El tiempo
viernes. 27.01.2023
El tiempo

Teatro que non fai pé

Auténtica referencia no teatro en Galicia, o grupo Chévere cumpre trinta e cinco anos dende a súa creación. Agora a súa historia recóllese nun espléndido libro que, dende o prelo da editora Kalandraka, acolle todo o que é Chévere e o seu labor de axitación cultural.
Teatro Chévere
Chévere.

NA SÚA creación non houbo "premeditación nin aleivosía" pero Chévere naceu para poñer patas arriba a escena teatral galega. Alternativo, reivindicativo, indomábel (a sucesión de adxectivos nese campo sería interminábel), a súa chegada converteuse nunha sacudida, xa non só no que acontecía sobre as táboas, senón tamén na contorna cultural dun país que sempre estivo baixo o seu punto de mira para escrutalo, diseccionalo e atopar nas súas vísceras a maneira de comprender o que acontece en Galicia. Chévere supón ese teatro a contracorrente que nunca chega a facer pé.

Un afouto volume que merodea as trescentas páxinas contén todo o que foi e é Chévere. Un proxecto que da man de Xesús Ron e con diálogos dos seus compoñentes ao longo do tempo, xunto ao abondoso material gráfico que posúe a propia compañía, compón un imprescindíbel relato que explica non só a un grupo teatral, senón tamén a toda unha sociedade durante estas últimas décadas.

Dende a súa primeira acción, Servizo discrecional en 1987 ata N.E.V.E.R.M.O.R.E., estreada o pasado ano, percorremos todo un itinerario sen un camiño definido, sen unha liña clara de antemán e poñendo moito en mans da intuición e as gañas de facer determinados proxectos en absoluta liberdade e que sempre mantiveron ese interese pola axitación cultural e a complicidade co público. Pouco a pouco os elementos da realidade comezaron a incorporarse a cada un dos proxectos teatrais, formando parte do seu imaxinario, nun país cunha identidade definidade case dende o irreal, e con argumentos máis que suficientes como para converter esas obras en ámbitos de experimentación do escénico cun imprevisíbel elo coa realidade. Aquela frase pronunciada pola esposa do presidente Manuel Fraga tras a colocación dunha bomba no seu chalé de Perbes: "Esto no puede ser obra de gallegos", adoptábase como un leitmotiv de acción da compañía.

En 1990 Río Bravo significou subir un chanzo para Chévere ao concebir todo un espectáculo como tal, e con música ao vivo. Tamén, tras o seu éxito, xa non só en Galicia, supuxo unha aprendizaxe en canto á profesionalización e distribución por diferentes territorios. Todo isto foi un aumento de confianza no que se facía e nas futuras posibilidades da compañía, dando paso aos tempos da Nasa. Un espazo cultural que se converteu nun foco de cultura que ubicaba de xeito físico a Chévere, vencellábao á rede de teatro alternativo e teceu complicidades con compañías de Portugal. Pero sobre todo chantou no territorio un espazo mítico, un recinto de experimentación que aínda hoxe se mira coa necesaria nostalxia do que foi relevante para tantas persoas, non só as implicadas no propio protagonista teatral, senón para o público do que xurdiron moitos compoñentes doutras compañías ou mesmo da propia Chévere. Despois chegaron as Ultranoites, cunha proposta que non deixaba de levedar incorporando ingredientes da revista, do music hall, a performance ou a visceralidade dunha interpretación ancorada nunha necesaria rebeldía.

No 2002 o chapapote enlamouno todo e Chévere tamén ofreceu a súa resposta ao Mayday social. O compromiso afouto co territorio, cunha sociedade confusa e perplexa converteuse en Burla Negra, abanderando non poucas iniciativas para sacarnos do transo e recuperar os nosos sentidos. Esa apelación aos sentidos e a resposta popular significou o ser conscentes da transversalidade do traballo cultural nunha sociedade e cómo pode formar parte dela. Chévere propón e leva a cabo traballos no eido televisivo, ‘Pepe o Inglés’, ou no cinematográfico, Crebinsky, pero sobre todo acadaba unha madurez que o ía situar na escena do estado como toda unha referencia, ata acadar en 2014 o Premio Nacional de Teatro, e levando adiante obras tan gabadas como Eroski Paraíso ou Curva España, o que significou a súa proxección de xeito definitivo, culminado coa súa última e impactante obra, N.E.V.E.R.M.O.R.E.

Chévere navegaba ao pairo, sen a súa base portuaria da Sala Nasa ou o refuxio de Teo, convertido no desterro que xurdiu das miserias políticas que levaron ao peche da Nasa, e así chegou aos trinta e cinco anos que se conteñen neste libro que é toda unha vida, e así a contan os seus protagonistas: Xesús Ron, Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo ou Manuel Cortés nunha conversa que amplía o seu coro de voces con esa obra final que demostra o poder do colectivo, da suma de talentos e compromiso de tantos e tantos que acompañaron a Chévere nesta travesía que, como eles mesmos afirman, fíxoo "nadando entre as ondas, achegándose á praia, pero sen chegar nunca a facer pé".

Teatro que non fai pé