Vídeos

Rammstein crea polémica por un vídeo con estética de campo de concentración

A banda alemá de metal industrial Rammstein volveu a xerar controversia ao difundir un vídeo promocional do seu próximo álbum no que os seus integrantes aparecen vestidos a modo de prisioneiros dos campos de concentración nazis. O vídeo, de 35 segundos, mostra a catro dos integrantes do grupo no patíbulo, cunha soga ao redor do pescozo e traxes a raias.

O cantante, Till Lindemann, aparece sangrando dunha ferida na cella dereita e o guitarrista, Paul Landers, leva unha estrela de David no peito. O vídeo remata coa palabra Deutschland (Alemaña), escrita en letras góticas.

As críticas á estética non se fixeron esperar. Para Felix Klein, comisionado do Goberno alemán para asuntos de antisemitismo, "a escenificación dos músicos de Rammstein como presos de campos de concentración condenados á morte pasa unha liña vermella".

Charlotte Knobloch, expresidenta do Consello Central dos Xudeus en Alemaña, considera que "a maneira na que Rammstein utiliza o asasinato de millóns para fins de entretemento é frívola e repulsiva".

Comentarios