Opinión

A poesía reunida de Luisa Villalta

Descoñecida para os máis novos, poucas edicións máis acaídas para recuperar a súa figura que esta escolma dos seus poemarios publicados en vida, xunto cun vizoso estudo de Armando Requeixo, para outorgarlle todo o brillo á figura da poeta coruñesa Luisa Villalta.
Luisa Villalta
photo_camera Luisa Villalta. TR

Canto tardan en chegar certos libros e que ledicia cando isto se produce e se pousan nas nosas mans para entender da súa necesidade. Pensar é escuro é a poesía reunida de Luisa Villalta entre 1991 e 2004 e que, baixo a coidada edición de Armando Requeixo vén de saír do prelo de Galaxia para alegría de todos nós.

Unha alegría que xorde desa necesidade por volver a mirada cara unha das nosas poetas maiores, renovadora da nosa poesía a finais do pasado século dende unha ollada feminina e que propoñía novos vieiros de expresión. Pero a súa figura, desaparecida de xeito imprevisto cando a creadora estaba no seu punto máis álxido de actividade, déixanos tamén non poucos exemplos do seu diverso quefacer, xa que dende a narrativa, a dramaturxia, o ensaio ou a tradución foi quen de compoñer unha rica colectividade de textos que amosan todo o seu potencial cultural e a súa fonda visión sobre diferentes feitos arredor do ser humano.

Os catro poemarios publicados da súa man son os que se compilan neste volumen. Isto é: Música reservada (1991), Ruído (1995), Rota ao interior do ollo (1995) e En concreto (2004), aos que se lles engade toda unha regalía, como é a introdución coa que Armando Requeixo non só fai iso de introducirnos na personaxe, senón que afronta toda unha revisión dos seus fitos vitais máis sobranceiros así como das súas publicacións e arelas nesa diversidade creativa que podería chegar, se non se lle acabase o tempo, a ser unha das máis poderosas da nosa cultura polo feito nun tempo lamentabelmente tan curto.

Como escolma de poesí ao libro é unha marabilla polo que ten de poñer fronte a nós eses catro poemarios que estiveron ao coidado da poeta. Catro libros nos que a súa poética construíuse aos poucos, ata derivar nese último libro, En concreto, no que se amosa a súa madureza como poeta e toda unha conquista desa voz propia que tan complexa é de acadar. Alí atopouse coa súa cidade, coa Coruña que a viu nacer e vivir entre 1957 e 2004, e con ela reflectiu unha expresionista simbiose coa Cidade Alta. "O meu nome é o da Cidade Alta", escribiu Luisa Villalta, quen, ata chegar a ese libro, que acadou o Premio Espiral Maior, publicou tres anteriores.

O primeiro deles significou a súa presentación como poeta, Música reservada, coa firme ancoraxe na súa gran paixón, como foi a música —era unha consumada violinista—, no que asoma unha certa melancolía e elementos vencellados ao desamor, a perda ou a ausencia, e na que xa detecta Armando Requeixo esa trindade que a vai acompañar sempre como é o pensamento, a música e a poesía tecendo entre eses tres vértices a súa identidade creativa.

O segundo dos poemarios, o da confirmación, e que contou xa co recoñemento da crítica, foi Ruído, que hai que entender a partir do primeiro libro e como aquela música agora vese baixo unha distorsión que provoca o noso mundo e o seu devir en caos, e no que asoma a inquedanza da poeta pola nosa identidade.

O terceiro foi Rota ao interior do ollo, unha curiosa publicación en forma de plaquette con cinco composicións editada en Lisboa. Mais a gorentosa achega de Armando Requeixo tamén analiza polo miúdo todo o que aconteceu arredor da súa figura nos anos seguintes ao seu pasamento e ata a publicación desta antoloxía, que non recolle os títulos publicados con poemas de Luisa Villalta que estaban escritos pero non publicados por ela, sendo eses dous póstumos Papagaio (2006) e As palabras ingrávidas (2020). Pero a súa figura tamén motivou unha chea de accións e iniciativas que mantiveron acesa a súa chama creativa e persoal ao longo dos anos, mesmo coa máis que xustificada reivindicación da súa figura como protagonista do Día das Letras Galegas para o que xa foi presentada a súa candidatura. 

Achegas como este libro abofé que xustifican esa posibilidade para gabar a súa obra, pero sobre todo son unha ledicia para o seu coñecemento e recoñecemento, para o que non sempre é preciso ese tipo de celebracións, senón que iniciativas como as de Armando Requeixo e Galaxia son o mellor que se pode facer para que poñamos o foco na poeta que pensa escuro, que, seguindo o ronsel de Heráclito, nos remite á complexidade da nosa existencia e a tensión entre o que somos e o que desexamos ser.

Comentarios