miércoles. 02.12.2020 |
El tiempo
miércoles. 02.12.2020
El tiempo

Que facer con Colón?

RTVE estreará o ano que vén unha película documental e unha miniserie para televisión ídem arredor da investigación do ADN de Cristóbal Colón, un proceso que durou case dúas décadas
Estatua de Cristóbal Colón. EP
Estatua de Cristóbal Colón. EP

DAQUELA, Lorente deu establecido que os restos –nunca mellor dito, só queda o 15% do esqueleto despois do tour que fixeron durante máis de medio milenio desde Valladolid-Sevilla-Santo Domingo-La Habana-Sevilla eran de Colón. A pesar da certeza científica, Lorente decidiu paralizar a investigación á espera de que os avances na xenética permitiran establecer cousas como as orixes do home que chegou a América e morreu convencido de que chegara a Asia. Algo moi distinto da trapallada que se fixo cos restos de Cervantes no convento das Trinitarias de Madrid. En 2015, para cadrar co cuarto centenario da morte do autor, foi proclamado como achado certo o que simplemente era «la posibilidad de que algunos fragmentos de huesos hallados en la iglesia de las Trinitarias correspondan a los de Cervantes». O ano que vén, en maio, no 515 cabodano da morte de Colón, saberemos se era xenovés, catalán, croata, escocés ou de Pontevedra, como argumentaba, entre outros, Celso García de la Riega. Mais pode ser que para a estrea do documental coproducido entre RTVE e Story Producciones, prevista para o 12 de outubro de 2021, ninguén queira reivindicar ser o seu berce.

O proceso de conversión da celebración dun descubrimento, con maiúscula, a condena dun xenocidio, tamén con maiúscula, avanza con máis celeridade aínda que a investigación xenética. Pola época na que Lorente concluía que Colón —polo menos un 15%— estaba soterrado en Sevilla, nun episodio de The Soprano, membros da ‘familia’, entre eles Paulie Gualteri, ofrecíanlle unhas labazadas a uns activistas nativos que protestaban polo Columbus Day. Hai un par de anos, nunha visita a Madrid, o director Spike Lee cualificouno —a Colón, no a Paulie— de "terrorista". Estes meses, a cabalo das protestas do Black Lives Mattern, foron derrubadas efixies do navegante nunha chea de cidades dos EUA —Miami; Richmond, St. Paul (Minnesota), Boston e Baltimore—, e mesmo en Barcelona se rexistrou un intento, finalmente frustrado polo argumento da posible catalanidade do xenocida —e pola altura da columna, supoño—.

Incluso un coñecido guionista estadounidense, John Fusco —Spirit (a do cabalo) e The Forbidden Kingdom , de Jackie Chan—,  anunciou o ano pasado que preparaba unha serie sobre o personaxe: "A miña duradeira relación e miña alianza coa comunidade de nativos americanos fixeron que teña ganas de contar esta historia desde hai anos: a verdade escura e brutal detrás de Colón, non o mito que se ensina nas escolas". A serie vai basearse no libro Colón, el mito al descubierto  no que o autor, o holandés Hans Koning cualificaba ao biografado como un "raspiñeiro cobizoso, o prototipo de canalla que viaxou para liquidar unha cultura".

É de celebrar que Hollywood contribúa a consolidar os verdadeiros feitos históricos. Colón foi, en verdade, unha boa peza. A pesar do contrato real que lle aseguraba gobernar en todo o que descubrira, lambeulle a Rodrigo de Triana o premio de 10.000 marabedís que a Coroa de Castela ofrecera ao primeiro que divisara terra, argüíndo que a noite anterior vira ao lonxe un lume aceso. E logo de ser virrei das terras descubertas, volveu a España cargado de cadeas, acusado de tiranizar e cometer tropelías sen fin nos que daquela chamaban indios. Pero aínda que quen chegase en outubro de 1492 a unha das illas Bahamas chamada Guanananí fose Henry Thoreau ou o Mahatma Ghandi e non o mal bicho que probablemente foi Colón, as consecuencias serían as mesmas. Botarlle a culpa ao navegante do que pasou na colonización de América é como botarlla a Gutemberg de que se editen os libros eses das Sombras de Gray.

Por moito que se disfrace de misión civilizadora, a ferocidade nas colonizacións vén de serie

Os europeos foron ao novo mundo, como antes e despois a outros, a facerse ricos polas boas ou, case sempre, polas malas como fixeron os vikingos de Leif Erikson no século X, Hernán Cortes no XVI, ou o rei Leopoldo de Bélxica a África no XIX. Pasando por riba de quen fose, empezando polos lexítimos propietarios de vidas, terras e facenda, normalmente coñecidos como aborixes: «Seres de escaso mérito que estorban no chan dun país recén descuberto. Pronto deixan de estorbar e entón, fertilizan», segundo a definición de Ambrose Bierce. Por moito que se disfrace de misión civilizadora, a ferocidade nas colonizacións vén de serie. E por suposto, as sociedades conquistadas e masacradas tampouco eran en si mesmas un exemplo de vida idílica en comuñón coa natureza e convivencia harmónica cos veciños, como a aldea de Astérix. Daquela a vida non valía nada, igual que agora cando as cousas se torcen.

O que non foron foi a destruír conscientemente ningunha cultura, como tampouco o facían os bárbaros xermanos que asediaron e conquistaron Roma. O científico Xurxo Mariño contaba en Luzes que alguén chamado Ruben de la Vialle, en 1660 entrou na cova de Niaux, nos Pireneos franceses e chegou ata o que hoxe se chama Salón Negro. Alí, a carón duns magníficos debuxos prehistóricos de bisontes e outros animais duns 13.000 anos de antigüidade, o tipo escribiu o seu nome. «Ruben de la Vialle 1660». 17 veces. Con boa caligrafía, así que debía ser alguén estudado. "Un ilustre vándalo, poderíamos pensar", escribía Mariño. "Mais non, aquí non hai ningún tipo de atentado contra o patrimonio, xa que o patrimonio, para meternos con el, primeiro ten que existir". No XVII non existía o concepto de arte rupestre. Non é de estrañar. Aínda hoxe en moito ámbitos contemporáneos e coetáneos, altos e baixos, o patrimonio non se ve. É como se non existise.

Nun acto institucional que se celebrara hai anos no compostelán Instituto Galego da Información de Isaac Díaz Pardo, unha poeta e cantora mapuche daba un recital no que relataba os masacres do seu pobo a mans dos conquistadores. Ao acto asistía Manuel Fraga, que nun momento dado bisboulle na orella a Isaac: "Pensándoo ben, nós fomos os mapuches dos romanos". Pensei na famosa escena de La vida de Brian, do debate político nas bancadas do circo: "Os romanos, que fixeron por nós os romanos?". Supoño que os celtas poemanos que vivían nas chairas de Lugo e foron expulsados ou degolados por Paulo Fabio Máximo e seus lexionarios para deixar sitio e a un campamento terían unha opinión do Arde Lucus tan mala como baseada na propia experiencia, pero non é cousa de derrubar a muralla para reivindicalos.

Ou sexa, que non sei se nos convirá que Colón veña sendo nativo da Moureira pontevedresa.

Que facer con Colón?