El tiempo
miércoles. 06.07.2022
El tiempo

O reto de ter un final feliz

O mando de relatos acubillados en Final feliz, a nova escolma de contos de Xavier Queipo, configuran un itinerario polo mundo da realidade, do coñecido en varias partes do mundo, máis tamén é unha travesía por unha fasquía de imaxes que xorden do universo onírico.
Xavier Queipo

CANDO cumpriu 55 anos Xavier Queipo puxo nas nosas mans, coma unha sorte de celebración literaria e vital un abondoso volume de relatos titulado 55, editado por Xerais. Agora, da man desta mesma editora, e sen unha celebración aparente dende o cronolóxico, máis que a de festexar a literatura e a vida, o cal non é pouca cousa, o autor compostelán preséntanos Final feliz, unha escolma máis miúda na súa extensión, pero que acolle un monllo de textos que definen boa parte dunha das escritas máis interesantes e comprometidas coa nosa literatura, dende unha fondura nas súas pretensións e que deixa sinalado un dos nosos territorios autorais máis senlleiros.

A concesión de galardóns como o Xerais por Extramunde (2011) ou o Blanco Amor en 2016 por Os kowa, xunto ao Premio da Crítica española e o Premio Nacional de Tradución pola súa colaboración na tradución do Ulysses en 2014, deixan boa conta do quefacer literario de Xavier Queipo, quen compaxina ese labor creativo co seu traballo como funcionario da Unión Europea en Bruxelas, onde reside dende 1989. Esa permanente ollada dende a distancia con Galicia, o elo firme dende a lingua e as diferentes viaxes profesionais a múltiples xeografías do mundo levedan na súa escrita en diferentes direccións que agora, neste libro que nos ocupa, atopan outro fío común como é o de converter o remate de cada un dos relatos nun final feliz, aínda que o camiño percorrido anteriormente non nos leve a imaxinar que a súa conclusión sexa a que define de xeito tradicional a este tipo de relatos breves que, como acontece nos textos para a cativada, adoitan rematar cun obrigado final feliz.

Algúns deles están dentro deste Final feliz, cuxos relatos nos levan a diferentes xeografías pero que ao telas todas xuntas, nos sinalan unha primeira identidade común

O libro rematouse de imprentar en xaneiro deste ano "mentres a neve seguía callando nos outeiros que arrodean Viena", pero o certo é que eses outeiros podían ser calquera nas diferentes latitudes que percorreu Xavier Queipo en funcións administrativas, pero entre cuxas tarefas sempre hai tempo para converter os seus cadernos de apuntes desa realidade que o envolve neses momentos nun compás para futuros textos. Algúns deles están dentro deste Final feliz, cuxos relatos nos levan a diferentes xeografías pero que ao telas todas xuntas, nos sinalan unha primeira identidade común, a que representa o ser humano, con independencia do tempo ou do espazo que habite, e que resposta sempre a unha mesma configuración, a unha procura de arelas e desexos que se rebelan fronte ao que supón a dor ou a perda. Do mesmo xeito que o amor, a vida ou a morte, e mesmo o sexo, diverso e pracenteiro, tecen unha malla no que as diferentes personaxes se desenvolven baixo a atenta mirada dun escritor con moito de científico, de esculcar a través do microscopio eses comportamentos tan inexplicables coma reveladores do que somos.

Xavier Queipo

Todos ses apuntamentos do real conviven, como un equilibrista sobre o arame, nunha tensa harmonía cun universo onírico que procura novas imaxes que se converten en literatura a través de escenas nas que a linguaxe funciona como unha fervenza poderosa que enchoupa ao lector coa escuma que deixa un léxico abondoso e capaz de recrear unha serie de pasaxes que te mergullan no relato e na súa acaída atmosfera.

Configúrase, deste xeito, ese mundo propio que sobrevoa en todo o que fai Xavier Queipo, singular, definitorio, dende a súa narrativa máis longa ata estes relatos que, como pílulas, –non me resisto a empregar un termo médico para alguén con esa formación– acollen no seu interior unha destilación das súas compoñentes esenciais. A experiencias vividas ao longo da vida, tanto no que supoñen viaxes, como lecturas, relacións humanas, ou todo o que comporte vida, son o contrapunto preciso para eses desafíos do inconsciente que poñen ao escritor nese punto de tensión preciso para medirse coa súa propia tarefa á que desta volta, engádelle un inesperado reto que xorde da evolución de cada unha das historias a de facerlle ter un final feliz, cando a vida, as máis das veces, gorenta ter un remate tráxico.

O reto de ter un final feliz
Comentarios