Takekazu Asaka: "O son do castelán fáiseme moi duro; reláxame escoitar o galego con gheada"

Na súa tarxeta de visita preséntase como "embaixador da lingua galega no Xapón", ademais de investigador da Sociedade Xaponesa de Promoción Científica e do programa Hispanex. Tamén é profesor en Toquio de gramática española e imparte cursos de lingua e cultura galegas. Vén de publicar unha edición bilingüe de 'Os eidos' de Novoneyra

Takekazu Asaka. XESÚS PONTE
photo_camera Takekazu Asaka. XESÚS PONTE

COÑECÍN a Takekazu Asaka de casualidade en agosto de 2011, cando el botaba uns días na casa de Antón Santamarina en San Martín de Suarna, na Fonsagrada, onde acode regularmente desde 1989 para escoitar "o galego puro, o canto dos paxaros e o vento, mesmo cando sopra baixiño". O venres participou na sede de El Progreso na entrega dos premios do certame Contos de Verán, de relato curto en galego que organiza a centenaria cabeceira luguesa en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e que se entrega arredor do Día de Rosalía. Contaba Take, como lle gusta que lle chamen, que estaba aínda un chisco desorientado polo cambio horario e polo día que lle fixo perder Iberia na súa viaxe a Galicia. O domingo viaxou de novo a Madrid para recibir a Orde da Vieira.

En 2011 dixérame que acababa de presentar unha edición bilingüe sobre Ramón Cabanillas e que estaba a traballar xa sobre uns contos de Rosalía de Castro...

Son estes. [Amósame un libro de capa alaranxada, editado por DTP Publishing]. Leva tamén un disco compacto, cos contos lidos por unha galega de Lugo, Ana García, de Taboada, unha compañeira no Instituto da Lingua Galega. O limiar é de Anxo Angueira, o presidente da fundación Rosalía, e o prólogo, da filóloga María do Carmo Ríos Panisse. Eu traducira Cantares gallegos ao xaponés e matinei en poñerme con Follas novas, pero facíaseme complicado. Entón souben duns contos que apareceran nunha revista, asinados como R.C., que tanto Angueira como Ríos Panisse atribuíron a Rosalía de Castro.

Entón decidiu que estes contos eran máis doados de traducir que Follas novas.

Follas novas é difícil. Moi difícil. porque é unha lírica complexa, na que cómpre afondar no sentido galego. Tampouco son sinxelas as metáforas nin a morfoloxía do idioma... Os contos conteñen unha historia, un relato, e teñen unha estrutura máis clara.

Aínda que a priori a nós a lírica nos pareza máis doada, a dificultade está condicionada pola diferenza existente entre os sistemas lingüísticos galego e xaponés?

A lírica ten o texto moi breve, pero garda moita profundidade de pensamento, sobre todo Follas novas. Están, por riba, algúns castelanismos da época... Pero, sobre todo, é que son moi tristes. Eu non quería naquela época mergullarme en textos tan tristes, quería cousas con alegría. (Risos). Agora si que me vou poñer con Follas novas.

'Follas Novas' é un poemario difícil, porque é unha lírica complexa, na que cómpre afondar no sentido galego; os contos son máis doados

Si que é un poemario con carga de profundidade.

Si, parece que está influído polo carácter galego e o clima galego.

Non sei se será carácter, pero temos uns cantos poetas galegos que traballan o haiku...

Verdade, verdade. Sobre todo o noso amigo Uxío Novoneyra. Encantáballe o haiku xaponés.

E das contemporáneas, Helena Villar Janeiro.

Certo.

Pode ser que malia ser dúas culturas tan afastadas poida haber un punto de conexión?

No caso de Uxío Novoneyra si que creo que hai un influxo moi claro do haiku xaponés. É un estilo de verso moi breve, no que predominan os heptasíbalos, pero ten moita carga de contido. É unha palabra moi especial, filosófica.

Serviulle a vostede coñecer O Courel para entender mellor a poesía de Uxío Noveneyra?

Dúas veces fun visitar as terras do Courel; o monte. El mismo fixera un glosario en Os eidos para que se entendese ben como era aquela terra e eu tamén o incorporei á miña edición bilingüe. Hai moitos dialectalismos no Courel. En Galicia, cada aldea ten o seu dialecto; sobre todo, en Lugo... Son moitos anos estudando a lingua...

Ao noso amigo Uxío Novoneyra encantáballe o haiku xaponés; un estilo de verso moi breve, pero filosófico

En que está agora?

Ultimamente fixen un traballo pequeniño sobre a gheada, en Cambados. Escribino o verán pasado. Desde hai moitos anos traballo en Cambados para escoitar a gheada. A gheada é un patrimonio. A min gústame moito escoitar a gheada. Cando escoito a gheada reláxame moito. En cambio, o castelán fáiseme moi duro.

Hai algún fenómeno fonético similar en Xapón?

Como a gheada, non. Pero en canto á morfoloxía, ao igual que aquí tendes o dativo de solidariedade, as xente máis vella da contorna de Toquio fala con vocativo de solidariedade. Os novos, non. Andan a cousas máis modernas.

"Para difundir a lingua galega é preciso que teña un estándar, unha variante culta"

Gústalle saír das cidades para "escoitar o galego puro". Como é?

Son lingüista e gústame a dialectoloxía. Cada persoa ten o seu idiolecto, pero para difundir unha lingua é preciso que teña un estándar, unha variante culta.

Sabe que estamos fallando como sociedade na transmisión do galego ás xeracións máis novas?

Estes días de atrás foi o Día da Lingua Materna. É normal que a xente queira estudar unha ou máis linguas estranxeiras nunha sociedade globalizada, pero a produción literaria, o uso diario, debera atender o galego.

Ten moitos alumnos de galego?

Hai anos dei uns cursos no Cervantes de Toquio. Na universidade, cheguei a ter dez alumnos. Agora son tres ou catro. A xente no Xapón non coñece moito de Galicia. Si o Camiño de Santiago, pero Cataluña promociónase moito mellor no exterior, e mira que sería fácil coa música galega.

Préstalle?

Gústanme Berrogüetto e Xabier Díaz. Carlos Núñez e Luar na Lubre son coñecidos. Encántame a voz de Uxía... Hai tamén unha pandeireteira e un gaiteiro que fan música galega en Xapón.

Os novos poderían conectar a través do anime e do manga...

Eu xa vou vello para iso, pero gústame o Xabarín e teño visto algo de Sin Chan ou as Bólas de dragón en galego.

Comentarios