Opinión

A minoría supremacista

HABLAMOS ESPAÑOL fracasou nas súas convocatorias de agosto, malia escoller datas de feiras en localidades con moitos turistas do resto do Estado: Sanxenxo, Baiona e Compostela. Mesmo entraron en conflito con elementos salientàbeis do PPdeG, como o alcalde de Sanxenxo. De certo que a súa mensaxe ríspida, nin empática nin simpática, de brancos e negros, confronta de máis cos grises e relativismos galegos,  coa tolerancia, a amabilidade e a cordialidade que adoitan rexer asrelacións interpersoais  neste país atlántico. Diran moitos de vostedes que non paga a pena escrebir a respecto desta xente. Que viven fóra da centralidade, son moi curta minoría e  non representan case a ninguén. Isto  é verdade, mais só se atendemos á realidade social de Galicia. Porque esta corrente,  reducida  e radicalizada, conecta con amplas capas da poboación nos territorios unilingües do Estado. Conecta con ese “mainstream” supremacista español que marca a axenda política da dereita española e na que se insiren os líderes de Cs e PP, Albert Rivera e Pablo Casado, canda os extremistas de Vox. O discurso de Hablamos Español é a negación da realidade. O problema na Galicia non o ten o omnipresente castelán, senón a nosa lingua propia, vetada en máis da metade do sistema educativo e moi minorizada nas Admnistracións do Estado e de Xustiza, na empresa, na publicidade e nos media. O discurso de Hablamos Español, como o do seu fundador Galicia Bilingüe proxecta unha realidade deturpada onde o opresor transfórmase en oprimido. Esta mensaxe non pretende ser maioritaria na sociedade galega, mais si cohesionar e alargar unha minoría moi influínte, que marque a axenda política, que impida de feito a oficialidade do galego, a vitalidade da nosa cultura, o desenvolvemento da nosa economía e a restauración da nosa autoestima. Quere dividir á sociedade galega e presentar aos que defenden os nosos dereitos e intereses  como o que son eles, como sectarios, intolerantes e pouco empáticos. Queren pór o mundo ao revés e que as súas teses supremacistas pasen por ideas razonàbeis.
Fronte a esta mensaxe de división, de exclusión do que é noso e de minorización dos nosos dereitos e intereses, cómpre opór unha mensaxe en positivo, transversal,incluínte e pedagóxica que, porén, non lles pase unha no ámbito do debate das ideas e na definición da axenda política.

Comentarios