Sempre é unha ledicia atopar novas sensibilidades no eido da poesía. Novas propostas que se veñen a sumar ao firme ronsel de mulleres e homes que fan desta disciplina unha das máis sobranceiras da nosa escrita. Ines Mosquera, adicada á investigación no ámbito da literatura galega, preséntase en sociedade coa súa Papoulas amarelas, editada pola editorial Medulia e acompañada das ilustracións de Yeray Martín Prats. Un libro cheo de delicadeza na súa presentación e no que a padronesa afronta e amosa a súa relación coa figura da avoa, o que lle serve para contrapoñer o seu proceso de crecemento, a través de diferentes idades, co que supón esa vigorosa presenza ao longo de todo ese itinerario de muda.

Un libro que, como esas papoulas, muda de cor a medida que pasamos as súas páxinas, como no paso do tempo que substitúe diferentes cores polo amarelo que anuncia un novo tempo, un remate da vida á que todos, dun ou doutro xeito, sempre nos imos achegando. Escribiu Fernando Pessoa que "No entardecer da terra,/ o sopro do longo outono/ amareleceu o chão", e do mesmo xeito que a súa avoa se achega á despedida, tamén a poeta muda a súa cor ao longo dun proceso de madureza que forma parte da configuración dunha identidade que leveda no tecido da familia, nese acubillo que se amosa sempre aberto á natureza, a un proceso case natural de simbiose cunha contorna que sempre se amosou fundamental nese traxecto común mantido entre avoa e neta. As cores, os efectos da natureza, os insectos, as plantas, fixan o marco para esa unión que lle serve á nena para entender boa parte do proceso vital no que se atopa, ata darse conta de que dende un determinado momento arrinca unha nova etapa.
A nena xa non é nena, sendo o comezo dunha interpretación distinta do que acontece ao seu arredor. "O cerebro é máis profundo que o mar", afirmou Emily Dickinson, sendo deste xeito como a memoria e o pensamento convértense nunha natureza máis que explorar, e na que atopar ese recoñecemento en forma do verso que ela merece, como lle conta Inés Mosquera a súa avoa, sabedora de que na palabra as cores resisten mellor o paso do tempo que nas papoulas que xa anuncian o outono, sendo o mellor facer da primavera refuxio e acubillo para esa necesaria afouteza dos afectos.
Mais o tempo non entende de serenidades e sempre camiña cara a adiante, arrastrando con el recordos, aloumiños e conquistas. A nena que camiñaba da man da avoa abraiada vendo as xoaniñas coroar as follas máis altas, agora sería quen de darlle a súa cabeleira para que a trenzase sen fin. O bosquexo de adulta deixou de selo e Inés Mosquera precisa entender esa primavera dos afectos como un espazo de resistencia ante o inevitábel, ante a perda que será física, pero que nunca o será de xeito total xa que hai elos que son irrompíbeis.
Para amosar esos elos a poeta elixe unha poesía calma, de palabras que se van fiando de xeito firme, aínda que a nós nos poidan semellar sinxelas. Cada páxina constitúe un acto de amor que se amosa, non dende un exceso de azucre, que sería o peor que podería facer unha poeta no seu debut, senón que ese amor leveda dende a confianza nesa relación, e dende esa simbiose proposta cunha natureza que enche de significados cada poema para que abrollen as imaxes. É a teima das palabras por visibilizar esa muda no pigmento das flores que é tamén a muda na pel das protagonistas.
Papoulas amarelas e Inés Mosquera preséntanse ante nós a partir dunha poesía chea de humildade e respecto, que sempre é a mellor maneira de deixar pegada entre os lectores que atopan unha proposta seria e ben construída dende unha intención moi sólida, como é a de amosar a importancia dunha relación persoal e que ao remate deixa un saboroso gusto que che deixa coas gañas de seguir lendo este tipo de poesía chea de frescura.