Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Vidas en construción

A novela finalista do Premio Xerais 2020, Deixádenos remar, converte un microcosmos humano nun espazo de resistencia no que a persoa e a súa convivencia mídense a esa modernidade urbanística que significan as urbanizacións nunha muda da nosa paisaxe urbana e social

NA CABALEIRO preséntanos a súa segunda novela, Deixádenos remar, baixo esa medalla de honra que é a de resultar finalista do Premio Xerais 2020, pero, máis alá desa situación, o certo é que con esta novela a autora confírmase como unha das novas voces máis interesantes do noso panorama narrativo.

E iso grazas a unha escrita que non é allea ao noso devir cotiá que, ademais do literario, móvese por uns vieiros que buscan ao tempo interpelar ao lector fronte a nosa contorna. Se coa súa anterior novela As Ramonas (2018) foi o ámbito rural na que, xunto coa historia central do relato, se amosaba unha reflexión sobre cómo é a vida nese espazo tan concreto e as veces demasiado mitificado na nosa cultura, agora Ana Cabaleiro achégase ao eido urbano, e máis en concreto a esas periferias das cidades nas que o rural deixa de selo ao tempo que o asfalto e as beirarrúas convértense nun espazo limiar cos pequenos cultivos ou mesmo coa crianza de animais.

Nesa fronteira é, polo tanto, na que a autora desprega toda unha colmea de personaxes que, a través de diferentes relatos e situacións, nos levan a ser un veciño máis, a ollar e a participar da vida dos demáis, a coñecer as súas necesidades, frustracións e desexos; pero tamén a participar de ironías e falcatruadas que xorden sempre neses ámbitos de convivencia onde o roce non sempre fai o cariño. Toda esta serie de friccións humanas activa unha sorte de forza interior no relato que conecta cada un deses vieiros vitais, desas vidas en construción que, dende diferentes ópticas e atendendo a situacións específicas deses xiros con que nos sorprende a existencia, fan de cada vivenda case que un experimento concreto, nese gran tubo de ensaio en que se converte a vida.

Ese espazo de colisión é dunha enorme riqueza e permite a autora tamén a posicionarse de xeito activo, isto é, a través dunha mirada que dende o literario convértese ao tempo nunha mirada política sobre o que está a acontecer en determinadas áreas do noso territorio, nos que certas tensións sociais forman parte da realidade cotiá e como pertencer a un determinado grupo ou outro condicionará o que aconteza ao longo da vida. A iso súmase a situación de crise económica na que levamos envoltos durante varios anos e que está tamén plantexando un novo escenario que, como todos sabemos, ten máis repercusións nas clases traballadoras que teñen nese límite xeográfico boa parte do seu hábitat, expulsados pola carestía dos centros das vilas cara un exterior nos que, curiosamente, tamén moitos dos económicamente máis poderosos instalan as súas vivendas e piscinas dentro dunha certa perversión urbanística que engule boa parte do medio natural.

É marca da casa, por seguir coa aproximación ao fogar, o emprego do humor e a ironía que Ana Cabaleiro nunca deixa de lado de maneira ben intelixente. Sabedora das posibilidades desta ferramenta para darlle a volta a certas situacións, aliviando comportamentos e fornecendo complicidades co lector. O humor como desengraxante, pero tamén como elo co que prender a ese lector que precisa ter onde asirse ao longo dos textos para non abandoar. E o certo é que abandoar un libro de Ana Cabaleiro non é doado, ao conseguir unha naturalidade na escrita que é moi de agradecer, máis aínda cando se tratan temas e se observan situacións moi cercanas a todos nós.
Deste xeito as nosas periferias urbanas convértense en Deixádenos remar nun ámbito de reivindicación, unha sorte de berro miudiño e permanente que as veces estoura en certas situacións límite e que, como ben afirma o título da novela, tan só procura que todo individuo poida progresar na vida, acadar as súas arelas e tentar ser o máis feliz posible. Ana Cabaleiro ben se ve que é feliz escribindo, artellando historias e, sobre todo, construíndo eses personaxes dende os que esculca a esta Galicia que, como sustrato literario aínda pode ofrecernos moitas posibilidades.

Comentarios