Acolle o Museo de Pontevedra a mostra Campo de sementes 2, que vén a reunir o traballo creativo de artistas vencellados de diferentes xeitos á pontevedresa Facultade de Belas Artes. Artistas que se moven arredor dese concepto de semente que lle dá título á mostra e que xunta a mestres e antigos alumnos, dúas situacións nas aulas que, unha vez fóra do centro académico, funcionan como un único elemento, e que vén a visibilizar ese proceso de crecemento natural do que supón terse como artistas, como creadores que, a través de diferentes linguaxes plásticos, son quen de interpretar a realidade que nos rodea.
Escultura, pintura, instalacións ou vídeocreacións reúnense nunha mostra que, como acontece en calquera exposición colectiva, permite enfrontarnos a pezas que a cada un de nós nos poden parecer dun maior ou menor interese. Obras coas que se establece un elo íntimo que, segundo sexa o caso, pode ser máis ou menos forte, pero o que si serven todas elas é para comprobar a diversidade de linguaxes e de xeitos de expresión válidos hoxe para interpretar diferentes postulados artísticos, todos eles igual de válidos e respectables á hora de activar un contido creativo. Dada a singularidade da mostra, que xorde dese xuntar a alumnos e profesores, tamén podemos subliñar unha identificación común no quefacer duns e doutros, mesmo deixando de lado distancias cronolóxicas, atopando, ao longo de toda a mostra, de que maneira emerxe unha uniformidade que permite ver toda a exposición sen grandes sobresaltos e sen fortes contradicións entre elas, como poderíamos supoñer ao tratarse de creadores de tempos diferentes e con cadansúas circunstancias individuais.
![A exposición 'Campo de sementes 2'](/media/galiciae/images/2024/01/16/2024011618183195917.jpg)
Pezas como as de Manuel Dimas, Miguel Cuba, Pérez Jofre, Berta Cáccamo, Maruxa Alonso, Lucía Romaní, Xisela Franco, Teresa Pajares, Sonia Tourón, Juan Fontaíña, Carlos Fer, Elena Fernández Prada e Carmen Lage, sitúan ao espectador ante esas diferentes perspectivas da arte contemporánea da que a Facultade de Belas Artes de Pontevedra é, dende a súa creación, unha importante factoría de pensamento e acción que ten neste tipo de mostras o complemento perfecto a súa propia dinámica educativa, pero que, pola singularidade deses estudios, precisa cada certo tempo de proxectar cara o exterior o que acontece no interior do antigo cuartel de San Fernando.
Campo de sementes 2 enfíase nunha intensa traxectoria de exposicións que non só visibilizan esa conexión entre alumnos e profesores da facultade, senón que tamén traballa na conexión entre a Facultade e diferentes espazos da cidade. Recolle Campo de Sementes 2 o testemuño do pasado ano cunha primeira edición exposta na Sede da Fundación Rosón, como antes se fixera no Edificio Sarmiento, tamén do Museo de Pontevedra. Iso tamén é semente, o poder relacionar á propia facultade con institucións coas que sempre é interesante manter conexións e alianzas, tamén o propor accións ao longo e ancho da cidade, que permitan ver o que moitos destes creadores son quen de experimentar, tanto tras un proceso de formación ao que chega alumnado de diferentes puntos da xeografía galega ou mesmo estatal, como o propio traballo creativo do profesorado, tantas horas ao longo do ano secuestrado pola burocracia e as tarefas docentes, de aí que estes procesos de osixenación veñen moi ben para amosar o estado da cuestión no que están cada un deles.
Campo de sementes 2 funciona, polo tanto, como un campo expandido das accións artísticas de mestres e alumnos que prolongan fóra das aulas esa conexión que durante varios anos se establece entre eles, facéndonos partícipes aos demais desa última materia que superar por todo creador como é o contacto co público, o feito de presentar a obra ante o exame dun espectador para o que as veces non é sinxelo engancharse con determinados discursos, mentres que con outros un atopa toda unha serie de fíos cheos de emocións e sensacións positivas, o cal non deixa de ser o eterno debate da arte e a súa conexión co espectador, pero para iso antes hai que sementar.