Opinión

Somos materia encallada

Intimidación, presentado polo Colectivo Maiakovski, xorde como un berro colectivo. Un berro que nega a propia autoría do poeta para afirmar o enfrontamento co sistema e o protagonismo do lector como a figura que lle outorga o derradeiro sentido ao poema.

QUE medo acirra os latexos dos nosos corazóns? É unha das preguntas que se fai e nos fai o Colectivo Maiakovski na cuberta deste libro de poemas que emerxe como unha gran balea branca á procura da resposta do colectivo fronte ao rebumbio que cada vez máis nos rodea, nun proceso de anulación persoal ante o que, por desgraza, non chega ningunha contestación. Este colectivo, que toma o nome do revolucionario poeta ruso, entende a poesía como a resposta máis acaída, aquela que aínda pode ofrecer algunha esperanza cando xa non hai tempo nin espazo, nin opción, para o optimismo.

Intimidación é o título deste monllo de poemas que edita Xerais nesa procura dos cómplices precisos para que o enfrontamento coa besta, con ese ser que todo o engule, sen compaixón, na procura de satisfacer as súas arelas de poder, sexa, cando menos, un proceso de concienciación, de poñer ante o lector unha paisaxe de aniquilación gradual das nosas bondades como especie, aínda que cada vez máis renunciemos a elas. Dividido en varios movementos, con dúas codas e o acceso mediante un código QR a unha vídeo creación, Intimidación ten moito dun sentimento de rebeldía, como xa establecera o autor bolchevique no seu manifesto A labazada ao gusto do público. Aquí a labazada tamén é contundente, pero faise necesaria ante a letarxia colectiva que vivimos, converténdose nun altofalante poético na procura dese horizonte de esperanza ao que suxeitarnos cara o futuro.

"Iso somos/materia encallada á beira do abismo", e fronte a iso é fronte ao que nos coloca o Colectivo Maiakovski. Fronte a un cantil a piques de caer por el, cegos no noso destino, rodeados das proclamas dos medios de comunicación, da política, da economía, das gadoupas, en definitiva, dun século que xa nada entende de solidaridades ou de respectar o fin último da vida que tería que ser o do goce dende a liberdade e a subsistencia. Namentres, as únicas promesas que nos chegan son as da uralita, o terrazo e o eucalipto, símbolos da especulación e da mercantilización do territorio, dunha natureza cada vez máis corroída polas nosas ambicións.

Esta intertextualidade que se produce ao longo do poemario entre palabras do propio Maiakovski e do propio Colectivo, actúa como o gume preciso da acción poética máis contestataria que ten no texto un soporte


Todo o poemario confórmase, daquela, como unha sorte de manifesto. As súas frases son breves, lóstregos que procuran, dende o escintileo da linguaxe, ferir as nosas conciencias, activar a nosa resposta, e converternos en cidadáns en todo o sentido da palabra, isto é, xente comprometida coa sua contorna, xente que se enfronte e que poña en discusión aquilo co que non concorda. "Icarizándonos/contra a propia norma", é a maneira na que o Colectivo Maikovski explica a súa pretensión de que sexa o lector quen faga do poema a ferramenta para canalizar a súa rebeldía, esa que todos entendemos acubillada no noso interior e que só precisa dun reactivo que nos faga reaccionar. En tempos de consumo enfermizo, de producións alienantes, de naturezas esnaquizadas, dun delicto televisado que funciona como un novo xeito de ficción, de poderes sen face, esta intertextualidade que se produce ao longo do poemario entre palabras do propio Maiakovski e do propio Colectivo, actúa como o gume preciso da acción poética máis contestataria que ten no texto un soporte, pero que precisa para o seu completo activismo da oralidade, aínda que iso desenmascare aos autores destas liñas no horizonte do desasosego que precisan dese anonimato para ser un berro colectivo, un paraugas baixo o que agocharse coa que está caendo.

Obsolescencia programada de nós mesmos. Precisamos da linguaxe, da palabra para nomear o noso estado xeral e, sobre todo, para darlle cabida á expectativa, quizais o único ao que poder suxeitarnos cara o que virá, e para iso precisamos deste fluír de voces, canle amniótica no que somerxernos para tentar voltar ao principio, cando eramos só futuro, sen a violencia do presente e cando no único espazo no que pousarnos sexa o incontrolable, aquilo que aínda cada un de nós podemos ofrecer á tribo como o noso mellor servizo para tentar desencallar.

Comentarios