traballa en conxunto é na proposta dunha sustentabilidade dese elemento, que fai fronte a este tempo de extenuación medioambiental e de ausencia de compromiso coa nosa contorna. Iso fai que o traballo co téxtil se estenda tamén a novas propostas que modifiquen esas materias, que as xeneren a través doutras propostas permitindo crear novas superficies que adaptadas á conciencia artística propicia resultados visualmente moi interesantes e atractivos para o espectador que ten, ao mesmo tempo, que educar a súa mirada ante unha materia non moi afeita ás salas de exposicións máis alá de usos cun carácter máis vencellado ao artesanal a través de propostas relacionadas á cultura máis popular.
Unha forma de traballar que aínda podemos dicir que está a abrir camiño, e que propón un futuro cheo de posibilidades como o que nomeadamente podemos albiscar dende as propostas das catro artistas máis novas, dúas galegas, Lucía Perdiz e Goa Vázquez e dúas portuguesas, Ana Leandro e Ester Matos, que na sede da Facultade de Belas Artes, xa teñen moi claro o que pode ofrecer este material. O emprego de pigmentos, o traballo coas texturas, a intersección de formas, a súa construción no espazo ou a propia significación que as propias teas poden ofrecer como parte da súa pertenza a diferentes culturas do mundo, así como o reaproveitamento dos excesos da consumista sociedade actual, converten a todos estes traballos nunha interesante maneira de relacionarse co noso mundo e cun tempo tan concreto como o que estamos a vivir. A conciencia ecolóxica, a fraxilidade dos espazos naturais, ou as migracións humanas ao longo de diferentes territorios converten a arte, ou mellor dito, reforzan o seu papel como mediador e axitador de conciencias.
Ata o 15 de novembro podemos achegarnos a descubrir as posibilidades dos tecidos para descifrarnos ou, cando menos, para propor diferentes opcións visuais que, abofé, non deixarán a ninguén indiferente, e iso é o mínimo ao que pode aspirar calquera manifestación artística.